Patri da Silva, o corazón da copla en Recantos
Coñecida co nome artístico de “Patri da Silva”, esta xoven de 29 anos é natural de Lourenzá, aínda que actualmente reside en Lugo. Leva anos dedicándose á música, participando en verbenas dende os 15 anos ata que chegou a súa gran oportunidade presentándose ao concurso Recantos do programa da TVG, Luar, e representando nel á Mariña. Entre as súas grandes afeccións destaca todo aquilo que teña algo que ver coa música, da que se declara unha gran apaixonada, en calquera dos seus estilos. Non obstante, a devoción pola música vén de familia e, mesmo o seu marido se dedica tamén a este mundillo. Aínda que conta con gran experiencia, esta é a primeira vez que se presenta a un concurso musical. |
Como comezaches na música?
Comecei case de casualidade, con tan só 15 anos, e da man da Orquestra Fantasía. Por aquel entón, miña irmá maior, Belén, era vocalista de dita formación e case en plena campaña de verán precisaron doutra vocalista. Como eu ía con ela aos ensaios… pois de casualidade, comecei no mundo da verbena.
Que rasgo ou característica é o que mellor te define?
Quizás non debera contestar eu esa pregunta, senón o público que coñece o meu traballo; pero o que teño claro é que todo o que fago é co corazón! Implícome moito en cada actuación, intento chegar ao público, transmitirlle só un pouquiño do que eu sinto cada vez que me subo enriba dun escenario.
Trato de transmitirlle ao público só un pouquiño do que eu sinto cada vez que me subo enriba dun escenario |
Que estilo de música é o que máis che gusta? Porque?
Escoito moita música e moi variada… de todos os estilos, aínda que á hora de cantar non sexa capaz de interpretar moitos deles. Certo é que me gusta moito a copla, o pasodobre… emociónome cantando ese xénero. A modo de “anécdota”, recordo que este pasado verán 2013, cando estaba traballando co Grupo Sierra de Luna, mentres cantaba unha copla, unha señora do público emocionouse de tal xeito que non puiden reprimir as bágoas… foi realmente emocionante!
A quen admiras profesionalmente? Tes algún ídolo/ídolos musicais?
Teño varios artistas aos cales admiro moito. Entre eles destacaría á gran Pastora Soler, Mónica Naranjo, Marc Anthony… e na copla, desde logo, Isabel Pantoja e Charo Reina.
Cal é a túa experiencia profesional?
Pois no ano 1999 comezaba a miña “andaina musical” e… ata agora! Só tiven un “parón” de 4 anos para dedicarme aos coidados da miña filla.
Que significou para ti entrar en Recantos?
Foi toda unha sorpresa! Non me imaxinaba que ía a estar aquí, pois o certo é que se trata da primeira vez que me presento a un concurso.
Que é o que mais está marcando a túa experiencia en Recantos?
O inmenso cariño que lle collín aos meus compañeiros; xa somos unha gran familia. E, por suposto, a gran oportunidade que me brinda Luar e que non penso desaproveitar.
Que actuación, das que levaches a cabo en Luar, foi a túa favorita?
Por suposto o día que interpretei “O Bico”.
Como te sentes no escenario sabendo que tantos artistas de renome cantaron nel?
Se te paras a pensalo dáste conta do privilexiados que somos ao contar con esta gran oportunidade e poder cantar nun programa líder en audiencia como é Luar.
Que significa a nivel persoal a túa experiencia en Recantos?
Moito! Entre outras cousas, a quererme un pouco máis e darme conta de que, en verdade, hai xente a que lle gusta realmente o que fago.
Que estás aprendendo do xurado?
A ver os meus erros e a intentar melloralos, a ter a opinión de profesionais da televisión e saber como me ven e me escoitan “dende fóra”. Non me coñecen de nada e dan a súa valoración máis sincera sen estar coaccionados a ser meus amigos ou familiares.
O trato que nos dan é realmente exquisito, só podo ter boas palabras para todo o equipo porque realmente son xeniais.
Que significa para ti o teu clube de fans?
Moito máis que un simple “clube de fans”, son os meus amigos… os que me aconsellan… os que están sempre ao meu carón mostrándome o seu apoio e cariño!
A todos eles… GRAZAS! Sabedes que vos quero moito!
Como te sentes cando a xente te recoñece pola rúa?
Sorprende … e moito! É moi agradable que a xente che fale e che diga que te seguen no Luar, e que lles agrada o que fas.
Que proxectos tes en mente ou estas realizando?
Gravei un temiña a dúo con David Fanego (compañeiro de Recantos) e espero que non sexa o último, pois encantaríame gravar algo con todos eles! E por outra banda, estou a compaxinar a participación no concurso co meu traballo no Dúo Muralla.
Que consello lle darías a alguén que está lendo esta entrevista e ten un soño por cumprir?
Pois que loiten polo que lles gusta. Din que o que ten fe en si mesmo non precisa que os demais crean nel. É moi importante que nunca se dean por vencidos e que nunca se rendan.. xa que, de seguro, o mellor está por chegar.