Irixa, espírito de loita e alegría no escenario
Baixo o nome artístico de “Irixa” atópase Iria Rodríguez López, unha ourensá de 32 anos que, pese a contar con estudos de auxiliar de enfermería, a súa gran vocación é a canción. Unha paixón que vén de familia e que a levou a traballar durante anos en varias orquestras galegas. Actualmente representa á zona de Ourense Norte no concurso Recantos 2013-2014 do programa Luar. Unha participación que, espera, lle permita facer camiño, superarse a si mesma e medrar no mundo da canción. |
Como foron os teus comezos no mundo da música?
O certo é que proveño dunha familia de músicos. Meus pais intentaron que estudase música ou algún instrumento, como fixeron meus irmáns, pero eu decantábame polo cante e con 15 anos xa debutei no instituto acompañada da miña prima e unha amiga que tocaba o violín.
Que característica ou rasgo é o que mellor te define?
O espírito de loita e a alegría.
Que estilo de música é o que máis che gusta?
Creo que o rock; quizás debido a que meu pai me inculcou a paixón por este estilo cando aínda era unha cativa… música dos 70, dos 80… grupos como Dire Straits, Bonnie Tyler…
A quen admiras profesionalmente?
Alejandro Sanz, Luz Casal, Cristina Aguilera… teño varios ídolos musicais pero se tivese que escoller a un sería Tina Turner pola súa voz e enerxía.
Cal foi a túa traxectoria profesional no mundo da canción?
Estiven uns quince anos dedicada á verbena galega, rodando por diversos escenarios de orquestras… e tamén actuei nalgunha gala benéfica compartindo escenario con Sito Sedes, Toñito de Poi ou Marisa de Fuxan os Ventos, entre outros.
Que significou para ti entrar en Recantos?
Unha renovación profesional, xa que estaba moi estancada. Foi todo un cambio de aires. Tomeino con moita ilusión, moitas ganas de encamiñar a miña carreira musical e promover os meus proxectos.
Qué é o que máis está marcando a túa experiencia no concurso?
Os nervios que, aínda que cada vez teño menos, en ocasións xóganme malas pasadas.
Cal das actuacións, das que interpretaches en Luar, foi a túa favorita?
A canción da terceira rolda, un tema de Ana Kiro que me permitiu deixar atrás os nervios e gozar, por fin, da actuación.
Como te sentes cando pisas o mesmo escenario que artistas de renome?
Bastante impactada, moi nerviosa e con moitas ganas de danzar enriba del.
Que significa a nivel persoal a túa experiencia en Recantos?
Pois a nivel persoal, serve para recordarme quen son e de onde veño porque moitas veces na vida deixámonos de lado e non sabemos ata onde podemos chegar, cando nós mesmos somos os que facemos o camiño.
Que estás a aprender do xurado?
As valoracións e as críticas serven para poder mellorar. No meu caso ensínanme a controlar as respiracións… que case sempre me esquezo e despois, afogo -risas-.
Que opinas do equipo de Luar?
Son bastante profesionais, contamos cunha gran persoa que é José Miguel. Sempre nos anima e nos coida, como se fósemos os seus filliños! É un dos mellores redactores que teño visto.
Como é a relación cos outros “recanteiros” da túa edición?
Incriblemente boa. Son xente con ideais, estilos e personalidades moi diferentes pero que encaixan uns con outros demasiado ben. Levámonos todos fenomenal.
Cal é a reacción cando a xente te recoñece pola rúa?
Alégrome e faime ilusión porque todo son cousas bonitas e agradables. Todo o que che din provoca unha grande satisfacción polo esforzo realizado.
Que proxectos tes en mente?
Montar a miña propia banda de rock! Cando pase esta crise espero poder gravar un par de temas que teño compostos.
Que consello lle darías a alguén que está lendo esta entrevista e ten un soño por cumprir?
Por moi difícil e por moitos obstáculos que atope no camiño, que nunca se renda, que siga camiñando e probando sorte dun lado para outro porque o que un quere, con esforzo e sazón, acaba conseguíndoo. Nunca se pode deixar de soñar.