Marcos Mella, un auténtico “Peter Pan” da música
“Quen é Marcos Mella? Marcos Mella é unha especie de Peter Pan da música que segue fiel aos seus principios, inculcados polos músicos do século pasado. Resido na cidade máis bonita e á vez máis castigada e menos valorada da nosa terra galega que é Ferrol. Na vida intentei estudar de todo pero o único que conseguín aprobar foron os carnés de conducir, iso si, téñoos todos. O meu derradeiro traballo, como diría a xente “normal” foi de condutor de ambulancias (sempre estiven rodeado de sereas como bo capitán). Os meus hobbies son as antigüidades, os cans -sobre todo os galgos e podencos- e a natación.” |
Como xurde “La canción del Bolsillo Roto”?
“La canción del bolsillo roto” Nace no metro de Madrid fai xa moitos anos. Gustábame moito coller un voo deses baratiños para levar a Madrid a miña música e comprobar que efecto xurdía na capital da música por excedencia. Nun deses días que collín un voo de volta bastante tarde, decidín tocar no metro algúns temas para experimentar, e algunhas persoas interesáronse pola miña música, ata o punto de deixarme moedas e todo! Evidentemente eses cartos non mos quedei e dinllos a un trío de cámara -eles si que eran profesionais- e, falando con eles, contáronme como chegaron a tocar na rúa, e eu fixen da súa historia a miña e de aí saíu “La canción del bolsillo roto”.
En que te inspiras para as túas letras ou composicións? Que tratas de transmitir?
Esta é unha desas preguntas que nunca sei que contestar, por que moita xente pensa que as miñas letras son de desamor e esas cousas, e eu tampouco e que tivera tantos amores nin desamores na miña vida -por sorte ou por desgraza-. Non sei, as letras xorden na nosa mente ou alma por algunha razón. Eu sempre digo que os que nos dedicamos a isto soamente somos tradutores de sentimentos.
Destacarías algunha canción en especial?
“La canción del bolsillo roto” é a que me define por excelencia, pero a que me gustaría que se realizara algún día e o corte 5 do EP que se titula “Volver a empezar”.
Quen son os integrantes do grupo e que función teñen (guitarrista, baixista…)?
O concepto de grupo hoxe en día por desgraza esta desaparecendo, xa que é moi difícil mantelo debido a que todos os que nos dedicamos a isto para sobrevivir temos que ter máis dun proxecto. Aínda así, teño sorte de que neste proxecto conto cunha base rítmica bastante estable formada por Fran Rey ao piano, Luis Cuba ao baixo e Fer Couce á batería e percusión. Non sempre podemos ir os catro debido aos caches, por iso inventamos varios formatos adecuados a sala ou a auditorio onde sexa a actuación.
Con quen colaboraches (César de Centi, Débora Silva,…)?
Non me soen chamar para colaboracións, máis ben son eu o que se aproveita do talento dos demais para enriquecer o meu traballo e, nos meus traballos colaborou xente coma Cristina Pato, Pablo Perea, Debora Silva, Javier Ojeda…
Que actuación destacarías?
“Teloneando” ao mestre Antonio Vega no Náutico do Grove. Penso que aprendín máis del no Back Stage que en 20 anos de carreira musical.
A que programas te invitaron da canle galega? Que destacarías de todos eles?
O primeiro que confiou no meu traballo foi Luar, fai moitísimos anos xa, e de aí estiven en Supermartes, Super Master, Zigzag, A Solaina, Eirados, A Revista, Heicho cantar, Un bico un cantar… Fáltame Larpeiros pero non perdo a esperanza de que algún dia me inviten! O que destacaría deles é a tremenda humildade e profesionalidade da xente que traballa alí, que en canto te ven por primeira vez, xa se quedan coa túa cara e fante sentir como un máis do seu equipo. A verdade é que somos uns privilexiados en ter esta cadea na nosa comunidade galega.
Que sentes durante as túas actuacións? Cal é o maior premio ao teu traballo?
Cosquilleos. O maior premio experimenteino o ano pasado cando presentei o meu traballo nunha rúa de Ferrol. A resposta do público, da miña xente cantando os meus temas… para min foi o maior recoñecemento da miña carreira. Fixéronme sentir profeta na miña terra.
Que consello lle darías a alguén que ten un soño por cumprir?
O primeiro é espertar.