publicidade hoxe
Alexandra Carrera, unha artista doce pero con carácter - Cabecera

Alexandra Carrera, unha artista doce pero con carácter

Alexandra Carrera

Se algún nome debe aparecer o lado da acepción da palabra artista ese debe ser o desta arousá que destaca por tocar todos os paus da baralla artística. Cantante, bailarina e actriz, cunha voz esplendorosa, trata de abrirse paso no panorama musical mediante actuacións en galas e festivais, aparte da súa participación en concursos de talentos tales como “Tú si que vales” ou “Recantos”.

Alexandra Carrera

Nome: Alexandra Carrera Cores

Idade: 20 anos

Domicilio: Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)

Profesión: Cantante, actriz e bailarina

Estudos: Arte Dramático.

Hobby: cantar,bailar, actuar… E tamén, saír cos amigos e facer deporte.

Cando comezas no mundo da música Alexandra, como decides que queres ser artista?

A verdade é que non é cousa de agora, dende ben pequena cantaba nos festivais de fin de curso e tentaba pronunciar a letra en Portugués dalgún fado que lle escoitaba á miña irmá maior. Foi ela a que me máis me animou a ser cantante, porque ela cantaba de nena e, polo que din, facíao moi ben!

Ti cantas, bailas, interpretas, ó que che boten! Es moi versátil pero supoño que terás algún xénero no que te sintas especialmente cómoda…

Por suposto que teño! Os meus estilos, sen dúbida, son o Jazz, o Rhythm and blues, o Soul e tamén o fado.

Por que che gusta o fado? É un xénero menos típico digamos, que ten de diferente?

Gústame pola forma de cantalo tan peculiar que teñen as fadistas, a forma de colocar a voz, o sentimento que ten, a ornamentación que ten cada frase… Todo.

Ti es coñecida por ter participado en varios concursos de televisión, supoño que a túa opinión destes talent shows é positiva, non?

Os talent shows son necesarios para toda esa xente que quere facerse un oco neste mundo e que non ten os contactos suficientes. Son unha boa maneira de darse a coñecer cando ti non tes medios propios para facelo.

A nivel persoal, a ti que che aportaron?

A min servíronme para gañar confianza en min mesma, e tamén para conseguir experiencia. Ademais e, sobre todo no meu caso, foron moi importantes para que a xente me coñeza un pouco máis e saiba de min. Así que animo a todo o que se queira dedicar a isto a que se presente! E tamén ás cadeas de televisión a que fagan máis!

Cres que están ben enfocados cara esa busca de talentos que se supón que queren levar a cabo, ou poderíase mellorar?

En liñas xerais están ben pero dende logo, pódense mellorar. Ademais, na miña opinión, co paso do tempo xa van nesa liña, xa van mellorando e cada vez os formatos son máis innovadores e os concursos máis variados.  

No caso de Recantos, é un concurso moi mediático dentro de Galicia, é moi coñecido no noso territorio. Como che influíu a ti isto? Que supuxo na túa carreira?  

Pois no meu caso eu creo que foi positivo porque ademais foi unha moi boa aprendizaxe e unha experiencia moi positiva. As cancións que me tocou cantar ningunha foi do meu estilo, pero iso era algo que xa sabía cando me presentei e aínda así quixen facelo. Por un lado, pode chegar a parecer frustrante lidar cun tipo de cancións que se afastan totalmente do teu estilo, pero polo outro, cando ves que o resultado sae ben, é realmente enriquecedor.

Como che están a ir as cousas despois do teu paso por Recantos? Notas que a xente te coñece máis?

Pois por agora están a ir ben. A xente si que me coñece máis pola rúa e cando vou ó karaoke coas amigas. Páranme e dinme: Ti es a do Luar! (Risas) Resulta moi gracioso e moitas veces cólleme de sorpresa (Risas).

E tes máis contratacións?Alexandra Carrera

Si que se nota a verdade, pero agora estou algo parada porque estou montando o novo repertorio cun dúo acústico en voz e guitarra. Estou a traballar con Lucas Solla e espero que poidades disfrutar en breve!
 
Que tal a experiencia da televisión? Foi como imaxinabas?

Gustoume, foi algo diferente ó que tiña feito sobre todo porque puiden convivir moitas horas con xente cas miñas mesmas ilusións, cousa que no “Tu Si Que Vales” por exemplo, non fixen. Simplemente conviviamos o tempo xusto da gravación, só ese día exacto. No Luar é diferente xa que viámonos todos os venres dende as oito da tarde máis ou menos, ata as dúas da mañá, máis os días que tiñamos gravación en Vigo e demais. A verdade que é unha experiencia recomendable a todo o que lle guste este mundo.

Que tal co equipo de Luar?

Son persoas encantadoras. En resumo, vas por alí “como perico pola súa casa”. Están pendentes de todo, e de feito, levar un programa en directo durante tantos anos só pode ser obra dun bo equipo.

Sendo un programa que leva tantos anos en emisión, supoño que o verías de pequena dende a casa, imaxinábaste nese escenario?

Si! (Risas) Téñoo visto, aínda que o formato cambiou moito dende aquela… Non esperaba actuar nel nin tampouco que fixeran este tipo de concursos, pero creo que fixeron unha moi boa aposta co Recantos porque é algo que lle da moita frescura. Actuar nese escenario foi para min un privilexio, xa que moitos artistas recoñecidos estiveron (e están) nel, e iso non pode dicilo calquera.

Que é o máis importante dun artista? O talento innato, o esforzo, o físico…

Eu creo que un artista completo ten que ter de todo. Unha boa voz é o principal, pero para conseguir vender (é triste pero é certo) se non tes físico, hoxe en día, non vendes. Ultimamente só hai físico e isto frea a moitos que de verdade valen a pena. A música é para escoitala principalmente.

Como te definirías como artista? Cales dirías que son as túas mellores aptitudes?

Alexandra CarreraDoce pero con carácter, ou iso din os que me ven! (Risas). Non sei… Eu creo que a garra e a versatilidade son as miñas mellores aptitudes.

Onde dirías que radica a clave do éxito?

Al claves diría que son dúas, dedicación e confianza nun mesmo.

Tes xa o teu propio club de fans, iso ten que ser emocionante cando menos…

Si, a verdade é que si, saber que te seguen e que valoran o teu traballo sempre gusta. O que máis me gusta é recibir mensaxes de felicitacións e que se interesen por cando poden volver a verme actuar. É moi reconfortante recibir o apoio da xente.

Cal sería esa canción que che encantaría cantar? E se miramos cara a interpretación, cal dirías que podería ser o papel da túa vida?

Non teño un papel que prime por enriba dos outros. O que eu quero é facer moitos, todos os que poida! E cantar ata quedarme sen voz se é preciso. Se tivera que dicir un, supoño que sería o de Eponine en “Los Miserables” e en canto á canción, a que me gustou dende sempre é “I have nothing” de Whitney Houston.

Cales son os teus referentes artísticos?

Pois a propia Whitney Houston, Etta James, Christina Aguilera, Aretha Franklin, Beyoncé…

No mundo da interpretación, que proxectos puxeches en marcha? Dos papeis que fixeches ata o momento, cal destacarías?

De momento quero centrarme na miña formación. O papel que máis me gustou interpretar foi Christine da Pantasma da Ópera.

Xa coñecemos os teus referentes musicais, e os interpretativos?

Catherine zetta-Jones, Audry Hepburn, Julia Robers, Meryl Streep, Elizabeth Taylor…

Por último Alexandra, cales son os teus proxectos máis próximos?

Nestes momentos dou concertos en solitario, estoume presentando a castings aquí e no estranxeiro, e tamén gravando algún que outro tema en solitario e en colaboración con outras persoas. Ademais sigo estudando na Escola Espazo Aberto de Santiago de Compostela.

Por: Adán López
Publicado o 5 de Marzo do 2014 | 5:43 p.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia