publicidade hoxe
Preparándonos para os Oscar - Cabecera

Preparándonos para os Oscar

GravityOs Globos de Ouro, primeiro. Despois, Os Goya. E, hai uns días, os Bafta. Todas estas citas véñennos preparando para a data máis potente de Hollywood: a cerimonia dos Oscar. Non nos enganemos: as estatuíñas douradas son as que máis se deixan notar. Pero mentres agardamos á madrugada do día 3 de marzo, non fai dano a ninguén botar unha ollada ás súas brillantes (e si, vouno dicir) antesalas. O pasado domingo entregáronse os premios da Academia do Cine Británica, os primos “british” dos Oscar (que me veñen divinamente para romper o xeo con vós). O palmarés foi correcto, pero agardo que non se asemelle moito ó que nos deixen os premios de Hollywood a vindeira semana. Non me malinterpretedes aínda, que me explico.

“12 anos de escravitude” é unha película épica, cun guión redondo e cunha temática destas que removen conciencias. Chiwetel Ejiofor, o protagonista do filme, está que bota por fóra. Por iso, a academia británica decidiu concederlles os Bafta a mellor película e mellor actor principal masculino. Xa postos a recoñecer “12 anos de escravitude”, ben poderían darlle o seu galardón de mellor director ó artífice, Steve McQueen. Pero non, o premio foi para o mexicano Alfonso Cuarón, pola odisea espacial e 3D “Gravity”. Para meu gusto, unha película moi sinxela dende o punto de vista do guión pero, concedámosllo, visualmente impresionante.

El Lobo de Wall StreetAgora é cando me explico. Os Bafta doéronme porque esqueceron “O lobo de Wall Street”. Completamente. E a Di Caprio. E a Scorsese. Eu xa teño as miñas quinielas feitas para os Oscar, e este sería o meu trío gañador. O binomio Di Caprio-Scorsese asina unha película forte, con tres horas contundentes de metraxe que pasan como nada. Pero a min non me fagades moito caso, que son unha “fan-girl” destes dous, sobre todo dun director enorme que ten na súa filmografía títulos como “Malas rúas”, “Un dos nosos” ou “Casino”. Non é por meter presión a ninguén.

Polo demais, os Bafta foron repartidos: deixaron a Cate Blanchett como flamante mellor actriz principal polo seu papel de muller exrica que non quere deixar de selo e (tan Woody Allen) moi, moi histérica en “Blue Jasmine” (moi recomendable, por certo); a Barkhad Abdi como mellor actor de reparto polo seu traballo en “Capitán Phillips” e, como non, á que é a nova “noiva de América”, Jennifer Lawrence, como mellor actriz de reparto polo seu rol en “A gran estafa americana”.

E se chegastes ó final estaredes preguntándovos: quen é esta muller que nos ven falar de cine? Pois iso, simplemente alguén que cada semana vos falará de cine e do que vaia xurdindo dende este espazo que máis que amablemente me presta “Noticieiro Galego”. Así que xa sabedes: non me fagades moito caso.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 21 de Febreiro do 2014 | 11:29 a.m.