Carlos do Viso: “A zanfona é un instrumento que ten algo que prende a calquera”
Forxou a súa paixón pola música de cativo, a forza de escoitar ós gaiteiros das festas, e cando foi el o que fixo soar unha gaita por primeira vez, quedou namorado do seu son para sempre. Despois, unha cousa levou á outra, un instrumento a outro, un retoque a outro… Ata converterse a día de hoxe nun dos máis recoñecidos artesáns da zanfona a nivel internacional. A marca Carlos do Viso é garante de calidade e de precisión, pero sobre todo, é reflexo de tradición e agarimo. |
Nome e apelidos: Juan Carlos Collazo Durán (O Viso, Redondela) Un lugar: O Viso Unha virtude: paciencia Un defecto: perfeccionismo Un soño: voar |
Para empezar Carlos, como te presentamos? Un artesán dos instrumentos, por exemplo? Quen é Carlos do Viso?
Pois é un namorado da música e dos instrumentos, tanto tradicionais como todos os demais. Son un construtor de instrumentos que intenta disfrutar e difundir a nosa cultura a través da música.
Ti comezas tocando, non si? E despois é cando comezas a fabricar os instrumentos…
Si, comezo tocando a gaita e por mor diso, decídome a fabricar os meus propios instrumentos.
Que instrumentos fabricas?
Comecei facendo instrumentos de percusión, coma pandeiretas, tamboriles e bombos. Actualmente constrúo tamén instrumentos de corda coma zanfonas, bouzoukis, mandolas , guitarras…
E tócalos todos? Tocas tódolos instrumentos que fabricas?
Toco a meirande parte deles, polo menos un pouquiño.
Entón empezaches pola gaita, non? Por que?
O primeiro foi a gaita, porque realmente gustábame o seu son. Foi aí, a través dela, que comezou todo o meu agarimo pola música e polos instrumentos.
Cantos anos tiñas? É algo que che ven de cativo ou unha vocación descuberta despois?
Pois cando comecei a interesarme de verdade por todo este mundo tiña ó redor de 20 anos máis ou menos, pero xa de cativo gustábame oír ós gaiteiros nas festas e supoño que algo faría.
Como foi ese día no que decides empezar a fabricar, e como saíron aqueles primeiros?
O primeiro instrumento que fabriquei foi unha pandeireta, e fíxena porque quería ter unha. Esa primeira… Bueno, soar… soaba, pero agora co tempo e a práctica loxicamente xa cambiaron moito e son outra cousa. Pouco a pouco vas mellorando e evolucionado nas costrución.
Tiveches algún mestre que te iniciara dalgún xeito ou dirías que es autodidacta?
Tiven como mestre de percusión a Don Xosé Manuel Brañas que foi o meu mentor.
Cal é o instrumento que máis che gusta fabricar? E con cal te sentes máis identificado?
A zanfona, xa que é un instrumento precioso e ademais é o que máis toco de todos os que fabrico. O seu son, a súa liña… Non sei, a zanfona é un instrumento que ten algo, algo que prende a calquera.
Supoño que no caso da zanfona seredes poucos os artesáns que quedades…
Non! Todo o contrario! Actualmente estamos a vivir un momento de crecemento tanto de luthiers como de músicos que se decantan por tocar a zanfona.
Si? E como é como instrumento?
Pois é o primeiro instrumento que fai un son continuo, é un sintetizador medieval que chegou ós nosos días.
Canto tempo pode levar a fabricación dunha zanfona?
A verdade é que son procesos moi longos e custosos, xa que para fabricar unha podo botar… Entre un e dous meses.
Que materiais empregas? De onde proceden?
Uso diversos materiais de moitas partes do mundo. Por exemplo, por dicirche algúns, madeiras como a de Cocobolo de Africa, de Ébano de Cuba ou de Arce Canadiense. Ademais de peles, metais, cordas, coiro…
Como son os teus instrumentos? Como os definirías?
Son instrumentos feitos dende a paciencia e a tradición, e con moito cariño, xa que a maioría son personalizados e únicos.
O nome de Carlos do Viso ten un gran recoñecemento a nivel internacional, son instrumentos propios da música galega pero parece que non só…
Teño a sorte de que non só se venden para Galicia, senón que cada vez son máis os que os piden para fora.
En que países están os teus instrumentos?
Pois a verdade é que en moitos… México, Arxentina, Francia, Chile, Alemaña…
Se non me equivoco creo que tamén das clases, non?
Si, tamén dou clases de zanfona, para aqueles que queiran aprender a tocar.
E como ves o futuro desta parte da nosa cultura Carlos? Hai “canteira” para continuar coa actividade no futuro?
Algo hai, algo hai… A verdade é que estou moi contento cos meus alumnos e de seguro que continuarán espallando a nosa música e a nosa cultura.
Moitas grazas Carlos.