publicidade hoxe
Débora Silva: “A música é a mellor psicóloga que existe para millóns de persoas” - Cabecera

Débora Silva: “A música é a mellor psicóloga que existe para millóns de persoas”

Debora Silva

E precisamente por iso ela canta realidade, sentimentos, soños… E por que non? Penas tamén, que desas todos temos. Débora Silva defínese como unha rapaza normal, mesmo insegura e cos seus complexos, pero cando colle o micrófono todo iso parece esfumarse e é quen de gritarlle ó mundo o que agocha no máis profundo da súa alma. Iso si, se pode ser, tenta…“Decirlo Bajito”.

Debora Silva

Nome: Débora Silva

Idade: 32

Lugar de residencia: Natural de Boiro pero residente na Coruña dende hai 13 anos.

Estudos: Pedagoxía Teatral, Realización Audiovisual. Logopedia. Formación no campo da interpretación (cabaré, clown, comedia dell`arte, claqué, técnicas de interpretación ante a cámara para casting e TV, voz para actores…)

Profesión: Cantante a tempo parcial e ama de casa demandante de emprego a tempo completo.

Hobbies: Viaxar, cociñar, a decoración de interiores… Pero ante todo, escribir, compoñer e xogar co meu fillo.

Quen é Débora Silva?

Unha rapaza normal, nai de familia, coa peculiaridade de que, ademais de  coidar do seu fillo e ir ó súper, escribe e canta cancións. Sinxela, divertida, soñadora, moi amiga dos seus amigos, entregada, entusiasta da vida e da paz interior; pero que non esquece loitar cada día, ser agradecida e ter os pés ben pegados á terra.

Como xurde o teu interese polo mundo da música?

Parece ser que dende moi cativiña xa apuntaba maneiras… Alá polos seis aniños era o centro das reunión familiares (risas). Logo sempre seguín vinculada á música e ó teatro; na escola, no instituto… Formei parte da coral de voces brancas de Boiro e posteriormente da Coral Baldomar. Pero o que se di interese profesional, o que é ver un futuro traballando disto, xurde ó redor dos 19, 20 anos. Ata entón quería ser arqueóloga ou sismóloga ou paleontóloga… (risas) Mira ti! Foi por un primo de meu pai, que traballaba no mundo da música, e que me dixo que eu valía para isto. A min doume a risa, porque eu era moi tímida e tiña mil complexos! Cantante eu??? Entón xurdiu a oportunidade de acudir ó Festival de Padrón, e quedei de 3ª. No mesmo mes fun ó casting de Pop Stars e quedei finalista de Galicia. Ó final non entrei, pero valeume de moito a experiencia. Dende entón non fixen máis que seguir pelexando ata agora.

Que tratas de transmitir a través das túas cancións?

Realidade, sentimentos básicos que todos temos algunha vez na vida. Amor, desamor, alegría, agradecemento, dúbidas… Ó sentirnos identificados, dámonos conta de que non estamos sos, e de que hai máis xente na nosa situación. Iso axuda moito. Por iso a música é a mellor “psicóloga” para millóns de persoas.

Destacarías algunha canción en especial?

“Decirlo bajito”. É todo o sentido da miña vida, a base do que entendo por felicidade. Comezou sendo una declaración de amor para a miña parella, e agora extrapóloa tamén a todo o que Pablo (o meu neno) me fai sentir.

Debora SilvaQue actuación destacarías?

Considero que todo canto fixen ata o de agora é importante e destacable, porque é a suma do total a que da como resultado o que son agora. A experiencia é a mellor das escolas. E o público, o mellor dos Mestres. Por suposto que teño actuacións gravadas na retina, e se tivera que quedar con unha sería a actuación na Gala de entrega de premios do xornal Santiago Siete en Maio do 2011. A maiores de ter para min sóa as táboas do Teatro Principal de Santiago, co aforo completo e persoeiros de toda índole entre o público, estiven acompañada ó piano polo productor, e amigo, Pablo Vidal. Todo quedou pequeno nese momento ó lado do que estaba a pasar no meu interior… Esa mesma mañá acabada de saber que ía ser nai! Estaba tan emocionada que non puiden evitar as bágoas cantando “Decirlo Bajito”.  Simplemente, precioso.

Carlos García, Pablo Vidal, Leonel Smith (Satellite3), Marcos Mella, César de Centi… Que resaltarías de cada un deles? Cómo foi a experiencia?

Destacaría algo que todos teñen en común: talento, entrega, autenticidade e ante todo, o feito de ser persoas marabillosas e moi traballadoras. Con isto, sobra dicir que a experiencia de estar ó seu lado é impagable, e que teño o privilexio de contar con amizades moi valiosas.

Debora SilvaA que programas te invitaron da canle galega?

Estiven en Tardes de Verán con Iolanda Vázquez, en Son de Estrelas, onde fun cuarta finalista na edición do 2008, en Son de Verán, que foron os especiais de verán que se fixeron tras participar en Son de Estrelas, e tamén en Luar.

Que foi o que máis che chamou a atención de todos eles?

Danme diferentes vibracións. En Son de Estrelas era concursante, había nervios, euforia, baixóns… Chamoume a atención como se preparaba todo na TV, os ensaios, as marcas, os primeiros contactos coa cámara… Logo nos outros xa ía con máis calma, con seguridade, só tiña que facer o que sabía e esperar non saír nomeada (risas). De Luar destaco a sensación familiar que se respira no equipo, o trato. Quedei moi contenta.

Que sentes durante as túas actuacións?

É curioso, moita xente mo pregunta. Din, non te pos nerviosa? E eu sempre contesto o mesmo, síntome tan cómoda como si estivera no sofá da casa! Estou no meu medio! Síntome segura, tranquila. Son una persoa insegura e con complexos, por iso é tan curioso que aí enriba non me importe nada, só cantar o que sinto, abrir a miña alma.

Cal é o maior premio ó teu traballo?Debora Silva

Seguir subindo ós escenarios e recibir os aplausos do público.

Candidata ós premios da música, que se sente?

Sentes que o esforzo paga a pena, que formas parte de algo, neste caso a “Asociación de Músicos ao vivo”, da que formamos parte  moitos profesionais galegos da música. É bonito ver o teu nome e o teu traballo pegado ó de atistas da talla de Xoel López, Narf, The Cornellius, Triángulo de Amor Bizarro… Fai que poñas máis ganas e que creas máis no que fas.

Que consello lle darías a alguén que ten un soño por cumprir?

Que decida o que realmente quere ser e que non perda o tempo por vías secundarias. Que se centre nunha cousa e que a faga ben, só así serás “profesional” en calquera ámbito. Todo está moi complicado, pero crer moito en algo axuda a levantarse feliz, a ter un obxectivo polo que loitar, polo que sorrir, iso que é tan necesario…

Debora Silva

 

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 16 de Abril do 2014 | 1:02 p.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia