Cristian Álvarez: “Crear sensacións á xente que nin coñeces cantando non ten prezo”
Nestes momentos atópase en Suíza, pero un anaco do seu corazón aínda se resiste a abandonar o seu querido Trives. Cristian Álvarez foi finalista da pasada edición de Recantos e a pesares da súa xuventude, pasou por distintas agrupacións musicais e orquestras, polo que experiencia non lle falta. Amigo dos seus amigos, agradecido por natureza e coa humildade por bandeira, de seguro que oportunidades non lle faltan. Agardemos que sexan en Galicia. |
Quen é Cristian Álvarez?
Nacín en Zürich (Suíza) e retornei con nove anos a Galicia, concretamente a Pobra de Trives (Ourense). Considérome unha persoa moi afortunada, tanto na vida persoal como profesional, xa que conto cunha familia que me apoiou dende o primeiro momento en calquera tipo de decisión ou camiño, e por ese motivo (entre centos máis) é un piar fundamental na miña vida. En canto ás amizades podo presumir delas. Podería estar horas falando de xente importante para min, xente que sempre estivo presente para calquera cousa que necesitara. Aproveitando esta entrevista, doulle as grazas a cada un deles por todos aqueles momentos vividos e que espero que sempre se vaian renovando e ampliando. Con respecto á miña vida profesional, non é moi extensa, xa que co negocio familiar nunca me fixo falta buscar emprego. Axudeille aos meus pais no Restaurante (“Casanova”) mentres que estiven en Trives estudando, traballei tamén en Londres na gastronomía, en Escocia montando parques eólicos e dentro da música; na Orquestra Delirio de Ourense, no “Dúo Cristal” e como solista nalgunha ocasión puntual. Agora mesmo estudo alemán e traballo nunha tapería Española en Suíza. Gustaríame tamén aproveitar para agradecer á Orquesta Delirio esa gran oportunidade que me deron, a todos os seus compoñentes agradézolles ós seus valiosos consellos e sobre todo, ó meu profesor de canto Roberto, por apostar por min.
Como comezaches na música?
Empecei de moi pequeno na música por interese de meus pais, sobre todo de meu pai, que sempre tivo paixón pola música.
“Empecei de moi pequeno na música por interese de meus pais, sobre todo de meu pai, que sempre tivo paixón pola música” |
Dende pequeno pertencín a agrupacións de canto e música na Pobra de Trives; Orfeón de Trives, Vox Hominis, Os Trintas de Trives, entre outras xuntanzas que facíamos entre cantantes. Unha vez que marchei a estudar a Ourense empecei a ir a clases de canto na Escola Kontrapunto. Foi alí onde o meu profesor, Roberto Iglesias, se empeñou en que probara o mundo da verbena. Ó principio non me vin capacitado, xa que eu sempre cantara de modo totalmente amateur e nunca me vira coa responsabilidade de ter que mover, literalmente, a un público. Foi ó ano seguinte cando Roberto me dixo que na orquestra na que el era director musical e trompetista, buscaban un cantante. Citou á xefa da orquestra e alí mesmo, na aula, foi onde empezou todo. Levei unha gran sorpresa do duro que é ese traballo e os esforzos que tes que facer para render noite tras noite e vermú tras vermú. O baile para min, non pasaba da fronteira de ir ás festas do pobo e bailar ca miña nai, irmá, avoas, ou algunha rapaza que houbera. Pasei moitas horas na casa dos meus xefes aprendendo a mover os pés e sacar para fora o “Swing” que levaba dentro. A xefa fixo todo o posible e eu puxen da miña parte, agora ben, para gustos hai cores!
E de alí a Luar!
Cando estaba a rematar o primeiro ano coa orquestra, unha das miñas compañeiras animoume a que participara no casting do Luar, no que ela estaba participando ese ano. Probei sorte e seleccionáronme para representar á zona de Ourense Oriental. En Setembro do 2012 empezou unha bonita experiencia na que coñecín a todo tipo de persoas. A pesares dos pequenos alti baixos que puidéramos ter entre os compañeiros, facíamos un bo equipo. Aproveito tamén para agradecer tanto a José Miguel como a Pedro, todos os consellos que me deron en canto á técnica e ó desenvolvemento escénico.
Que estilo de música é o que máis che gusta?
Non teño estilo fixo. Dependendo do estado anímico escoito unha cousa ou outra.
A quen admiras profesionalmente? Tes algún ídolo musicais?
Nunca fun de ter un ídolo. Pero si falamos do que é a técnica vocal podería nomear varios cantantes de diferentes estilos xa que, baixo o meu punto de vista, cada estilo esixe unha técnica.
Que significou a nivel persoal a túa experiencia como finalista en Recantos?
Significou ver o resultado de todo o esforzo que fixen para mellorar e superarme.
Que aprendiches do xurado?
O xurado está para xulgar e para dar as súas propias opinións. Como participante estás obrigado a escoitalas e por suposto, a respectalas. E sempre se aprende de xente que leva moitos máis anos na música que ti.
Que opinaron os teus amigos e familia cando lles dixeches que entrabas nun concurso de cantantes?
Empezando pola familia, para eles foi todo un orgullo. Alegráronse moito e sobre todo meu pai viviuno como se fora el quen o estivera facendo! Os amigos? Iso é un caso aparte! A máis de un lle debo o soldo dun ano polas chamadas que facían e a xente á que influenciaban, independentemente de que me coñeceran ou non.
Como te sentes cando a xente te recoñece pola rúa?
É moi gratificante e sobre todo pola zona que representei. Independentemente das cousas que poidas facer, a humildade ten que ir por diante.
!Independentemente das cousas que poidas facer, a humildade ten que ir por diante” |
Cóntoche unha anécdota; un día fun visitar a uns amigos da familia a Lucerna e sacando unha foto na ponte coma un turista máis, acercouseme unha muller. Falando en castelán, díxome que lle resultaba unha cara familiar, e eu dicíalle que non podía ser porque vivo en Zürich. Despois dun anaco, díxenlle que igual podería ser do Luar… Incrible! O seu sorriso foi de orella a orella e ilumináronselle os ollos. Pasou de darme a man a darme un abrazo como si do seu fillo se tratara. Aí foi cando me din conta diso que ten o Luar, esa lapa que mantén viva a morriña e o cariño. Luar compite venres tras venres con programacións a nivel nacional, con orzamentos desmesurados pero ó final… É cuestión de gustos.
Actualmente vives en Zürich, continúas coa túa vida artística alá? Como ve a xente que está ao teu redor que sexas cantante profesional? Algunha anécdota en especial?
En 6 meses que levo en Suíza de novo, xunto ó meu primo, xa nos pasou case de todo. Momentos bos e non tan bos ou cómodos. Empezamos vivindo nunha pequena habitación, na que o meu primo tiña que aguantar cada vez que me daba por cantar (e non eran poucas). Ao final xa se animaba a facerme as voces ou o ritmo. En canto ós amigos, sorprendéronse ca miña faceta e de vez en cando imos a un karaoke a desafogar a morriña.
Que proxectos tes en mente ou estas realizando?
Polo de agora non estou realizando ningún proxecto pero pode que haxa algo entre mans. Crear sensacións á xente que nin coñeces cantando non ten prezo, e se inda enriba lle engades que non che costa sacrificio…
Que consello lle darías ó que estea lendo esta entrevista e teñ un soño por cumprir?
Os soños só se cumpren se loitas e insistes neles. Esta vida non é para covardes e para quedar na casa agardando a que a sorte che pete na porta. Loita, ilusiónate, vive, esfórzate e sobre todo, ten claro que o un mundo é moi competitivo, este e todos, así que tenta sempre destacar sen esquecer un toque de humildade, que non ven nada mal. Tanto podes subir moi rápido, como podes desaparecer da mesma maneira. Como di un gran amigo meu “menos preocuparse e máis ocuparse”.