publicidade hoxe
Como perder 20 quilos e gañar un Oscar: Dallas Buyers Club - Cabecera

Como perder 20 quilos e gañar un Oscar: Dallas Buyers Club

DallasChegar á túa estrea na carteleira con tres Oscar no teu palmarés, non semella unha mala carta de presentación. Algo tiveches que facer ben. É o que lle pasou a Buyers Dallas Club, a película que consolidou a Matthew McConaughey como “un actor serio”, e pola que gañou o galardón máis covizado de Hollywood como mellor protagonista masculino.

Dende o venres pasado, podedes asomar ó cine para vela… E a verdade é que paga a pena. Atopámonos cunha historia moi “oscarizable”, baseada na vida de Ron Woodroof, un tipo duro, cowboy, drogadicto, que muda máis de muller que de sombreiro (verídico). Ah! E moi homófobo. A súa vida de desenfreno pega un xiro cando, en plena era do SIDA, diagnostícanlle a enfermidade, e a súa existencia pasa a ter data de caducidade: un mes.

Para loitar contra a enfermidade, o noso cowboy proba medicamentos aínda experimentais. Un coctel coas drogas case remata con el antes de tempo, polo que comeza un camiño na procura de alternativas. Cando aparecen, comezará a traficar con elas para achegalas a outros enfermos. A paradoxa chega cando o homófobo Woodroof convirte na súa man dereita nos negocios a Rayon, un travesti levado á pantalla por Jared Leto.

Con esta temática, xa temos unha película destas que gustan a Hollywood. É  correcta, engancha, pero coincido cos señores da academia no seu veredicto: o acerto está nos actores. McConaughey e Leto levan, sen problema algún, o peso da historia e, dende a última gala dos Oscar, o de cadanseu premio (protagonista e reparto). O terceiro foi para a maquillaxe e a perruquería.

DallasO guión amosaranos a evolución da personaxe que un McConaughey desfigurado (dentro de moitos anos seguirase falando da cantidade de kilos que adelgazou para meterse na pel do cowboy) interpreta de xeito firme, conseguindo cargar cada xesto do nerviosismo e hostilidade que parece pedir o papel.

Pero para min, a verdadeira xoia da película é a interpretación de Leto. Rayon é un travesti, algo que podería tentar a moitos actores de caer na esaxeración ou na parodia. Neste caso, Leto parece moi consciente de estar metido na pel dunha muller, ofrecéndonos unha interpretación limpa, natural e cargada de magnetismo,  que enche ó público de tenrura por esta personaxe.

Volvendo á película no seu conxunto, sorprendeume gratamente que a historia non caia no sentimentalismo. En ningún momento intenta presentarnos a Woodroof como unha vítima, nin dar unha visión edulcorada da súa personaxe. O guión non me parece tramposo: estamos ante un home que non loitou polos dereitos dos homosexuais, nin por conseguir que os enfermos de SIDA non foran tratados como apestados. Todo o que fixo, fíxoo no seu propio beneficio.

Lin nunha reportaxe que Dallas Buyers Club contou con moi pouco orzamento. Algo fácil de crer, e que nos explica ese aire de Serie B que ten o filme, pero que consegue disimular coa ambientación nos anos 80.

En definitiva, que paga a pena mudar o sofá pola butaca do cine para vela.

 

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 20 de Marzo do 2014 | 10:58 a.m.