Tamara Pérez, subida aos escenarios dende a adolescencia
Vinculada ao mundo das orquestras dende a adolescencia, a paixón musical de Tamara Pérez levouna a participar no espazo Recantos do programa Luar. Un cambio de aires musicais que lle permitiu evolucionar na súa carreira e promocionar os seus novos traballos. Con agarimosos recordos da súa época no concurso, e rivais convertidos en grandes amigos, así recorda o seu paso polo programa, aconsella aos participantes desta nova edición e avanza, un pouco máis, cales son os seus novos proxectos. |
A que te dedicas profesionalmente?
Eu son cantante, levo dende os 15 anos cantando con diferentes orquestras como Tango de Vigo, a Monumental de Ourense, actualmente a orquestra Delirio… e compaxinándoo cos meus estudos e outros traballos musicais, compoño música e tamén participo con outras formacións.
Como comezaches no mundo da música?
Pois dende pequena foi a miña paixón e tiven a sorte de que a familia sempre me apoiou. Un día coñecín a unha persoa que precisaba unha cantante para a súa orquestra, fíxome unha proba e entrei na súa orquestra.
Que supuxo para ti estar en Recantos?
Iso foi a bomba. Foi a mellor experiencia a nivel profesional que tiven, tanto polo trato recibido pola xente de Luar como por coñecer a numerosos artistas, axudoume a medrar como persoa e como profesional.
Que actuación foi a que máis che marcou?
Todas teñen o seu punto especial pero, quedaríame coa última porque sentinme satisfeita do resultado, aínda que sempre se pode mellorar. De todas aprendín e con todas medrei.
Como era o ambiente na túa sala Recantos?
Fabuloso. Levabámonos todos de marabilla, incluso fixemos o amigo invisible por Nadal… eramos rivais pero grandes amigos; a día de hoxe aínda conservo amizades daquela época.
A entrada en Recantos permitiume medrar como persoa e como profesional |
Que estudaches?
Estou acabando unhas asignaturas de bachiller que tiña pendentes. Eu quería ser cantante e só me dedicaba a música pero co tempo deime conta que fai falta algo máis e retomei os estudos, nun futuro quixera facer educación infantil, xa que me gustan moito os nenos e ensinar é un arte.
Como transmitirías o teu gusto pola canción a outras persoas?
Gustaríame ensinarlle a parte bonita da música, evidentemente tamén ten cousas malas, pero ensinarlles o que se sinte cando cantas, cando tocas un instrumento, esa ledicia e felicidade cando fas o que realmente che gusta.
Que comentan os teus amigos da túa profesión como cantante?
Ninguén se sorprendeu porque os que me coñecían de toda a vida sabían da miña paixón pola música dende pequena. Cando estudaba na ESO e os meus compañeiros vian que xa estaba comezando a dar os primeiro pasos nas orquestras pois sorprendíanse, curioseaban. Trátase dun ámbito que sempre chama a atención. Tiven o seu apoio, os meus amigos incondicionais sempre estiveron aí apoiándome.
Como decidiches presentarte a Recantos?
Non o tiña en mente pero xurdiu, ese ano quería deixar as orquestras e como non tiña nada que perder decidín probar.
Saíu algún proxecto de colaboración tras a túa participación en Luar?
Hai unhas semanas cantei no Luar un tema de Rafaella Carra con Carolina López (Recanteira da Coruña). O certo é que foi unha experiencia marabillosa.
Tes algún tema na rede que poidan escoitar os lectores?
Si, en decembro de 2012 a miña parella e máis eu dedicamos unha canción a Luar, titulada “Tatuados no tempo” que a compuxemos con moito agarimo con motivo do 20 aniversario do programa. Recentemente compuxemos un tema para o Festival da Canción do Grove, no que quedamos segundos. Estamos traballando e compoñendo máis cousiñas, pero ata agora é o que temos inédito.
No festival do Grove erades os únicos de fóra das Rías Baixas?
Compuxo coa súa parella o tema “Tatuados no Tempo” polo 20 aniversario de Luar |
Pois si, entereime de casualidade entrando nunha rede social, informeime, anoteime o 17 de setembro e o prazo finalizaba o 30 de setembro. Estivemos moi apurados xa que non tiñamos nada en mente, compuxemos unha canción pop-rock con moito traballo e moitas ganas e finalmente fomos alá e quedamos segundos, a pesares de ser ourensáns e os 18 participantes restantes todos eran das Rías Baixas.
Que lle recomendarías á xente que quere ser emprendedora?
Diríalles que o máis importante é ser constante porque todas as portas están pechadas e hai que tratar de abrilas, e se continúan pechadas non pasa nada, hai que continuar traballando, poñendo empeño, aprender dos erros, non perder a ilusión nin as ganas que é o máis importante.