publicidade hoxe
Lito Andión: Algúns produtores “maquillan” o queixo para o concurso de cata - Cabecera

Lito Andión: Algúns produtores “maquillan” o queixo para o concurso de cata

cata-concurso-queixos

Organizada pola Xunta de Galicia celébrase anualmente unha Cata de Queixos e Mel onde se premia aos mellores queixos presentados a concurso nas catro denominacións de Orixe: Tetilla, Arzúa Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro.

Este ano a Consellería quixo facer unha Cata na que os queixeiros puiderán coñecer e valorar os queixos que se presentan e o xeito no que se desenvolve o concurso; especialmente para que aporten novas ideas que contribúan a mellorar o certame e lograr unha maior participación das queixerías.

Quixemos coñecer a opinión sobre esta cata de Lito Andión, xerente de Cooperativa Hoxe, gañadora de distintos premios a nivel autonómico e nacional.

Lito, no concurso deste ano non participastes, cóntanos cal foi o motivo?

Algunhas queixerías, como neste caso Cooperativa HOXE, non participamos porque pensamos que o concurso débese mellorar, porque non todos participan coa mesma “legalidade” aínda que as normas sexan para todos iguais.

Pero se as normas son iguais para todos, en que pode fallar o concurso?

Pois un exemplo pode ser que actualmente as tomas de mostras fanse nas queixerías e iso pode facer que algún fabricante prepare o queixo para o concurso dándolle un tratamento distinto ao que fai habitualmente.

Entón, como se puntúa para decidir aos gañadores?

Unha puntuación importante é a presenza do queixo, ou “fase visual” o que significa a terceira parte da puntuación do premio, por iso hai empresas que “maquillan o queixo”, e dicir, dan uns coidados no exterior dese queixo que non son os mesmos que no queixo que comercializan.

Podemos dicir que non todos actúan con legalidade, que só preparan un queixo para o concurso e logo na realidade comercializan outro?

Lito-AndionSi, é correcto, temos un concurso onde uns queixeiros mandan o queixo tal e como comercializan ao público nas tendas e grandes superficies e outros queixeiros “pillos” que fan queixo preparado só para concurso.

Tendes valorado tomar algún tipo de acción ao respecto?

Logo da cata de onte, ímonos reunir de novo coa administración para ver de que forma podemos facer que o concurso sexa máis representativo do queixo, valorar a posibilidade de coller o queixo nos lineais de venda ao público, o que realmente se está comercializando, e se iso no é posible, mirar a opción de facer que os “pillos” non tomen vantaxe.

Cres que variando as normas do concurso participarían máis produtores na Cata?

Si, se se acada un entendemento pode ser que para o ano que vén, participen todos os queixeiros das distintas denominacións galegas.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 5 de Decembro do 2014 | 7:49 p.m.

Outros temas de Entre Nós