
Carolina López, alma negra e corazón rockeiro
Carol, como a coñecen os seus amigos, leva o jazz e o soul no sangue. Non é a primeira vez que lle din aquilo de “tes voz de negra”. Definición coa que se sente como peixe na auga. Malia todo non quere encadrarse e adáptase ó estilo que se lle poña por diante. Igual que se adapta á coreografía que faga falta, a unha rodaxe de cine ou ó escenario dunha orquestra. Versatilidade e paixón en estado puro. |
Idade: 28 anos Domicilio: Culleredo Profesión: Cantante Formación: Formación Superior en Artes Escénicas. |
A que te dedicas profesionalmente?
Dedico a miña vida profesional a cantar ao cen por cen, compaxino as actuacións na TVG e na orquestra.
Ademais tes unha gran formación na materia, non si?
Comecei a estudar de moi nova. Tanto canto (jazz, lírico e moderno) como linguaxe musical, e durante catro anos deume clases de canto Carmen Rey. Durante unha tempada animeime tamén a tocar a batería, bueno intenteino, é unha materia que me queda pendente. Aos anos marchei de Galicia e estudei a carreira Superior de Artes Escénicas, licenciándome en teatro, canto e baile en Barcelona.
¿Como comezaches no mundo da música?
Na miña casa a música e coma o respirar, non pode faltar. Meu avó foi un gran músico e inculcoume o amor por esta profesión cando aínda nin camiñaba. Con 17 anos chegou a miña oportunidade cantando na homenaxe a Pucho Boedo coa orquestra ‘Os Satélites’. Ese dia comezou a miña carreira profesional.
¿Que supuxo para ti estar en Recantos?
Para min foi un cambio de vida radical. Xa dixen algunha vez que Recantos e Luar devolveron a música á miña vida e a paixón que me faltaba.
¿Que actuación foi a que máis te marcou?
A que máis me marcou foi a última, a que me fixo gañar a miña expulsión de Recantos. Sei que é un pouco contraditorio pero, sen dúbida, daquela amarga experiencia, con aquela canción, aprendín moitas cousas que xuro non volverei repetir.
¿Como era o ambiente na túa sala de Recantos?
Fantástico! Vivimos mil cousas xuntos. Risas, choros, apertas, música,… Vamos, como unha familia!
¿Como lle transmites o teu gusto pola canción a outras persoas?
“Te sintas como te sintas, a música é o que lle pode devolver o sentido a túa vida” |
Explicándolles que, te sintas como te sintas, a música é o que lle pode devolver o sentido a túa vida.
¿Que pensan os teus amigos da túa profesión?
O meu círculo de amizades é pequeno, pero case todos eles se dedican á musica, así que temos a mesma paixón por esta profesión. A verdade é que se agradece porque xa me tocou algunha amizade que non era o que parecía… Cando te dedicas a esta profesión non todo o mundo é o que parece, pero síntome afortunada porque ademais teño unha familia marabillosa que me apoia en todo.
¿Como decidiches presentarte a Recantos?
Meu pai sempre me dicía que tiña que presentarme ó programa de cantantes do Luar, e a miña contestación sempre era a mesma; ¨xa se verá¨. Unha noite mirando o Facebook vin un anuncio do casting de Recantos, e despois de pensalo durante días decidín apuntarme sen contarlle nada a ninguén. Para a miña sorpresa colléronme para representar A Coruña.
¿Saíu algún proxecto de colaboración tras a túa participación en Luar?
Outra sorpresa máis, si, si que saíu! Xuntáronnos coma dúo á miña compañeira de Recantos Tamara Pérez Vazquez e a min, e xa fomos dúas veces, a ultima cantamos para Ana Torroja e xa temos un terceiro tema listo pra volver. Tanto Tamara coma min esperamos que non sexa a derradeira. Estamos encantadas con este traballo e moi agradecidas pola oportunidade que nos brinda Luar. Persoalmente teño que dicir que traballar con Tamara é un orgullo, non me podía tocar unha compañeira mellor.
Actualmente es unha das voces femininas da orquestra Principal, xunto cos xemelgos Diumaró, gañadores da segunda edición de Recantos. Como é o traballo con eles?
Para min o mundo da orquestra é algo novo e ao principio sentíame un pouco perdida, e os Diumaró en todo momento estiveron pendentes de min e axudándome en todo o posible. Son grandes compañeiros e amigos.
Como vos organizades? É moi complicado?
Grazas ao Whatsapp podemos falar de todo o tema do vestiario e mandarnos vídeos para novas coreografías. Ensaios non é que teñamos moitos, debido a que case todos os membros da Principal somos de puntos diferentes de Galicia, iso si, cando nos xuntamos os ensaios sonche moi intensos.
A túa traxectoria inclúe tamén a figuración en series e películas, que significaron para ti estas experiencias?
Pois foron ‘Padre Casares’, onde facía do ligue do cura; ‘Chapa e Pintura’, onde facía dunha striper que ó final non se tiña que espir (botáronme da casa onde tiña que traballar, unha escena moi graciosa!). Despois actuei nas películas ‘Somos gente honrada’, que se estreou nos cines o ano pasado; e ‘O Peregrino’, que narra a vida do escritor Paulo Coelho (aínda non se estrou nos cines).
E despois está o baile. Fuches profesora de baile da Familia Ullate, co coñecido Víctor Ullate, do programa ‘Fama, a bailar’. Como foi a experiencia?
O día que me chamou Víctor Ullate (fillo) para traballar con eles foi súper gratificante. Foi unha das mellores experiencias como bailarina da miña vida.
¿Que estilo musical define a Carolina López?
Non podería definirme cun estilo en concreto, como digo sempre, a miña alma é negra pero o meu corazón é rockeiro.