
A morte do romanticismo
Onte sentín unhas ganas tremendas de volver ver “Revolutionary Road”. Acordeime dela de repente, sen saber de onde viña esa (chamémoslle así) necesidade, pero ao voltar a casa, cumprín co capricho. Volvín vela e recordei por que me gustara tanto no meu primeiro contacto.
Antes de nada, dicir que este filme de Sam Mendes pasou de puntiñas, polo que é probable que a moitos lles sone de lonxe. Unha inxustiza. Nela, o director volve xuntar como protagonistas a unha das parellas máis recoñecibles do celuloide: Leonardo DiCaprio e Kate Winslet que encarnan, outra vez, unha historia de amor. Pero desta volta o conto pouco ten que ver con “Titanic”. Nin sequera os actores teñen que ver co que eran antes para as masas: un ídolo de adolescentes, el; unha mociña con xeito, ela. Nesta película de 2008 xa son intérpretes maduros, que conseguiron forxar unha carreira a pesares de “Titanic” (e si, digo “a pesares”, non “grazas a”).
Para entender a historia de “Revolutionary Road”, pode parecer fundamental ter en conta que nos manda directos aos anos 50. Aínda que o que representa é unha realidade que nos resulta familiar (con maior ou menor proximidade, pero familiar ao fin e ao cabo) a todos. Frank e April coñécense nunha festa e, sorpresa, namóranse. Cada un ten os seus soños, pero finalmente acomódanse, casan e convírtense nunha familia de Connecticut con dous fillos. Un matrimonio estable e, como tantos, aparentemente feliz. Pero non o son, e a diario pelexan contra o seu dilema: loitar polos seus soños ou conformarse co cotián.
Podemos dicir que nesta obra, Mendes vólvese indiscreto. Indiscreto porque nos mete de cheo dentro desas casas de fachadas perfectas, pero obríganos a ser testemuñas da infelicidade que se palpa no ambiente. Unha infelicidade que remata convertíndose en intercambios de reproches entre unha parella que descobre que un xa non é suficiente para o outro. Golpea de cheo no ideal sobre o que Norteamérica asentou a seu concepto de familia, sobre todo nos anos 50 e 60. E fai que te topes de cheo coa realidade.
“Revolutionary Road” é unha película crúa. Unha vez que te decidas a vela non poderás evitar reflexionar sobre todo o que che plantexa. Non é a primeira vez que Sam Mendes fai algo así. Non nos esquezamos de que é o director de “American Beauty”. Pero persoalmente creo que neste film protagonizado por DiCaprio e Winslet a reflexión que fai é moito máis intimista e prescinde do humor que si que atopabamos na de Kevin Spacey.
Como xa comentei, o dúo protagonista está tremendo. Aínda que é ela a que leva a maior carga dramática do guión, ben é certo que DiCaprio está á altura e sabe ser ese compañeiro que potencia a súa actuación sen eclipsala. Algo que, de todos os xeitos, non resultaría moi sinxelo. A pesares do “pasotismo” que padeceu esta película, o 2008 foi o ano de Kate Winslet. Xunto con “Revolutionary Road” levou ás pantallas “The Reader”, a película sobre a II Guerra Mundial e o nazismo (e posteriores xuízos) que lle valeu o Oscar á mellor actriz. Pero que queredes que vos diga: gústame moitísimo máis a April da película de Mendes. E prefiro o filme enteiro cen mil veces ao relato de Stephen Daldry (que tamén ten o seu, pero é que as comparacións son odiosas).
Penso que o “problema” de “Revolutionary Road” é que pode ser unha película incómoda. Pero incómoda a un nivel moi persoal. Non é que te plantexe as miserias da sociedade, ou que poña ao descuberto o vergoñento dalgún momento histórico pasado. O que ispe é a hipocresía, esa felicidade que non é, ese medo de moitos matrimonios e parellas a enfrontarse ao final dunha relación. Esa acumulación de reproches polo que “puiden ser e non fun por ti”. Esa morte do romanticismo.
Por iso creo que cada un dos seus 128 minutos paga a pena.