
Iria Quintáns, no camiño cara un soño musical
Iria Quintáns París é de Mazaricos e, con 19 anos, representa ao recanto da Costa da Morte no programa Luar da TVG. Aínda que a súa paixón pola música está presente dende moi cativa, a súa timidez impediu ao público coñecer a súa gran voz ata que seu pai lle deu ese pequeno empuxón para armarse de valor e presentarse ao concurso. Apaixoada de todos os estilos confesa que o seu gran soño sería dedicarse profesionalmente ao mundo dos musicais. |
Como comezaches na música?
Empecei con 14 anos cantando nas festas do meu pobo, As Maroñas. Foi unha sensación estraña pero o mesmo tempo incrible, e a partir de aí, comecei a acudir a homenaxes e festivais e a probar novas experiencias.
Que característica é a que mellor te define?
Que me gusta cantar todos os estilos musicais. Penso que é algo moi difícil de encontrar, xa que a maioría dos cantantes xa teñen un estilo moi marcado ou co que se poden diferenciar. Ademais, sempre trato de facer as cancións o máis persoal posible.
Que estilo de música é o que máis che gusta?
É difícil decantarme porque a verdade é que me gusta cantar todos os estilos musicais. Todos teñen as súas particularidades, dificultades… cada un deles aportan cousas novas, así que non sabería por cal decidirme. Non obstante, o pop sería o estilo musical que máis escoito habitualmente.
A quen admiras profesionalmente?
Como me gustan varios estilos tamén me gustan diversos intérpretes do mundo da música; dende voces negras como Whitney Houston, Anastacia ou Beyoncé ata outras máis peculiares como Luz Casal, Ana Gabriel ou Alejandro Sanz. Aínda que tamén teño un oco para a copla e cantantes como Pastora Soler, Rocío Jurado ou Marifé de Triana.
Cal é a túa experiencia profesional?
A verdade é que non teño moita experiencia no mundo da canción xa que non me dediquei profesionalmente a isto, pero si é certo que participei ocasionalmente en homenaxes e festivais como o de Terra do Xallas e o festival do Landro.
Que significou para ti entrar en Recantos?
Teño que dicir que o impulsor foi meu pai, díxome que este era o momento, que se agora non perdía a timidez, despois non habería forma. E a verdade é que llo vou agradecer inmensamente xa que está sendo unhas das mellores experiencias que tiven na miña vida, xa que me está axudando moito a nivel profesional e tamén a nivel persoal.
Que é o que mais está marcando a túa experiencia en Recantos?
Son moitas as cousas que me están marcando pero unha das fundamentais e das que me están a axudar son os consellos que nos dá o xurado. Son unha persoa moi autocrítica e todas aquelas pequenas cousas que me digan sempre as vou tratar de aprender para mellorar e superarme a min mesma.
Que actuación, das que levaches a cabo en Luar, foi a túa favorita?
A primeira canción que interpretei, “Alma, corazón e vida” dos Panchos. Estou bastante satisfeita de cómo me saíu, non imaxinaba que lle gustaría tanto a xente pois non fixen a versión orixinal senón que a pasei totalmente ao meu terreo.
Como te sentes no escenario sabendo que tantos artistas de renome cantaron nel?
É algo moi especial… como se estivera soñando e ao mesmo tempo fose real… é difícil de explicar xa que estar cantando no mesmo escenario no que cantan grandes artistas non pasa tódolos días e a verdade é que e algo moi bonito.
Que significa a nivel persoal a túa experiencia en Recantos?
Se o teño que dicir nunha palabra sería INCRIBLE. Estame axudando a non se tan tímida,a estar máis segura comigo mesma e sobre todo a non dubidar do que estou facendo.
Que estás aprendendo do xurado?
Moitas cousas. Son grandes profesionais e eu que non teño moita experiencia nisto recibo con ganas eses consellos que nos dan, axúdannos moito para mellorar a maneira de cantar e interpretar enriba dun escenario.
Que opinas do equipo de Luar?
Son marabillosos, uns grandes profesionais que nos axudan moitísimo e fan todo o posible para que nos sintamos coma na casa e gocemos ao máximo desta experiencia.
Como é a relación cos outros “Recanteiros” da túa edición?
Magnífica, teño que dicir que estou rodeada de xente moi boa que me transmite enerxía positiva e un cariño inmenso, deles tamén estou aprendendo moito porque algúns xa se dedican á canción e poden aconsellarme. Estamos compartindo moitos momentos xuntos e a verdade e que é un pracer estar con eles. Non me da chegado o venres para estar de novo xuntos!
A participación en Recantos axúdame a non se tan tímida e a ter máis seguridade |
Que significa para ti o teu clube de fans?
O meu clube de fans significa unha parte de min, xa que sen o seu apoio non daría feito moitas cousas das que estou facendo. Quero darlle as grazas por confiar en min e axudarme neste soño que quero conseguir.
Que opinaron os teus amigos e familia cando lles dixeches que entrabas nun concurso de cantantes?
Quedaron contentísimos porque dera o paso. Nun principio algúns non o crían xa que me estiveran animando sempre para que participara en concursos pero nunca me atrevía… e cando viron que si era certo, emocionáronse.
Que proxectos tes en mente ou estas realizando?
Encantaríame dedicarme ao mundo da canción, sobre todo en teatros ou en musicais. O meu soño sería poder dedicarme ao que me gusta, a canción, porque para min é a única profesión onde priman os sentimentos e coa que eu me sentiría completamente realizada.