publicidade hoxe
Varrendo para casa - Cabecera

Varrendo para casa

Hollywood conta as horas para a súa gala máis importante. Os Oscar celebraranse este mesmo domingo pero nós, como somos así de alternativos, non falaremos dela (deixarémolo para a semana, mellor, que total facer máis quinielas de pouco vale).

Aproveitaremos este espazo para varrer para casa e botar unha ollada ó audiovisual patrio. Si, si, ó da terriña. Porque aínda que non son tan soados como os norteamericanos, a nosa Academia do Audiovisual tamén ten os seus galardóns. E este luns almorzabamos cos nomes dos candidatos para os Mestre Mateo deste ano.

Somos Xente HonradaPoderíamos dicir que “Somos xente honrada”, a longametraxe de Alejandro Marzoa, parte como gran favorita: opta a 13 premios das 26 categorías posibles, nin máis nin menos. Tamén que nas series de televisión a cousa parece estar máis disputada: “Era visto” aparece nominada ata nove veces; “Luci”, oito. Pero nós centraremos a atención nunha categoría moi nova, que xa está entre as máis populares: a das web series.

Neste 2014, a cousa estará entre “Entre pipas”, “Joke Business”, “Canillejas” e “El quid”; produtos xa coñecidos (as dúas primeiras tamén estiveron nominadas na edición pasada) enfrontados a outros novos. Recordemos que o ano pasado a xa célebre “Angélica e Roberta” foi a que levou o galardón a casa; un premio máis que merecido, sobre todo se temos en conta que foi precisamente esta webserie a que inaugurou a categoría cando, no 2012, conseguiu colarse na listaxe de nominados entre as series de toda a vida (as de televisión, enténdese). Se gozas coa comedia absurda e naciches nos anos 80, esta é a túa serie.

foto peli_2Pero voltemos ao deste ano. A parodia que Joke Business fai do mundiño audiovisual e a revisión do cine negro de “El Quid” están ben. Pero eu son de “Entre Pipas”. A serie de Luis Zahera e Xulio Abonjo, na que son dous colegas que falan do humano e do divino compartindo pipas sentados nun banco, merécese o seu recoñecemento. A calidade técnica dos capítulos varía, pero os guións son quen de manter un nivel que fai que nada “chirríe” dentro desas conversas case improvisadas. Ademais da miña debilidade por Zahera, claro, un actor que consegue esa conexión entre o guión que está a representar e o público dun xeito totalmente natural. Xa sabedes, nestas cousas é difícil ser obxectiva.

Tamén vos digo, se non é para “Entre Pipas”, que sexa para “Canillejas”: un produto marcado por situacións e diálogos cómicos e absurdos, pero desta volta vividos por dúas personaxes decimonónicas, que non poden acumular máis títulos e cargos na España da Restauración.

Así que non quito mérito ás nominadas, dende logo, pero teño que facer unha confesión: destes Mestre Mateo boto de menos nesta categoría a “O viúvo quere mimos”. Un produto feito con moi pouco orzamento que se pasea polo humor negro con situacións moi absurdas, as que vive un mozo que acaba de perder á súa muller, facendo un humor en moitas ocasións politicamente incorrecto pero que deixa momentos e interpretacións brillantes. Así que xa sabedes, botádelle unha ollada, que é gratis. Agardemos que para o vindeiro ano esta webserie, que só ten dous capítulos, teña o seu oco no palmarés.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 27 de Febreiro do 2014 | 3:28 p.m.