Noelia Rodríguez, “recanteira” gañadora da edición 2012/13
Representante do Recanto de Vigo na edición 2012-2013 do popular espazo musical do Luar da TVG, Noelia Rodríguez, aos seus 25 anos, acadou o éxito ao chegar á final e converterse en gañadora. Un triunfo que non só lle abriu as portas no mundo da canción, senón que tamén lle permitiu recibir os consellos do seu gran ídolo, Mónica Naranjo. |
A verdade levo toda a vida unida a ela, dende pequena xa participaba nos festivais do colexio, pasábame horas e horas cantando, ata tiña a miña nai aborrecida! –risas-. Pero foi no 2009 cando din un pasiño mais, xunto co meu mozo e súa irmá formamos o grupo de pop-rock “Código 0”. Estivemos en funcionamento case 2 anos. Despois da disolución da formación estiven un pouco apartada da musica , dedicándome aos meus estudos. Cando finalicei o curso de estética no ano 2011, entrei a traballar nunha perruquería e, en xaneiro de 2012, foi cando decidín cambiar o secador polo micro. Entrei a formar parte dun grupo de verbena, e durante ese mesmo verán foi cando me deron a gran oportunidade de representar a Vigo nos Recantos.
Que estilo de música é o que máis che gusta?
Gústanme distintos estilos musicais; dende a música latina ata a clásica. Non obstante, á hora de cantar quizás me decante polo pop-rock, as baladas ou a copla. Esta última descubrina no mundo das verbenas e dende entón, apaixóname. Son cancións cun sentimento que podes transmitir ao público coa voz.
A quén admiras profesionalmente? Tes algún ídolo/ídolos musicais?
Profesionalmente admiro a todo aquel que grazas a súa voz pode dedicarse ao que lle gusta. Hoxe en dia é de admirar toda esa xente que se gaña a vida co que máis lle gusta facer, e neste caso admiro a todos os cantantes do panorama musical. Pero se teño que decantarme, o meu gran ídolo é Mónica Naranjo, mesmo recordo como me poñía a cantar o tema “Desátame” sendo tan só unha nena… e grazas a Luar, podo presumir de chegar a coñecela. Unha persoa fantástica, tanto dentro como fóra do escenario.
Que significou para ti entrar en Recantos?
Descubriu a copla no mundo das verbenas e dende entón, apaixónaa |
Os 11 meses que votei en recantos só podo resumilos coa palabra “TODO”. Foi o primeiro concurso ao que me presentei, aprendín a crer en min, a loitar por un soño, a non renderse pase o que pase… foi incrible. Repetiría esa experiencia, sen dúbida. Aparte, podo enorgullecerme coñecer a grandes persoas que me axudaron dende o primeiro dia e me seguen axudando. O certo e que Recantos é como a segunda familia que un quixera ter.
Que foi o que máis marcou a túa experiencia en Recantos?
O que mais me marcou foi o apoio da xente, os veciños que me axudaban a colgar carteis, que chamaban a toda a súa familia para que me votaran, o día da actuación… a verdade é que foi unha experiencia moi bonita.
Cal das túas actuacións en Luar foi a túa favorita?
Se tivese que elixir unha sería a da semifinal , cando cantei “Torre de Area”. Dende que comezamos en setembro estaba desexando que me puxeran ese tema e cando quedei finalista e puiden escoller, sen dúbida esa tiña que ser a miña elección.
Que significou a nivel persoal a túa experiencia en Recantos?
Que non hai que renderse nunca, que hai que loitar polos soños que desexamos, e que un “NON” nunca é definitivo; simplemente hai que esperar a estar no sitio xusto no momento exacto.
Que opinaron os teus amigos e familia cando lles dixeches que entrabas nun concurso de cantantes?
Encantoulles!! Foron os primeiros en animarme… ás veces penso que lles facía máis ilusión a eles! –risas-. Se non tes o apoio dos teus é difícil, son os que che dan forzas para seguir adiante.
Como te sentes cando a xente te recoñece pola rúa?
Moi ben, gústame que a xente me coñeza pola miña voz e polo meu traballo, é moi gratificante que che dean consellos e che digan o que eles pensan. Para a familia sempre es a mellor pero a xente da rúa, se ten que dicirche algo malo, dío sen dubidalo. Apréndese do bo e tamén do malo.
A súa actuación preferida no programa foi a interpretación do tema “Torre de Area” |
Que proxectos tes en mente?
Agora que teño máis tempo estou traballando en varios temas, tanto en galego como en castelán, que espero que dentro de pouco vexan a luz. A maiores tamén me estou a presentar a todos os castings posibles.
Cal é o xeito de acadar os soños?
O primeiro é ser humilde, con esforzo e humildade pódese chegar moi lonxe. O mundo da música é moi gratificante pero tamén precisas moita paciencia porque, nos tempos que corren, a música non pasa polo seu mellor momento. Hai que aproveitar o tempo en novos proxectos que a corto prazo supoñan unha oportunidade.