publicidade hoxe
Christel, unha cantante catalana con raíces galegas - Cabecera

Christel, unha cantante catalana con raíces galegas

Christel

Nada en Barcelona hai 28 anos, Christel sempre estivo moi unida a Galicia xa que tanto seus avós coma súa nai son galegos e dende moi pequena pasaba o verán nestas terras, tempos dos que garda un moi bo recordo. A súa vocación polo mundo da música comezou dende cativa, cando con tan só 10 anos xa empezaba na danza continuando con clases de canto e interpretación para complementar debidamente a súa formación musical. Confesa que as súas dúas grandes paixóns son a música e a televisión, pois espera algún día chegar a traballar como presentadora.

Como comezaches no mundo da música?

Empecei a estudar canto cando tiña 16 anos, dende entón sempre tentei realizar clases periodicamente. Considero que é moi  importante coñecer o funcionamento da voz, saber cales son as túas limitacións, a amplitude do teu rexistro… ter unha boa técnica vocal axúdache a saber como utilizar a túa voz.

Como te definirías? Cales son as túas virtudes como artista?

Á hora de traballar son unha persoa constante, esixente comigo mesma, gústame facer as cousas ben feitas, trato de buscar os erros porque creo que sempre se pode mellorar e nesta profesión tes que ser esixente xa que hai moita competencia. O mundo do espectáculo é moi sacrificado, son consciente diso,  pero quero seguir traballando nel porque me fai sentir realizada, é incrible o ben que un se sente cando realmente cre no que está a facer e o goza.

ChristelCon que estilo musical te identificas?

Gústame a música en xeral, non podería elixir unicamente un xénero porque hai moitos e dependendo da situación escoito un tipo de música ou outro.

Cal é a túa experiencia músico-laboral?

Con 22 anos comecei a traballar nunha orquestra, un par de anos despois tamén fun vocalista dun grupo de pop-rock.

Ademais de cantante, tamén tes unha faceta como compositora, cal é o proceso que segues á hora de compoñer?

Sempre digo que “compoño mentalmente”, teño moi bo oído musical, pero non toco ningún instrumento, creo a miña propia melodía, doulle forma, tento atopar os sons que quero transmitir nunha canción e a partir de aí escribo a letra do tema. Despois, no estudo de gravación, os produtores acaban de vestir a canción.

Como che inflúe, como artista, a túa participación en Luar?

Compoño mentalmente, tento atopar os sons que quero transmitir nunha canción e a partir de aí escribo a letra do tema

Sen ningunha dúbida o feito de actuar en Luar estame achegando seguridade, actuar nese escenario é algo marabilloso, adquires moitísimas táboas, tes máis soltura diante das cámaras, sénteste máis artista e é un verdadeiro pracer poder curtirte dese xeito. Dende que pisei por primeira vez o escenario de Luar souben que a miña vida xiraría ao redor da música e a televisión.

Cal consideras que foi a túa actuación máis significativa?

É moi difícil responder a esa pregunta, todas as actuacións son especiais, cada unha á súa maneira. Se tivese que escoller unha seguramente me quedaría coa primeira, foi o meu primeiro estudio de televisión, os nervios, a emoción… un cúmulo de sensacións que non sabería describir. Foi algo máxico, unha sensación moi positiva en todos os sentidos.

Que opinión che merece todo o equipo do programa Luar?

O equipo de Luar é incrible, todos son moi atentos, trátante cun agarimo especial, sempre pendentes de ti, son excelentes profesionais e mellores persoas. Todos sabemos que calquera programa necesita audiencia para manterse na grella, pero tamén precisa un gran equipo que estea unido e traballe para que funcione, e Luar teno, realmente penso que gran parte do éxito do programa é grazas a todas esas persoas que forman parte del.

ChristelParticipaches nalgún outro programa de televisión?

Participei no espazo “Perdona TV Show” da televisión catalá, foi unha oportunidade para debutar como colaboradora nun dos episodios. Foi unha experiencia realmente satisfactoria, sentinme moi cómoda e o resto dos meus compañeiros tamén mo puxeron fácil para que me sentise así.  Traballar a gusto é un luxo e máis cando fas o que che gusta.

Cal é o teu artista preferido?

Encántame Soraya Arnelas, é unha artista moi completa, ten unha voz incrible e é grande no escenario, sabe como gañarse ao público. Tiven a sorte de compartir escenario con ela no estudio de Desexos Cumpridos da TVG. 

Que visión tes da túa carreira profesional? Cal sería a túa meta?

A miña maior ambición sería cantar diante de moita xente e que esa xente cantase as miñas cancións

Publiquei dous singles cos seus respectivos videoclips. Até agora foime bastante ben, non me podo queixar, aínda que, evidentemente, me gustaría poder sacar o meu propio disco algún día. É un proxecto que teño en mente dende hai moitos anos. A miña maior ambición como cantante sería cantar diante de moita xente e que esa xente cantase as miñas cancións comigo, creo que é o soño de todos os que amamos a música.

Como afectan os apoios e as críticas?

A miña familia sempre me apoiou, sempre estiveron aí para darme forzas, tiven e sigo tendo ese apoio incondicional tan importante para min, pero o máis importante de todo é que creas en ti mesma. O máis bonito de todo é saber que tes xente ao teu redor que te apoia e que che dá ánimos para seguir adiante. Os artistas traballamos por e para o público, debémonos a eles e estamos expostos a recibir tanto piropos como críticas constantemente.

Que consello darías á xente que comeza no mundo da música?

Que loite con forza e tesón, na vida non hai nada imposible, con constancia, perseveranza, ilusión e forza de vontade todo se pode conseguir.

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 2 de Xaneiro do 2014 | 11:42 a.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia