María Senín, a percusionista do “vaso”
Con tan só 16 anos, María Senín representa ás Terras de Lugo no programa Luar da TVG. Aínda que reside na Coruña, é natural de Paradela. Dende moi cativa a música foi a súa paixón, cantando en festivais do colexio e en karaokes, pero só de xeito afeccionado. Auténtica seguidora de Canteira de Cantareiros e Recantos, agora chega a súa oportunidade mostrando un gran entusiasmo e unhas dotes musicais que acompaña con técnicas tan sorprendentes como o “Cup Song”. Máis vinculada ao pop de Rihanna ou Bruno Mars, a copla é outro dos estilos que máis domina. Actualmente cursa estudos de ESO pero vincula o seu futuro ao mundo musical e dramático. |
Que fas día a día?
Estudo na Coruña e cando veño entreno, fago fútbol e vou a atletismo.
Como pasaches de facer deporte a cantar no Luar?
Eu xa cantaba dende pequena e gustaba moito, e Luar sempre se vía na miña casa. Xa me gustaba cando estaba a Canteira de Cantareiros e tamén Recantos, pero como era nova non me podía apuntar e este ano, ao cumprir os anos en maio e os castings ser en xuño, pois xa me puiden presentar.
Que foi para ti entrar?
Foi algo incrible. Non cría que me foran coller, cando esperaba no casting había xente dentro que cantaba xenial, incluso outra rapaza que tamén ía por Terras de Lugo e cando a oín cantar pensei que seguro que non me collían pero cando me chamaron, chorei, non mo podía crer.
Como viviches o momento de cantar diante de tanta xente?
Para min foi todo porque teño moita vergoña a cantar diante da xente, penso que canto máis canto ante o público resúltame máis doado cantar. Cantaba no colexio e tiña vergoña pero é incrible que agora, diante do público te miren con ledicia e despois apláudenche, que che dean ceros ata é unha satisfacción moi grande porque estas facendo o que che gusta e o meu soño é cantar na televisión.
Agora que sabes que estás na seguinte fase, que pensas facer?
Buf, vouno preparar a lume! Isto é todo. Moi pouca xente ten a segunda oportunidade e creo que é algo moi grande. Ao mellor a primeira canción non era o meu estilo, era un pouco complicada e espero estar máis tranquila nas seguintes actuacións.
Entón, cal é o teu estilo?
A min gústame o pop e tamén canto copla. Cando era pequena cantaba copla porque na miña casa era o que cantaban, paréceme moi bonita. Tamén me gustan as rancheiras, pero o que me motiva é o pop, música moderna.
Se non me equivoco, coñécente como a “nena do vaso”?
Si. Dáseme ben a percusión xa que toco a pandeireta, e decidín que había que facer algo orixinal na primeira vez que ía ao programa; facer algo para que a xente dixera “mira, esta nena sóame”. Era un xeito de chamar a atención.
Como aprendiches esa técnica?
Vino nunha película porque tamén me gustan os musicais, e comecei a practicar ata que me saíu. É a técnica do “Cup Song” que nos últimos tempos fíxose máis coñecida a través de internet.
Que supón para ti estar con compañeiros que son maiores ca ti?
A verdade é que pensei que ía ser raro porque son a máis pequena, pero estou contentísima porque téñolle moito cariño a todos e todos me tratan moi ben.
Que é o que máis che chama a atención do equipo de Luar?
É coñecida como “a nena do vaso” por ser unha experta na práctica do “Cup Song”, percusión feita con vasos |
Que estean tan pendentes de nós, que nos traten tan ben… pensei que a xente iría máis por libre pero non é así, chegas aquí e vés que é todo como unha familia. E claro, tamén cando ves a xente famosa é incrible.
Como se toman os teus amigos que teñas esta vida agora?
A verdade é que como xa me coñecen, están moi contentos, algúns aínda non o cren moito, pero trátanme igual, sigo sendo a de sempre.
A tele engancha, canto máis estás dentro, máis ganas tes de seguir |
Que lle dirías á xente que ten un soño coma o teu e que quere cumprilo?
Que ningún soño é demasiado grande, porque eu ata fai uns meses estaba na casa. Todo se pode facer, se realmente tes desexos de facelo podes chegar a conseguilo. Tes que loitar e a túa xente ten que apoiarte ao máximo. Na miña casa apoiáronme dende o principio, porque se é iso o que che gusta, pois adiante.
Fotos: blogs.crtvg.es