publicidade hoxe
Martín Varela: “Comecei a aprender maxia con nove anos” - Cabecera

Martín Varela: “Comecei a aprender maxia con nove anos”

Martín Varela ten dezasete anos, unha morea de soños e a cabeza tan ben amoblada que un non se explica de onde saca ese mundo máxico co que inunda o escenario. Leva máis anos de experiencia que moitos ilusionistas máis veteranos, pero é que tiña apenas nove cando omezou a practicar con isto das cartas. O resultado? “Manifesto” un espectáculo que está enchendo teatros e no que todo está feito acorde ó seu gusto, polo que é Martín Varela en estado puro.

MARTÍN VARELA

Nome e apelidos: Martín Varela

Idade: 17 anos

Domicilio: Ferrol

Estudos: Cursando 2º de Bacharelato

Martín VarelaComo xurdiu o teu interese polo mundo do ilusionismo? En quen te inspiraches?

Cando eu era pequeno, tiven a sorte de asistir a numerosos espectáculos de moi variado xénero. De feito, a min o que máis me gustaba, antes de ver maxia en directo, era o mundo do circo. Despois de ver unha actuación de JuanTamariz e descubrir a través de internet a Lance Burton, un mago estadounidense, dinme conta do fascinante que era o mundo da maxia e quixen comezar a practicar. Comecei a aprender maxia cando tiña nove anos e fixen o meu primeiro espectáculo en público cando xa cumprira os once.

Como viron na casa que quixeses facer do ilusionismo a túa profesión? E os teus amigos?

A verdade é que afortunadamente sempre tiven unha resposta positiva por parte de ambos, tanto os meus amigos como a miña familia. De feito, esta segunda é unha axuda constante e é a que me permite poder seguir actuando cun espectáculo como é “Manifesto”. De todos os xeitos aínda non o considero a miña profesión, senón a miña afección xa que eu sigo estudando.

Aínda non o considero a miña profesión, senón a miña afección xa que eu sigo estudando”

Cal foi o primeiro truco que tentaches facer? Cal dos primeiros intentos recordas con máis cariño?

Pois eu lembro que unha das primeiras maxias que intentei facer foi a manipulación de cartas, é dicir, un mago remangado fai aparecer das puntas dos seus dedos multitude de cartas. Requiría moita destreza dixital, e eu non tiña demasiada! Custoume moito esforzo e tiven que ensaiar día tras día para que aquilo funcionase como tiña que funcionar. Aínda así, nunca cheguei a presentar ese acto en público.

Cantas horas diarias dedicas a preparar os teus espectáculos?

Sería difícil cuantificar o tempo que dedico ao día en preparar todo. Case é un proceso continuo. Sempre que teño un momento aproveito para poder continuar pensando na maxia.

Martín Varela Como xurdiu “Manifesto”?

“Manifesto” xurdiu pola miña idea de facer un espectáculo ó meu gusto. Eu quería poñer enriba do escenario só cousas que me gustasen ou que verdadeiramente me gustase compartir co público. Quería que os números, o son, a coreografía, o texto, os efectos especiais e a iluminación fosen unha extensión de min mesmo, para crear un espectáculo compacto desde o meu punto de vista.

Que supuxo para ti ser un dos privilexiados actuou no escenario do Auditorio de Galicia?

Foi unha gran honra actuar no Auditorio de Galicia, xa que foi alí onde vin un dos primeiros espectáculos de maxia de gran formato, dentro do festival Compostela Máxica. É un auditorio moi grande e polo tanto moi difícil para traballar nel. O soño feito realidade foi velo cheo con mil persoas para a representación de “Manifesto”.

Que outras actuacións destacarías entre as moitas que levas realizadas? Como é actuar en televisión?

Para min todas foron experiencias impresionantes. Non só encher as 900 butacas do Pazo da Cultura de Narón, senón tamén ter a oportunidade de actuar en Vilagarcía, Pontevedra, Vigo e mais A Coruña. A televisión é totalmente diferente que o teatro e é un campo no que da gusto poder aprender tantas cousas novas. En canto a experiencia no Luar, gústame poder ter a oportunidade de estar aprendendo cun equipo tan fantástico!

“En canto a experiencia no Luar, gústame poder ter a oportunidade de estar aprendendo cun equipo tan fantástico!”

Que lle dirías ao equipo que te acompaña nas túas actuacións?

O meu equipo sabe perfectamente que eu só son o que dá a cara, pero que sen eles non podería existir “Manifesto”, e sen eles non podería existir a maxia que facemos. Iluminación, son, produción,… Son as pezas imprescindibles que ensamblan “Manifesto”. Por enriba de todo dependo do meu equipo no escenario; rexedor, técnico de escena e as miñas “partenaires”!

Que consello lle darías a alguén que ten un soño artístico por cumprir?

A todo aquel que queira cumprir o seu soño diríalle que o máis importante é dar pequenos pasos pero cun obxectivo fixo. Traballar moito, fallar moito para poder emendar e aprender dos erros, pero o máis importante é nunca renunciar ao soño.

 

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 11 de Febreiro do 2014 | 11:54 a.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia