publicidade hoxe
Amil López: “A combinación estratéxica de alimentos permite baixar 2 kg por semana, sen pasar fame e sen efecto rebote” - Cabecera

Amil López: “A combinación estratéxica de alimentos permite baixar 2 kg por semana, sen pasar fame e sen efecto rebote”

amil-na-presentacion-do-libro-dieta-coherente

Coñecida polos seus consellos sobre nutrición en moi diversos medios, Amil López Viéitez descóbrenos cal é a súa inspiración para que -o seu “cuarto fillo”- Dieta Coherente se converta en toda unha institución para os seus numerosos seguidores. Co claro obxectivo de persoalizar o mundo das dietas e adaptalas as peculiaridades de cada individuo, esta doutora en Farmacia ensínanos a comer ben, sen pasar fame e sen efecto rebote, antes de inaugurar “Nutricoach”, a súa nova sección de consulta en Noticieiro Galego.

amil-lopezNome: Amil López Viéitez

Lugar de nacemento: Vigo

Ano de nacemento: 1977

Un lugar: As illas Cíes

Unha comida: requeixo con mel

Unha virtude: constancia

Un defecto: impaciencia

Un entretemento: bailar

Un soño: dar a volta ao mundo

Doutora en Farmacia, investigadora, especialista en nutrición, impartes ponencias, escribes libros, aconsellas a persoas cada día nas redes sociais e na Radio Galega… Cóntanos, como coordinas todas estas tarefas?

Traballo con paixón e aprendo cada día. Encántame o contacto coa xente, pois é moi enriquecedor. Considérome optimista e motivada cara os retos que me propoño. Intento devolver á sociedade algo das oportunidades que tiven, síntome moi agradecida tanto á miña familia como á miña parella polo apoio constante.

Como se compaxina toda esa actividade diaria con ser nai de tres nenos, queda tempo para eles?

Para min o principal é a miña familia, é fundamental poder desconectar ao chegar á casa e compartir tempo de calidade con eles. Inspíranme moito os nenos, como gozan cada intre e sorrín tantas veces ao día.

Es a creadora de “Dieta Coherente”. En que consiste e por que ese nome?

A Dieta Coherente é o meu cuarto fillo –risas-. Elixín este nome porque quería transmitir a idea de “un método lóxico que mellorase a saúde”. Ten xa 10 anos de andadura, é unha dieta equilibrada, compatible coa vida social e moi eficaz pois baséase nunha combinación estratéxica de alimentos que permite baixar 2 kg por semana, sen pasar fame e sen efecto rebote.

Somos a primeira dieta 2.0 pois desde a nosa web www.dietacoherente.com personalizamos as dietas que se envían semanalmente aos usuarios, xunto a trucos de motivación e exercicio. O Coaching nutricional facémolo vía whatsapp, correo electrónico, teléfono ou videoconferencia.

Á alimentación e ao exercicio podemos engadirlle o descanso e o estado de ánimo (sorrir moito)…

Efectivamente son os tres piares da Dieta Coherente: 5 comidas equilibradas que inclúan proteína, actividade física regular e non deixarnos levar polo estrés, pois afecta ao apetito, á calidade de sono e ao envellecemento prematuro. O propio exercicio segrega endorfinas que son relaxantes naturais e melloran o estado de ánimo. É interesante facer actividades pracenteiras para saír da rutina, como ler, escoitar música, bailar, quedar cun amigo para falar… e se te apuntas a ioga, pilates ou practicas meditación mellor que mellor.

Amil, tes comentado que “todas as enfermidades da civilización moderna están relacionadas coa nutrición”

A Insulina é a responsable de que engordemos e que enfermemos. É segregada polo páncreas cando comemos hidratos de carbono. Podemos controlar o seu nivel tomando algo de proteína en cada comida (carne, peixe, ovo, friames magros, derivados da soia). Deste xeito regúlase a capacidade antiinflamatoria do corpo e estimúlanse as defensas. Unha boa dieta pode axudar ao corpo a mellorar a evolución de calquera patoloxía.

amil-co-seu-marido-e-os-seus-tres-fillosImaxino que os teus cativos irán educados cunha dieta coherente. Cres que debe ser así, que se debería ensinar na escola a adquirir hábitos e conciencia desde nenos?

Son firme defensora de que a Nutrición debería impartirse transversalmente en varias materias educativas desde moi cativos. Por iso tódolos anos impartimos charlas gratuítas en colexios e en institutos para colaborar coas AMPAS e favorecer bos hábitos alimentarios.

“Activa tu metabolismo con la Dieta Coherente”, “La Dieta Coherente. Como vivir más y mejor”, “Adelgaza con la Dieta Coherente”, son títulos dos libros que tes publicados, que te motivou para escribilos?

Foi unha evolución natural, a recompilación dos protocolos da consulta e a intención de poder chegar a outras persoas que non viven en Galicia. O primeiro explica as bases do método con receitas sinxelas. O segundo está enfocado a avaliar a túa saúde con sinxelos cuestionarios, curas depurativas para os problemas detectados e a adaptación do método ás principais patoloxías; e o terceiro está centrado na dieta de adelgazamento con moitas receitas e trucos de motivación.

Existen moitas dietas milagreiras, algunhas delas con moita repercusión nos medios de comunicación, merece a pena comentalas ou mellor utilizar o sentido común?

Calquera dieta que prohiba algún alimento ou deixe cantidades libres está mal formulada. O perigo é que o metabolismo faise máis lento, e cando deixas esta dieta milagreira vén o efecto rebote e engordas con máis facilidade. O sentido común e a “coherencia” levarannos sempre polo bo camiño.

portada-libro-dieta-coherenteEn que estás a traballar, tes algo en mente para realizar e que se poida contar?

Agora estamos traballando en tres libros de receitas adaptados á Dieta Coherente: vexetarianas, italianas e con Thermomix, que sairán en xaneiro.

Como persoa dinámica que es, coido que nos vas a sorprender cunha nova sección neste xornal noticieirogalego, cóntanos como se vai a chamar e en que vai consistir.

A sección chamarase “Nutricoach” e nela falaremos de trucos de alimentación para mellorar a evolución de distintas doenzas: colesterol, triglicéridos, diabetes, ácido úrico, migrañas, acné, artrose, artrite, fibromialxia, alerxias, asma, cáncer, celulite, retención de líquidos, estrinximento… Ademais estará aberto ás preguntas dos lectores que responderei persoalmente.

Para despedirse, déixanos un consello para os nenos, outro para os mozos e outro para maiores.

PAIS CON NENOS: non utilizar a comida como premio ou castigo. Ter en conta que é necesario probar 10 veces un sabor novo para que se acepte. Paciencia na mesa!!

MOZOS: Almorzar con algo de proteína cada mañá: pan tumaca, sandwich mixto, queixo fresco, ovos revoltos…

MAIORES: Intentar probar un alimento novo cada mes. Incorporar actividade física diaria.

vacacions-familiares-en-cabo-de-gata

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 29 de Outubro do 2014 | 12:19 p.m.

Outros temas de Entre Nós