publicidade hoxe
Hai directores que… - Cabecera

Hai directores que…

Gran Torino

Hai directores que son garantía de que vou querer ir ao cine. Teño o mal vicio de crer neles, e ata que chego á sala pouco me preocupo de argallar sobre o filme que vou ver. Confianza cega, que lle chaman.

Ben é certo que ás veces levo decepcións. Outras, simplemente atopo o que agardaba, ou marcho do cine con esa sensación que che deixa unha boa película. Pero aínda que peque de xeralizar, cando vou ver un filme dalgún deses realizadores, deixo a sala pensando que vin unha película que está por enriba da media (algo que, se botamos unha ollada á carteleira dos cines comerciais, tampouco é tan complicado).

Nesa listaxe de directores infalibles teño, por exemplo, a Woody Allen (son que de perdoarlle absolutamente todo. Dos seus últimos anos tanto estrea un “Cassandra’s Dream” como un “Midnight in Paris”… E a segunda compensa calquera descompensación que tivera a primeira), a Martin Scorsese, aos irmáns Coen, a Michael Mann… E, por suposto, ao grandísimo Clint Eastwood.

Eastwood estrea película este ano. Non soubemos nada del (en canto a estreas, enténdese), dende o 2011, cando levou ás salas a historia de Edgar Hoover, director do FBI durante case 50 anos. Pero en setembro deste ano voltará cun drama, musical e biopic, aí queda iso. “Jersey boys” contará a historia do grupo “The Four Seasons”. Unha vez máis, volvo ter moitas esperanzas postas nesta película. Defecto do animal.

Gran Torino

Pero hoxe quería recordar outra película de Eastwood. Un filme que para min representa a súa madurez máxima como director e, por que non, como actor. É, como pasa noutros tantos casos, unha produción que foi inxustamente ignorada polos premios (non así pola crítica nin polo público, todo hai que dicilo). Refírome a “Gran Torino”, a marabilla que Clint dirixiu para todos nós no 2008.

Direi que cando vin “Gran Torino” saín do cine coa sensación de que acababa de ver un clásico. Unha película destas que se recordarán moitos anos despois. Que se analizarán e estudarán como unha obra mestra.

Nesta película temos que o Eastwood director dirixe ao actor. Clint queda co papel protagonista, que non podía adaptárselle mellor. A historia é simple pero efectista. Sobre a dirección, nótanse cada un dos minutos que leva detrás da cámara, con todo un despliegue de saber facer.

Gan TorinoEn “Gran Torino” atopamos unha película que fala do racismo. Dun choque de culturas e de como un protagonista totalmente reacio a abrirse (por non chamalo directamente racista) vai cedendo e vai ampliando a súa mirada, vencendo a súa resistencia a aceptar os cambios do mundo que o rodea. Presenta todo isto dun xeito natural e sen artificios, incluíndo trazos dun humor tirando a negro que tan ben pega coa historia.

Despois de pasar ratos agradables, o impacto chega cara o final (non vou dicir nada máis; hai que vela). E ti quedas mirando a pantalla cando pasan os créditos. E é enton cando te das de conta de que estás a reflexionar sobre todo o que acabas de ver. De que “Gran Torino” conseguiu remover algo en ti. E rápidamente captas todo o seu significado.

Curioso ademáis é o peche da película. Se prestamos un pouco de atención aos créditos, temos nin máis nin menos que a Clint Eastwood interpretando a canción de peche cunha voz que recoñecemos ao instante. Enorme.

Os seus detractores dirán que é un filme que cae en tópicos. Eu digo que mentres estean tan ben contados, é imposible que iso sexa un defecto.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 5 de Xuño do 2014 | 10:54 a.m.