publicidade hoxe
Maite Creo, puro sentimento - Cabecera

Maite Creo, puro sentimento

Maite Creo

Maite Creo é desas cantantes ás que xa se lle vían as maneiras de pequena, sobre todo cando collía o micro nos karaokes ós que a levaban seus pais. Dende esas, unha longa traxectoria musical en distintas orquestras e formacións déronlle as táboas necesarias a acabar sendo a representante do Recanto Noia – Barbanza.

Maite CreoNome: Maite Creo

Idade: 30 anos

Domicilio: Noia

Profesión: cantante na Orquestra Escaparate

Quen é Maite Creo? Como comezaches no mundo da canción?

Comecei cantando moi noviña, con 14 anos, nun dúo de aquí de Noia que se chamaba “Dúo Noela”. Aquí cantaba con Gonzalo Ageitos, un gran cantante da época dos Tamara. Aínda que xa de máis pequena meus pais levábanme ó karaoke e alí foi onde a xente me empezou a escoitar. Despois estiven no trío “Blanca Doble”, onde pasei tres anos marabillosos. Logo tiven a sorte de que me chamaran da “Orquestra Brujas” de Rianxo, na cal estiven un ano, e de aí á “Orquestra Salsa Rosa” de Pontevedra, onde botei outros tres anos, unha gran orquestra. Foi entón, despois de todo isto, cando decidín entrar na Mariña Española en Ferrol, porque foi algo que me gustou de sempre, unha conta que tiña pendente. Pero tiven a mala sorte de que cando levaba dous meses alí morreu miña nai, foi un momento moi difícil e a raíz de todo isto tiven que abandonar. Custoume moito recuperarme e aí retomei a música. Estiven un tempiño pequeno na “Orquestra Chicas Show” e logo pasei a formar parte dun grupo chamado “Galaxia”, no cal estiven seis anos. Estou moi contenta e moi agradecida con toda esa xente coa que levo traballando ata agora. E por suposto, engadir o meu paso por Luar, que foi a experiencia máis bonita da miña vida.

“Un grupo que me marcou dende moi pequena son Os Tamara, meus pais poñíanos moito e actualmente é o que máis escoito”

Con que estilo musical te sentes máis identificada?

Pois gústame un pouco de todo a verdade. De feito, o meu artista favorito é Juan Luis Guerra e xa ves que non ten nada que ver co que eu canto… Pero é iso, o meu abanico musical é  moi amplo. Claro que me encanta a copla, pero gústame cantar un pouco de todo. Tamén me gusta moito a música galega; Luar na Lubre, Berrogüeto, Treixadura, Cristina Pato, Carlos Núñez, Juan Pardo… Iso si, se teño que destacar algo, un grupo que me marcou sempre dende moi pequena son “Os Tamara”. Meus pais poñían esta música e actualmente é o que máis escoito. Iso si que era música, eran incribles.

Que dirías que está marcando a túa experiencia profesional? 

Maite CreoPois evidentemente o meu paso por Luar. Para min este programa e todo o que puiden facer nel é o que máis me marcou a nivel profesional. Nunca me imaxinei que puidera estar cantando para tantísima xente a través dunha pantalla. E menos aínda facelo con artistas como Los del Río, Rosa, María del Monte ou Francisco. Eu diría que todo isto foi un soño, o soño máis fermoso da miña vida. Así é que me gustaría darlle as grazas a toda a xente que segue a miña carreira pero especialmente a este programa, a Luar.

Con cal das túas actuacións neste programa te quedas?

Pois dentro do concurso as miñas favoritas foron Granada ou Vivo por Ela, porque quizais foron as dúas ocasións nas que menos nerviosa estaba, nas que máis segura me sentín e máis disfrutei.

Que foi o que che fixo participar en Recantos? Como decidiches entrar neste concurso?

Pois primeiramente porque nunca estivera en ningún concurso e picábame a curiosidade de como sería e da posibilidade de gañar un concurso así… (Risas). A verdade é que cando o vin anunciado na galega dixen, “pois xa que o meu e cantar, por que non?”, e así foi! Non gañei o concurso pero gañei unha experiencia única.

Que significou Luar par ti?

Actuar no plató de Luar para min, e creo que apra moitos, é unha maxia, unha maxia que che correo por todo o corpo, un sentimento, un orgullo…

Maite CreoComo te sentes no escenario?

Pois a verdade é que me sinto moi especial, as cámaras, os focos, a xente… Todo iso transfórmate e faite sentir especial.

A quen admiras? Quen son os teus ídolos musicais?

Pois como dicía antes o meu ídolo é Juan Luis Guerra, aínda que tomo máis como exemplo a Rosa Cedrón, Juan Pardo, Mónica Naranjo…

Cal é a túa maior ambición a nivel musical?

Pois co tempo gustaríame gravar un disco, aínda que hoxe en día está bastante complicado, máis aínda coa crise que hai… Pero aínda queda moito camiño por recorrer.

Que che dixo a túa familia cando lles dixeches que te querías dedicar á música?

Pois a verdade é que o aceptaron moi ben. Xa vía que era o que me gustaba e sempre me apoiaron moito, tanto a familia coma os amigos. Sempre estiveron ó meu lado, e eu sen eles non faría nada.

“Esteas onde esteas sempre hai alguén que se achega e che pregunta, e eu atendo con moito gusto”

Como te sentes cando a xente che recoñece pola rúa?

A verdade é que é unha cousa curiosa porque esteas onde esteas sempre hai alguén que se achega e che pregunta, e eu atendo con moito gusto.

Que proxectos tes nestes momentos?

Pois xa quixera ter máis, pero neste momento ando a voltas cunha canción que me compuxo meu pai fai anos. É unha canción dedicada aos peregrinos, e espero poder tela rematada o antes posible para que poidades escoitala…

Que consello lle darías a aqueles que estean comezando nisto e queiran dedicar a súa vida á música?

Sobre todo, para os que están no concurso Recantos, que lle saiban sacar partido a todo o que están vivindo agora mesmo. Ás veces deixamos escapar oportunidades sen darnos conta. Que loiten polo que lles gusta, que vale a pena loitar, e a música é un camiño moi bonito. Sen música o mundo non sería o mesmo, porque a música é un sentimento.

Maite Creo

 

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 25 de Marzo do 2014 | 4:57 p.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia