publicidade hoxe
Nastasia: “Se consegues dicilo, consegues curalo. Se consegues cantarllo ao mundo, nin che conto” - Cabecera

Nastasia: “Se consegues dicilo, consegues curalo. Se consegues cantarllo ao mundo, nin che conto”

Nastasia Zürcher . Videoclip 'Voar'. Foto de Teresa Pece

A pesares do exótico do nome, o galego de Nastasia Zürcher é tan perfecto como o que máis. Naceu en Suíza, pero a que estaba vindo ó mundo nese momento era en realidade unha galega. Unha galega á que a música lle corre polas veas case tanto como a dozura, o agarimo e a sensibilidade. A forza e a paixón que desborda no escenario, deixan paso nas distancias curtas a unha rapaza coas ideas ben asentadas, cuns obxectivos claros, e coa madurez e a forza suficientes para logralos. Non atoparemos a súa música dentro das canles comerciais, e ata a ela lle custa enmarcala nun estilo. A mellor definición para o que fai quizais sexa, Nastasia. Nastasia en estado puro. Sen máscaras, sen filtros, sen complexos. Falei xa da súa valentía? Bueno, iso xa o deixa claro ela soa…

Nastasia

Nome: Nastasia Zürcher Losada (Xenebra, 1988)

Un lugar: Castro de Baroña

Un hobby: os Sudokus

Unha comida: calqueira feita con agarimo (sonche de bo comer)

Unha virtude: organizada

Un defecto: ás veces un pouco impulsiva

Un soño: que sexan realidade

Antes de nada imos explicar por que unha galega ten este nome Nastasia (risas). De nacemento non es galega, pero de corazón si…

Completamente! Nacín en Suíza e vivín alí ata os 12 anos. Logo miña nai e máis eu emprendemos unha aventura de vida dirección Galicia e ata hoxe! Pero xa neses 12 primeiros anos tivemos a sorte, meu irmán Pablo e máis eu, de pasar varios veráns na Terriña, entre Santiago e Porto do Son, polo que o aire do Atlántico leva tempo correndo polos meus pulmóns.

E no corazón tamén che vai a música, ou máis ben no sangue. O teu pai é músico, e a túa avoa tamén… Música clásica ademais, non si? Como che influíu todo isto?

Ter nacido nunha familia na que a música sempre foi un modo de vida ten moitas consecuencias positivas. É unha bagaxe de vida enorme, que te impregna dun coñecemento valiosísimo aínda que no momento non sexas plenamente consciente. Sempre estivemos metidos en todo o relacionado con ese mundo por mor dos traballos de meu pai (composicións para teatro, publicidade, espectáculos de danza, sonorización de debuxos, gravacións no seu estudio Panoramix a todo tipo de músicos…). E a isto teño que sumarlle a grande cultura e paixón musical de miña nai e miña avoa, que ademais era arpista e profesora de piano.

E que en canto a formación, isto é un máster!

Ter escoitado tanta música, tantos estilos, tantos cantantes e instrumentos, tantas maneiras de interpretar e de sentir a música… Isto si que é primordial para min, porque é a maneira de atopar despois a túa esencia, a túa identidade. Canto máis escoites, vexas, sintas, máis saberás e poderás dar.

Nastasia Zürcher. Foto de Teresa PeceComo definirías a túa música Nastasia? Hai incluso quen fala dunha Alicia Keys versión galega…

Sempre digo que non estou moi a favor das etiquetas, pero é certo que hoxe en día, e máis ca nunca, é importante poder “clasificar” o que fas para poder chegar ao maior número de xente posible… Dito isto, creo que a definiría como música de autor, creada dende o sentimento e o amor pola arte e as emocións. Ten influencias do soul, do pop, deixes do jazz, toques étnicos e de músicas do mundo. Unha fusión real e completa das emocións que vivo, sinto e quero transmitir.

Antes de decantarte polo canto creo que tamén lle deches a varios instrumentos. Ao final quedaches coa voz, por que?

Pois si, comecei co violín aos 6 aniños, e máis tarde paseime á batería. Disfrutei e aprendín moito cos dous, pero é certo que ata que non tiven as miñas primeiras clases de canto, con 11 anos, non sentín ese arreguizo interno de … “isto é o meu”. A voz é o instrumento que máis cedo captou a miña atención e o que máis me inspirou dende sempre.

Nastasia Zürcher. Foto de Aitor NovaRastrexos, Odaiko, O Coro da Rá,… En cantos proxectos andaches metida? (Risas) En que punto se atopan cada un deles?

Hai que estar activo e facer todo o que poidas, todo suma!!! A verdade é que tiven, e teño, a sorte de formar parte de proxectos moi ricos musicalmente falando, e moi diferentes entre si. O feito de cantar nun coro supuxo moito na miña aprendizaxe, tanto como solista como sendo unha voz máis dun conxunto no que tes que empastar, afinar individual e colectivamente, escoitarte e escoitar aos demais, seguir as indicacións do director… Despois están as completas e complexas melodías de Rastrexos Project, compostas por Adrián Saavedra que é un grande amigo e músico. Ritmos africanos, latinos, tradicionais, jazz, reggae… cunha instrumentación percusiva que che obriga a ter o ritmo 100% metido no corpo para logo poder xogar, improvisar, crear… Son retos que ademais che achegan vivencias e constrúen a túa persoa.

Pero agora no que estás centrada é na túa carreira en solitario, non? Ves de presentar o teu primeiro videoclip; ‘Voar’. Gustaríalle a Nastasia Zürcher poder voar?

Para o que eu considero voar baixo esta forma de vida, si! E podo dicir que xa consigo facelo, agora só é “manter as minhas asas abertas”, como di a canción, continuar co voo xa emprendido. E para iso toca dar o seguinte paso, o paso real de mostrarme artisticamente tal e como son a través das miñas composicións. Sinto que chegou o momento e síntome lista para facelo, para crealo e para vivilo.

Como é este videoclip? É un adianto do que coñeceremos o próximo ano? Porque para o 2015 teremos o teu disco se todo vai ben…

Exactamente! Se todo segue así de fluído a principios de ano xa estará materializado. E por suposto, ‘Voar’ é unha pequena mostra do que soará nel. É un proxecto con moitas influencias e no que haberá pinceladas e acenos a moitos estilos.

Un disco no que te amosas por completo, moi intimista, moi profundo. Non da medo abrise dese xeito?

Cando te aceptas tal e como es, cando aceptas verte e ver as túas debilidades, as túas inseguridades, o que tes que traballar en ti, decátaste de que en realidade os límites son pura fantasía, de que os medos só son parte daquilo que che queda por limar e que aínda renegas de ti. Claro que é un reto persoal grandísimo abrirte e ser, pero é parte dese traballo de coñecemento persoal e de amor cara un mesmo. Se consegues dicilo, consegues curalo. Se consegues cantalo ao mundo enteiro, nin che conto… Liberación total!Nastasia Zürcher xunto ó pianista Francisco Gallardo. Foto de Teresa Pece

‘Voar’ é ademais a única canción en galego que haberá no disco, que significa para ti cantar en galego? Por que decidiches facelo?

Para min Galicia significa o verdadeiro comezo nesta vida, a toma de contacto real comigo mesma. Cantar en galego é cantar dende dentro, dende o máis profundo. Por ese motivo tiña claro que quería que a miña carta de presentación fose nese idioma. É o máis sincero que teño. Ademais o galego é unha lingua belísima para cantar e para escribir! Pero tamén é certo que neste primeiro traballo só haberá unha canción na nosa lingua. O resto será practicamente todo inglés e algo de francés. Pasiño a pasiño.

Non fas unha música entendida como comercial, é máis difícil abrirse paso sen entrar nese círculo?

Ten unha parte máis laboriosa, si, porque tes que moverte máis para chegar á xente, pero por outro lado estás ofrecendo algo xustamente diferente e iso, opino, sempre é carta a favor. A autenticidade é o que marca que quedes ou marches. Ademais hoxe en día, coa enorme plataforma que dan as redes sociais, todo está máis á vista para todos. O factor determinante son os contactos e, por suposto, un produto de calidade e unha enteireza que comeza en ter claro o que queres e como queres conseguilo.

Nastasia Zürcher acompañada do equipo de gravación do videoclip 'Voar'. Foto de Teresa PeceAdoitase dicir que un non é profeta na súa terra, que hai de certo nisto no teu caso? Marchaches para Madrid para continuar a túa formación, non sei se buscando tamén máis oportunidades…

 A verdade é que, querendo ou sen querelo, o feito de estar fóra sempre ten un compoñente exótico que en xeral gusta. No meu caso a meta era plenamente persoal e profesional, e isto mesmo está sendo! Obviamente compartir e publicar nas miñas redes sociais os pasos que dou axuda a que teñan interese en ti, directa ou indirectamente.

Volverás para Galicia ou polo de agora quedas por alá?

Volvo, e que ganas teño! Madrid é unha cidade incrible e sorprendeume para ben en todos os sentidos. Vivir aquí nesta etapa de vida foi o mellor que puiden facer! Ademais, compartir fogar coa miña amiga a actriz Sabela Arán (coa que tamén falamos neste xornal, no Plató Aberto) fixo que todo fose máis doce e fácil. Agora que xa me graduei e xa alcancei máis das expectativas que tiña postas aquí, toca volver para dar ese seguinte paso. Quero e preciso, estar na casa. Interiorizar para logo dar vida.

Dis que es realista e soñadora. Contraditorio?

Cada cousa no seu momento, igual que a música. Soñar é o que fai que esteamos vivos. Ser realistas é o que fai que consigamos os nosos soños.

E xa para ir rematando, como se presenta o verán Nastasia? Tes actuacións previstas, algunha xira? Onde te podemos ver? Onde podemos seguirte?

Este verán preséntase bastante tranquilo respecto a concertos. Preciso tempo para restablecerme en Galicia e poñer en marcha as cousas. Seguramente teremos actuacións con Rastrexos Project, e toda a información irémola poñendo no Facebook do grupo, e quizais algunha sorpresa máis que aínda non podo desvelar. Pero non dubidedes que irei avisando de todo! O Facebook e o Instagram de Nastasia Zürcher, así como o meu canal de Youtube e Soundcloud, están a tope e aí estará todo o que vaia facendo!

Estaremos atentos!!! Moitas grazas por ter conversado connosco!

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 11 de Xullo do 2014 | 2:00 p.m.

Outros temas de Entre Nós