publicidade hoxe
José Manuel García e Xosé López: “Rescatamos a tradición coa natureza como elemento xerador de divertimento” - Cabecera

José Manuel García e Xosé López: “Rescatamos a tradición coa natureza como elemento xerador de divertimento”

portada-libro-xoguetes-naturais-corto

José Manuel García Fernández traballa nunha carpintería de mobles en Lourenzá mentres que Xosé López González é profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui. A priori entre eles non se dá ningunha semellanza, non obstante, ambos agochan un interese en común, o estudo e investigación dos xoguetes tradicionais e o patrimonio lúdico. Froito desta paixón común xorde unha gran iniciativa, recoller toda a sabedoría popular adquirida sobre o mundo dos xoguetes. É así como os nosos colaboradores da sección de Picaraxadas, na que cada semana descubrimos como crear xoguetes con materiais da natureza, deciden divulgar os seus coñecemento a través do audiovisual “Tempo de xogar” e os libros “Os xoguetes esquecidos I”, “Os xoguetes esquecidos II” e o de publicación máis recente, “Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Primavera –Verán”.

Nome completo
José Manuel García Fernández
Xosé López González

Data de nacemento
J.M.: 18/01/1957 en Castropol.
X.: 28/01/1963 en Lourenzá.

Lugar
J.M.: Os Ancares.
X.: Os soutos de O Courel e os seus ríos.

Unha afección
J.M.: O debuxo.
X.: Xogar ao futbiño cos amigos.

Unha comida
J.M.: Peixe sapo á sidra
X.: Tortilla con zorza e ensalada, que fai a miña nai.

Unha virtude
J.M.: A seriedade.
X.: A humildade.

Un defecto
J.M.:
Un trapalleiro pouco fiable.
X.: A irresponsabilidade.

Un soño
J.M.: A igualdade no mundo.
X.: Que cada vez máis, os amigos sexan amigos de verdade, con todas as súas consecuencias.

Actualmente acabades de publicar o terceiro libro de xoguetes tradicionais “Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Primavera-Verán”. Por que credes que teñen éxito e o público pide máis?

Porque é algo diferente ao que se leva publicado sobre esta temática, tanto a nivel de formato coma de tratamento. É dicir, ata agora nada se levaba editado sobre a maneira de construír unha argallada coa explicación baseada en debuxos feitos a lapis e seguindo unha orde na súa elaboración. Co cal é imposible perderse ou non conseguir obxectivo final, que non é outra cousa ca realizar o enredo para divertirse.

Os dous volumes anteriores eran “Xoguetes esquecidos I” e “Xoguetes esquecidos II”. Cal sería para vós o que máis representa a estes xoguetes: o esquecemento, a tradición ou a súa vinculación coa natureza? Por que?

Pois, pódese dicir que todos estes aspectos representan unha parte do que realmente son. Por unha banda, representan o esquecemento no sentido de que estaban aí, esquecidos polos nenos e nenas de hoxe e só lles cumpría darlles a posibilidade de renacer. Por outro lado, están, evidentemente, fortemente vinculados coa nosa tradición porque eran os que desde sempre formaban parte dos divertimentos e momentos de lecer dos nosos devanceiros e de grande parte de nós mesmos. Finalmente, non cabe dúbida ningunha, que son froito da natureza que nos rodea e do momento en que ela se manifesta, pois ben certo é que estes xoguetes andan co reloxo natural.

Pero antes de todo o éxito acadado, como xurdiu a idea de compilar este tipo de xoguetes? Foi doado acceder a toda a documentación da que agora dispoñedes?

Este interese medrou un pouco polo noso afán xogueteiro e porque vimos que, tal como acontece con outras tradicións da nosa Terra, estaban esmorecendo ou mesmo desaparecendo. Polo que atinxe ao acceso á información ou existencia deste acervo lúdico, doado foi, aínda que abondo laborioso porque non sempre achabas á persoa ideal como informante á hora de pescudar.

Trátanse de xoguetes recuperados da tradición ou tamén os hai creados pola vosa inventiva?

Da nosa inventiva non hai ningún, o que si hai algún que lembramos nós porque temos argallado con eles e mesmo os temos confeccionado. O que está claro é que nós creamos uns plans para chegar á devandita elaboración. Pódese dicir, daquela, que non existe nada inventado senón creado a través da investigación sempre contrastada, ben bibliograficamente doutros estudosos, como Xaquín Lourenzo, ou da propia información da xente.

Credes que se trata de trebellos que espertan o sentimento de pertenza á cultura galega ou poderían extrapolarse a calquera comunidade?

O que é evidente é que non se pode cuestionar a universalidade do xoguete popular ou tradicional, pois existen noutras comunidades do Estado, mais tamén noutros lugares do mundo. Agora ben, o que está claro é que os nosos son identificativos da nosa cultura, ben sexa polo material e a propia idiosincrasia galega.

Cantos xoguetes tedes rexistrados? Aínda quedan para novas edicións?

Nós temos contrastados e investigados pola volta dos trescentos brinquedos. Agora, iso si, existe unha enciclopedia do brinquedo tradicional, “Tastarabás”, da autoría de Antón Cortizas, publicada pola Editorial Xerais, na que aparecen uns mil ou máis. Aínda que o enfoque desta magnífica publicación é totalmente diversa do noso Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Primavera – Verán, porque aquela é coma un catálogo de xoguetes e este ten unha función máis didáctica. En canto que se quedan para novas edicións, pois polo número que acabamos de indicar, diriamos que si, pero dependerá moito do interese que suscite nos lectores.

presentacion-libro-picaraxadasConsiderades que o labor docente puido influír nas ansias de compilar semellante información?

Xosé López, como docente, pode dicir que si, que detrás de todo isto é evidente un devezo de ensinar ás novas xeracións todo aquilo con que se divertiron os seus antecesores. No caso de José Manuel García, á parte deste interese didáctico, existiu un exercicio de divertimento na realización e debuxo destas argalladas.

Tamén realizades obradoiros nos que crear “in situ” algúns dos xoguetes. Quen goza máis: os cativos ou os seus pais e avós?

Pois, si. Levamos realizado unha morea deles dende hai quince anos para acó, tanto organizados en colexios, concellos, asociacións, comisións de festas e eventos de todo tipo, tanto no noso país coma nalgún outro lugar do Estado. Pensamos que todos, cada un na súa medida, mesmo nós, gozan á súa maneira. Os nenos experimentando, os pais vendo accionar aos seus fillos e eles mesmos e os avós, voando á súa infancia coa nostálxica lembranza.

Sería unha boa actividade educativa e creativa para introducir nos colexios, tendes peticións?

Home, claro que si. De feito hai casos, coma por exemplo o CEIP Mosteiro de Caaveiro, no concello de A Capela, o IES de Melide ou o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, entre outros. Temos peticións, mais é imposible atender moitas delas, unha, porque os nosos propios traballos nolo impiden e outra, porque están moi afastados da nosa contorna.

Que diferenzas e similitudes destacariades -aproveitando tamén a condición como mestre de Xosé- entre a infancia dos nosos pais e a dos nenos de agora?

A similitude é que na infancia ambos tiñan e teñen os devezos de xogar. É obvio que os tempos e maneiras de xogar cambiaron abondo, pero as ganas, non. Hoxe, tanto por mor do incremento da poboación das vilas e cidades, o abandono do campo, as présas da xente e o aumento do poder adquisitivo e o abaratamento do brinquedo industrial, a situación é ben diferente.

Credes posible o abandono real dos videoxogos para regresar á infancia na que se espertaba, quizais por necesidade, a verdadeira creatividade?

Nin o cremos nin o pretendemos, pero si pode existir, ou sería ideal, unha convivencia harmónica de ambas as dúas manifestacións do xogo. Evidentemente, a necesidade agudiza o enxeño, pero os xoguetes actuais corren paralelos aos avances tecnolóxicos, dos cales non nos podemos afastar.

obradoiro-3Gardades algunha anécdota ou reacción curiosa dalgún cativo cando descobren como de materiais simples sae un xoguete?

Ningunha en concreto, pero, claramente, identifícano como un xoguete, de xeito instantáneo e póñense a xogar de maneira espontánea, moitas veces cambiando a súa función inicial, é dicir, poden converter un peixe de madeira agarrado a unha cana nun carro ou carricoche.

Cales son realmente os valores que este proxecto pretende? É un rescate da tradición ou un chamamento a abandonar o consumismo?

Trátase, en xeral, dun rescate da tradición, mais tamén de demostrar un valor engadido da natureza como elemento xerador de divertimento ou goce do medio natural que nos rodea. Así mesmo, hai detrás de todo isto un respecto á natureza e un desexo de coñecela, amala e protexela. Polo que atinxe ao abandono do consumismo, non o podemos pretender porque sería unha utopía, pero tampouco se pode querer porque é unha maneira de mover a economía.

obradoiro-4Aínda que chega a soar a tópico, cal é a reacción dos cativos “de cidade” para os que algúns dos materiais, de seguro, lle resultaran todo un descubrimento?

A reacción non é moi diferente en canto ao resultado final, que non é outro que a aparición, o xurdir da argallada. Si é distinto o coñecemento ou descoñecemento dos materiais empregados para a realización destes brinquedos que, evidentemente, por pouco que sexa, é maior a sabedoría, sobre este tema, da picaraxada das aldeas, pois o seu contacto cotiá co medio, dálle un plus.

Resulta igual de doado que anos atrás conseguir os materiais cos que se crean estes xoguetes?

Diriamos que si, sobre todo aqueles que proceden directamente da natureza, mais aqueloutros que xorden do refugallo, é obvio, que non é tan doado que aparezan. Por nomear un caso: agora é case imposible atopar carretes de fío para facer un viravai, poñamos por caso; acontece o mesmo para achar un tubo dun paraugas para facer un cachorrillo.

obradoiro-2Os xoguetes que recompilades, en ocasións convértense en auténticas obras de arte pola delicadeza do material. Credes que seguen véndose como xoguetes ou algún pai é máis receoso de deixarllo ao seu fillo?

Ben certo é que algún deles apetece poñelo como adorno tras dunha vitrina, pero non podemos esquecer a súa finalidade primixenia, a xogareta.

Para cando tedes prevista a edición dun próximo libro?

Estamos traballando arreo nun próximo que recollerá outros trinta xoguetes relacionados co momento do outono e do inverno. Antes de nada, temos que comprobar que este “Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Primavera – Verán”, teña a acollida agardada que, en principio, é excepcional, todo sexa dito de paso. Nisto ten moita culpa a Editorial Ouvirmos ao apostar por este tipo de traballos tan diferentes dos que estamos acostumados a ollar nas vitrinas das librerías.

Cal é o formato, extensión e a quen vai dirixida esta publicación?

Ten un formato de caderno Dim A5, coma se fose un caderno de campo, con posibilidade de realizar anotacións á hora de realizarmos unha camiñada polo medio da natureza, con textos descritivos curtos que teñen a pretensión de seren claros, para unha mellor comprensión á hora de realizar o xoguete. Van acompañados de máis de duascentas ilustracións, feitas a lapis, de cada un dos pasos a realizar, resultado final e mesmo como se xoga. Leva capas semiduras de cor azul escura con fasquía de caderno de época. Son, en total, oitenta e catro páxinas, das cales, as tres últimas son para anotacións que considere pertinentes o lector. A súa finalidade primordial é a da realización das devanditas argalladas. Vai dirixida esta publicación a un público variado, de todas as idades e xéneros. A súa finalidade didáctica é recomendable para familias e o mundo do ensino, así coma para todos aqueles que queiran viaxar a través do tempo ata a súa infancia.

Xogos naturais v2.inddE xa por último, se tivésedes que escoller un só xoguete entre todos os que recompilastes, cal sería e por que?

Isto é coma se a uns pais lles preguntas cal é o fillo ou filla que queren máis. Non saberiamos dicir. Teriamos que valorar o seu enxeño, como por exemplo un viravai ou un rinrán de noz; a simplicidade e dinamicidade, coma un estraloque de cardo ou un foguete de xunco; a vistosidade, coma unha moneca de follato de millo ou unha de papoula; a sonoridade da trompa do castiñeiro…

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 1 de Setembro do 2014 | 7:56 p.m.

Outros temas de Entre Nós