publicidade hoxe
Elena Ferro: “O zoco tradicional significaba pobreza, agora é cando se están a valorar de verdade” - Cabecera

Elena Ferro: “O zoco tradicional significaba pobreza, agora é cando se están a valorar de verdade”

Difícil atopar na comarca do Deza a un só labrego que Elena Ferronon coñeza ó ‘zoqueiro de Merza’. Alfonso Ferro calzou a xeracións de traballadores do campo, e foi o último supervivente dun gremio, que alá polos anos 80 comezou a ver como as botas de goma remataban cun oficio que máis que unha maneira de gañar a vida era toda unha arte. Non todos os ollos son quen de apreciar o que de verdade paga a pena, nin de recoñecer unha oportunidade, por sorte para este artesán (e para todos nós) os da súa filla Elena sonche dos que saben mirar. 

A primeira pregunta é obrigada Elena, es a terceira xeración dunha saga de zoqueiros, como comezou todo isto?

Pois o meu avó empezou aprendendo o oficio dende pequeno. Antes as cousas eran diferentes, os zocos íanse facendo polas casas. El empezou cun señor de aquí, de preto de Merza, de aprendiz. Ía con el, axudáballe e ía aprendendo, ata que xa puido comezar el a traballar. O taller empezou a funcionar no ano 1915, de feito o ano que ven imos celebrar o aniversario, os cen anos do taller. Aí é nada… Co isto xa en marcha, empezou a ir a algunha feira a vender e nesas xa naceron miña tía Agripina e meu pai. Hoxe teñen 88 e 77 Elena Ferroanos. Os dous comezaron tamén dende pequenos a aprender o oficio, porque había que axudar… Entre os zocos e o traballo no campo sacábase á familia adiante. Despois meu pai casou con miña nai e máis do mesmo. Meu pai e miña tía Agripina no taller, e miña nai encargándose das vacas e da labranza en xeral.

Teus pais si que se dedicaron a ir ás feiras, non? A toda canta había máis ou menos preto…

“O taller empezou a funcionar no ano 1915, de feito o ano que ven imos celebrar o aniversario, os cen anos”

Si. Meus pais ían cos zocos dun lado para outro. Ás feiras de por aquí, e de non tan “por aquí”. As feiras son duras pero bueno, naquel momento era o que había, era a maneira de vender. E que conste que nos seguimos indo hoxe en día!

E despois de teu pai, ti tomaches o relevo…

Despois de estar toda a vida polo taller cravando puntas onde non debía… (Risas). A verdade é que sempre me gustou, sempre fixen as miñas cousiñas. Algunha carteira, algunha pulseira… Marroquinería en xeral. Facíanme encargos no instituto e eu ía facendo as miñas cousas. Cando acabei a escola xa me puxen a aprender máis en serio.  Naquel momento a cousa estaba complicada, porque a venta de zocos caera moitísimo e manterse no oficio era difícil… 

Elena Ferro con outro dos seus modelos Pois non parece o mellor panorama para comezar…

Non, a verdade é que non, pero bueno, eu sempre fun unha persoa moi positiva! Para que te fagas unha idea, eu nacín no 75 e nos 80 xa empezou a decaer a venta de zocos moitísimo. Chegaron as catiuscas entre outras cousas, materiais novos e demais. Na feira de Bandeira, onde adoitaba haber uns quince zoqueiros, quedou meu pai só, con iso dígocho todo… En poucos anos practicamente desapareceu o oficio.

E que lle pareceu a teu pai que ti quixeras continualo vendo esta situación?

Meu pai cría que isto non ía a ter futuro. No fondo gustáballe a idea de continuar co taller, claro que si, pero dáballe medo pensar que puidera quedar sen traballo. Como dicía, eu sempre fun unha persoa moi positiva e sempre confiei en que a base de traballo e de esforzo íamos saír adiante…

E vaia que se saístes, aínda que non sei se teu pai agardaba esta transformación… Este paso dos zocos tradicionais ós que vemos agora… Cores, estampados, moda en estado puro!

Elena FerroO proceso foi moi progresivo, moi pouco a pouco. Non é que de repente transformáramos os nosos zocos e comezáramos a facer estes, nin moito menos! De feito, a día de hoxe seguimos facendo os zocos tradicionais, iso por suposto. O que pasa é que eu son unha persoa moi inqueda e sempre estou dándolle voltas a cabeza, fágoo con todo. En vista de que había que facer algo para darlle un pulo ó negocio, aló polo ano 99 máis ou menos, empecei a introducir modificacións. Primeiro a anchura das madeiras, despois melloras anatómicas, pouco a pouco cambios nas cores… Todo moi lentamente.

O que está claro é que isto ten que levar moito tempo detrás, tempo de probas, de cambios, de reflexión…

Unha cousa que me inculcou meu pai dende pequena é o amor polo traballo. Hai que quererlle ó traballo, respectar o que fas e vivilo de verdade, con cariño. O mesmo que fago cos zocos, fágoo tamén coa marroquinería, tratar sempre de innovar, de buscar novas formas, novos deseños. Se che gusta o que fas isto é algo que sae só.

Elena FerroE tan ben resultaron estes cambios, tanto remontou a cousa, que ó final toda a familia para o taller de novo…

Miña nai, despois da caída de todo o sector da gandería e demais, tamén deixou as vacas e veu para o taller. Claro que a ela lle dis que isto é traballar e bótase a rir! Despois do escravo que é o campo, isto parécelle máis un divertimento que un traballo. Tamén están as miñas dúas irmáns, e dúas persoas máis que traballan con nós. E, por suposto, meu pai e miña tía Agripina, os “mestres”, que non saen de aquí! Onde van a estar mellor? A verdade é que o pasamos moi ben, o ambiente é moi bo e seguro que iso é outra cousa que se nota. Eu creo que cando traballas a gusto as cousas saen moito mellor.

Os tempos cambian, iso está claro, e cambian tamén as formas de venta. Agora estades nalgunhas tendas, vendedes por Internet, e as feiras?

Elena FerroAsí é, nalgunhas tendas za están os nosos modelos, e a través da web e do Facebook tamén vendemos, pero seguimos indo ás feiras como o primeiro día, máis se cabe! Imos as feiras de toda a vida e ademais imos ás de artesanía, ás festas gastronómicas, aos mercados medievais… Das tradicionais hai algunhas que seguen funcionando moi ben, por exemplo a de Monterroso ou o San Froilán. Nestas son nas que máis zocos dos de toda a vida vendemos. Tamén é certo que na provincia de Lugo é onde máis se mantén a gandería e o traballo no campo, entón é onde máis se seguen empregando. Pero despois, ó resto delas tamén imos, e levamos de todo, os tradicionais, os modernos, bolsos, cintos, carteiras, colares,…

E tal e como están as cousas hoxe en día, coas posibilidades de venta que tendes, compensa ir ás feiras?

As feiras son moi duras. Hai que cargar con todo dun lado para outro, montar, desmontar… Pero permítenche algo que só o consegues nelas; podes estar en contacto directo con xente de todos os sitios. Se ti montas unha tenda, irache a xente dese lugar no que te atopas, é contacto directo pero dun público máis concreto, en cambio nas feiras estás en moitos sitios á vez. É unha maneira de abrir mercado e de darte a coñecer. Falas con uns e con outros, despois achéganse ó taller para encargar os seus zocos… É moi bonito tamén ese trato.

Elena FerroPorque precisamente, a maioría dos vosos zocos fanse a gusto do consumidor?

Si, si, si. A maioría dos zocos fanse á carta. É o propio cliente o que di como o quere, o tipo de pel, de que cor, con que altura, como ten que ser o lazo,… Todo. Así que veñen ata alí, amosámoslle os materiais, explicámosllo todo e nós encantados coas visitas!

Que materiais empregas para os facer os zocos? Os de toda a vida?

Máis ou menos… (Risas). A madeira é ou de abeleiro ou de bidueiro. Para traballar no campo é mellor facelos de bidueiro porque é unha madeira máis dura e aguanta máis tempo. Pero ó mesmo tempo tamén é máis pesada, por iso agora a gran maioría da xente os prefire de abeleiro, que son máis lixeiros. De todos os xeitos tamén aguantan moitísimo, sobre todo se se coidan. En canto ao coiro, nos tradicionais é de vaca pero nos máis modernos… Hai de todo! Temos moitísimas variedades de peles e facemos moitas probas. Peles de cabra, de ovella, de cabalo, de porco… E despois as exóticas, de serpente, de iguana de sapo… E xa para rizar o rizo, pel de salmón, de raia… Nestas últimas adoitamos traballar con imitacións, porque son moi caras, pero bueno, tamén as temos orixinais… Todas de criadeiros eh, co seu certificado.

E como é o taller? Á vella usanza ou moderno?

Elena FerroO taller é tradicional pero hai cousas que si imos tratando de mellorar. Aínda que sexa artesanía eu creo que a innovación é boa e que non por empregar mellores aparellos e utensilios deixamos de ser artesáns. Coñezo a moitos que o fan todo a antiga usanza e despois hai quen o fai todo coa última tecnoloxía, nos estamos no medio. Evidentemente respecto ó máximo ambas posturas, pero no noso caso, o feito de dispoñer de máquinas que axilizan certos procesos permítenos ir máis rápido, facer máis cantidade e polo tanto, que o resultado non sexa tan caro, e así chegar a máis xente. É todo unha cadea.  maquina de pedal e maquina eléctrica.

“Os estampados animais son dos que teñen máis éxito, xunto cos de cores chamativos; vermellos, azuis e verdes”

Recordas cal foi o primeiro zoco da túa colección?

Foron uns zocos de estampado de cebra, de pel de pelo e que chamaban a atención moitísimo! Todo o que os vía quedaba impresionado pero poucas persoas se atrevían a poñelos (risas!). Sen embargo agora os estampados animais son dos que teñen máis éxito, xunto cos de cores chamativos; vermellos, azuis e verdes. A xente tense que acostumar a velos, por iso tamén fomos facendo os cambios pouco a pouco. Un día vesllos postos a alguén, gústanche, vas a unha feira e vólvelos ver… Así, con calma… Un non pasa de repente de ver os zocos como algo de traballo, a velos como para ir a unha cea!

E despois están os premios, que tamén son importantes para darse a coñecer loxicamente, o máis destacado probablemente foi o Premio de Artesanía Contemporánea Antón Fraguas, como o recibiches? Elena Ferro

A verdade é que foi xenial! Presentamos uns zocos que chamamos ‘Voa mariquiña voa’, con ese nome, imaxinades como son! Imitan a unha mariquiña e son moi graciosos. Non adoitamos presentarnos a certames pero é certo que axudan, sobre todo a dar publicidade. Despois sempre che preguntan e se achegan a ti.  Que á xente lle guste o teu traballo e o valore é moi gratificante, as cousas como son.  

O xurado destacou “a visión contemporánea, refrescante e sen complexos, demostrando que a tradición e a modernidade son perfectamente compatibles”, que che suxire isto?

Subscribo totalmente! (Risas). Claro que son perfectamente compatibles, estou de acordo…

E sen complexos. Iso tamén é importante destacalo, porque ás veces parece que no lle damos ás cousas o valor que teñen, non? Ou mesmo que as menosprezamos…

Totalmente. Eu vivín todo o proceso dende pequena, recordo ir ás feiras con meu pai e que os zocos se venderan moi ben, recordo que deixaron de venderse, e mesmo recordo os comentarios despectivos cara os zocos. O zoco tradicional significaba pobreza, o que levaba zocos era porque non podía permitirse outro tipo de zapatos. Agora é cando se está a valorar esta tradición. Malia todo, na miña casa sempre estivemos moi orgullosos da nosa profesión, sempre. Meu pai sempre dicía que o que leva zocos ten sorte, que non ten que ir descalzo. Ou sexa que todo depende da óptica dende onde o mires. Para min nunca foi unha vergonza nin moitísimo menos. Pero si é certo que agora, ó ver o lugar no que se atopan, ó poñelos en valor digamos, disfrutas aínda máis do éxito. Por todos os que tiñan aquel “a onde vas con iso” na cabeza.

E se para ti é así, para teu pai e para túa tía nin o imaxino…Elena Ferro

Meu pai é feliz. El non podía nin imaxinar chegar a este punto. Estaba vendo xa que o negocio desaparecía, que os zocos non se vendían e que ía ter que deixalo. Ver agora que seguimos  adiante é moi gratificante para el. Moito. A pesares de que é o que che digo, el sempre estivo moi orgulloso do seu traballo, e sempre nos transmitiu ese orgullo. Para el o importante sempre foi que fora o que fora o que fixeramos, o fixeramos ben. Que da igual se es varredor ou ministro, que o importante é que o teu traballo o fagas o mellor posible. Unha lección que como ves, aprendemos ben.   

Dende logo. Dirías que cada vez se valoran máis os produtos artesáns? As cousas feitas á man?

A tendencia vai cara aí, cara a exclusividade e o traballo a medida. Dende hai dez anos para aquí cambiou moito a cousa, antes non se valoraba nada e agora xa se nota que si. A xente xa non che regatea nas feiras e aprecia máis o teu traballo. Ademais eu non creo que isto sexa unha moda, creo que o importante é seguir traballando nesta liña e esforzándose por renovarse e innovar, aínda hai moitas cousas por facer nos zocos, é só cuestión de ir pouco a pouco.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 11 de Marzo do 2014 | 3:32 p.m.

Outros temas de Entre Nós