Tania Fuegho, cantante e xurado de Recantos do Luar
Natural de Mazaricos, Tania Fuegho xa apuntaba dende cativa cal sería a súa gran paixón, a música. O interese na canción foi medrando segundo pasaban os anos e se incrementaba a súa formación vocal en diversas escolas de música. Non obstante, a súa gran oportunidade chega en 2007 quedando como finalista dun programa de televisión. Dende entón, a súa carreira artística como cantante comezou a medrar, incluso chegando a converterse en membro do xurado de Recantos, en Luar. |
Como comezaches na música?
Con 17 anos, creo que coma o 90% dos rapaces aos que lle gusta cantar, comecei nunha orquestra pequeniña. Nese mesmo ano presenteime ao programa “Son de Estrelas” da Televisión de Galicia e aí foi onde me din a coñecer ao público, dende ese momento continuei formándome día a día sen parar.
Cal consideras que é o rasgo que mellor te define?
A naturalidade, non sei ser doutro xeito, é o que soe dicir a xente, que son moi natural e simpática. O certo é que me comprace que pensen iso pois son así e nunca me avergoncei da miña personalidade, de onde procedo, nin do meu falar de “Masaricos”, tantas veces criticada polos propios mazaricanos.
Que estilo de música é o que máis che gusta?
O certo é que me gusta todo tipo de música pero no meu estudo e no coche nunca pode faltar Mónica Naranjo nin Anxo Lourenzo. Xa ves… estilos completamente diferentes pero, calquera dos dous, moi bos artistas e cando a música é boa e máxica non hai estilos que gusten máis ou menos xa que entran polo oído sen darte de conta.
A quen admiras profesionalmente?
Admiro a moita xente, pero sendo coherente co transcurso da miña vida, está claro que Mónica Naranjo é a artista a quen máis admiro e a quen idolatro.
Cal é a túa experiencia profesional?
Pois con 17 anos comecei a cantar na orquestra, en 2007 presenteime nun concurso de televisión que foi o que me deu ese empuxe que me facía falta para ser coñecida, logo seguín facendo cousas na tele, actuacións musicais en programas da TVG como “Son de Verán”, “Heicho Cantar Queridiña” ou “Luar”; e incluso cheguei a facer un pequeno papel nun programa humorístico que se chamaba “O Sofá” coa gran Isabel Risco. No 2011, chamáronme para poñer voz a un anuncio de televisión da FORTA (Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos) xunto co meu compañeiro Dani Ríos.
Todo isto compaxinado ao mesmo tempo coa formación da miña propia orquestra xunto coa miña parella, Xabier. Dende 2009 levamos facendo verbenas por diferentes sitios de Galicia, Oviedo, Zamora, ata tocamos en Eibar (País Vasco) e Gijón. O ano 2012 foi o mellor cun total de 82 verbenas en 6 meses. Ás veces facíase costa arriba compaxinar a orquestra coa miña carreira en solitario, pero con traballo e esforzo todo chega e agora deixei a orquestra de lado e dedícome única e exclusivamente a facer a miña música e aos meus concertos como artista solista.
Que significou para ti entrar a formar parte do xurado de Recantos?
Foi algo moi gratificante que confiasen na miña labor como artista, na miña profesionalidade e no meu criterio. O noso traballo non é doado, en moitas ocasións temos que explicar conceptos que os concursantes non comprenden porque descoñecen algún que outro concepto musical e non resulta fácil facelo en tan pouco tempo e que comprendan porque se lles dá esa nota. De todos os xeitos, os recanteiros que coñecín foron todos marabillosos, e non é fácil o que están a facer. Necesítase moita concentración e saber estar para cantar en directo, realmente son uns valentes.
Que é o que está a marcar a túa experiencia como xurado en Recantos?
O cariño e apoio de toda a xente. O público vólcase cada vez máis comigo e iso para min é o maior regalo que pode ter un artista.
Cal das túas actuacións en Luar foi para ti a máis especial?
Non che sabería dicir, cada unha ten algo diferente e todas resultaron máxicas… aínda que se debo escoller supoño que cando presentei o meu primeiro single “Emigrante”, era o froito do esforzo dun equipo formado por moita xente. E cando cantei con Mónica Naranjo; foi un soño feito realidade… dúas veces!
Tamén actuei xunto a Angy, Andy e Lucas e Francisco.
Que significa, a nivel persoal, o xulgar o traballo doutras persoas?
Nalgunha ocasión, especialmente cando as cousas que teño que dicirlles non son boas, síntome mal porque non quero que ninguén se sinta mal nin se desilusione, nin moito menos ofendelo. Pero non podo esquecer que a miña labor é dicir o bo e o malo. Trato sempre de facelo con moito respecto e, nese aspecto, teño a conciencia moi tranquila. Haberá xente á que non lle guste pero, co paso do tempo, cando se formen, daranse conta de que o que lles dicía era certo.
Como te sentes cando levas o froito do teu traballo aos escenarios?
Nerviosa, con suores fríos nas mans e unha enorme responsabilidade por defender un traballo que non só é meu, senón tamén de todo o equipo que teño detrás; dende o meu director musical e artístico, ata os letristas, os músicos que me acompañan e o meu representante. Son tres minutos nos que debo defender o traballo de toda esa xente, aínda que só sexa eu a que dá a cara en público, todos somos un equipo do que, por certo, estou moi orgullosa.
Cando salgo ao escenario síntome nerviosa, con suores fríos nas mans e unha enorme responsabilidade por defender un traballo que non só é meu |
Que aprendiches do resto dos membros do xurado?
Moitas cousas. Piñeiro dáme moitos consellos, falar en televisión non é doado e el sempre estivo aí para aconsellarme moitas veces e incluso para sacarme de apuros en directo porque se me travaba a lingua; e Andrade, aínda que pareza mentira, tamén me aportou moitas cousas -risas-.
Temos entre os tres moi boa relación, a verdade, hai bastante complicidade entre nós.
Que sentes ao pertencer a esa gran familia que é Luar?
Para min “Luar” é como dicir “papá e mamá”, son os que confiaron en min, os que me viron medrar e converterme en artista, asistiron aos bos e os malos momentos, aos días de ledicia e aos de tristura… sempre me apoiaron en todo e son do mellorciño; como profesionais e como persoas. Un auténtico equipo de dez. É por iso que levan tanto tempo de éxito, porque o público nunca se cansa do bo e eles son os mellores.
Que significa para ti contar con seguidores?
Éo todo para min. Tanto a nivel artístico como profesional, aínda que queiras separar a profesión e a vida cotiá, ao final todo acaba uníndose e convértense en fundamentais tanto na vida artística como na persoal.
Que opinou a túa familia e amigos cando lles dixeches que a túa paixón era ser cantante profesional?
Buf, iso é unha historia moi longa que valía para escribir un libro. Meu pai e miña nai apoiáronme incondicionalmente, xunto co meu Xabieriño. Había xente comigo que iría ata o fin do mundo e outra que, bueno… digamos que fun a primeira en Mazaricos en romper coa monotonía e dedicarme ao mundo da música e iso a moitos non lles encaixaba. Non obstante, eu sempre mirei pola miña felicidade e a da miña xente, e nesta vida hai que facer “orella xorda” a algunhas necedades que hai que escoitar e dedicarse a vivir por e para o que de verdade che gusta e coa túa xente. Se todos fixésemos iso a vida sería máis levadeira.
Como te sentes cando te recoñecen pola rúa?
Moi ben, fálolle a todos os que me reclaman, sácome fotos… aínda que cando vou facer a “compra” teño que ir con tempo xa que nalgunhas ocasións se converte nunha “misión imposible” -risas-.
Que proxectos tes en mente ou estás realizando?
Agora mesmo estou a traballar no meu primeiro disco, do que sairá un avance con tres cancións a finais de xaneiro. Ademais estamos traballando e ensaiando para os concertos de 2014. Temos dous proxectos, un acústico máis íntimo, no que interpretarei os meus temas acompañada de grandes músicos como Santi Castro á guitarra e ao caixón por Quique Silva; e tamén os concertos nos que actuarei coa banda xa ao completo no verán no noso propio escenario.
Que consello darías á xente que ten un soño por cumprir?
Pois a letra dunha das miñas cancións, “Emigrante”, explica moi ben o que penso, cunha mensaxe optimista coa que me gustaría que ninguén quedase sen perseguir o seu soño. E a letra di así: “[…] veña se caes volve a empezar, a sorte non espera, haina que conquistar, e xa verás como sempre vai contigo, o teu destino é triunfar, non deixes a aventura nin esquezas que atrás sempre terás á familia e aos amigos […]”.