publicidade hoxe
M de Lang - Cabecera

M de Lang

M de Lang

Xa que esta semana o alemán está de moda, hoxe imos adicar este espazo a unha peza do seu cinema. Por cambiar un pouco.

Ademais, imos ir moi atrás no tempo… tanto como para situarnos en 1931. E algúns preguntarédesvos: que se nos perdeu no cine alemán de case principios do século XX? Pois así, para empezar, vou dicir que “M”.

Quen é “M”? Pois o “Vampiro de Dusseldorf”, unha fantástica película que nos conta como os xefes da mafia únense para atopar a un asasino de nenas que anda solto pola cidade, fartos das continuas redadas que fai a policía para atopalo.

O filme xa arranca de xeito maxistral. Fritz Lang vainos contar o asasinato dunha nena empregando a montaxe entre imaxe e son. De entrada, sobre a pantalla en negro, só escoitamos unha melodía; a melodía dunha canción infantil asubiada que nos vai acompañar nos momentos máis tensos da película. Rapidamente sabemos que á rapaza pásalle algo malo, pero nunca chegamos a velo: a única imaxe coa que nos quedamos é a sombra do atacante… a partires de aí, as elipses compoñen a acción. Pero cando chegamos a comprender realmente o que sucede, é cando vemos á nai da rapaza agardando na casa.

M de Lang

En “M” temos moitos máis exemplos de como empregar os recursos cinematográficos, nun cine que aínda estaba probando algunhas das súas ferramentas que despois se volverían rutinarias. Pero se hai algo que destaque neste filme, é o uso do son. Temos que pensar que o son chegou ao cine a finais da década dos 20. Mentres en Hollywood pensábase nel como unha ferramenta para, basicamente, facer musicais, en Europa moitos realizadores apostaban por el como un elemento cargado de expresión. Isto é precisamente o que atopamos neste filme de Lang, que cunha frase dunha das súas personaxes xa nos da unha idea do peso que vai ter o son “Mentres escoitemos cantar aos nenos, alomenos sabemos que están aí”.

Pero o uso do son (e dos silencios) non é o único que atopamos na película. O filme aparece dividido en tres partes moi claras: unha primeira na que se nos amosa ao asasino e os seus crimes; unha segunda na que vemos os esforzos das forzas de seguridade por atopalo e a búsqueda paralela que inician os criminais da cidade; e unha terceira, na que veremos como todos cazan ao asasino sen piedade.

Un dos elementos máis desacougantes da película é, sen dúbida, o rostro de Peter Lorre. Como non podía ser doutro xeito, o actor é o encargado de dar vida a “M”, e entre el e Lang compoñen o perfil dun psicópata que despois se repetirá en incontables películas.

Se falabamos antes da secuencia coa que arranca a película, non podemos deixar de lado unha das escenas finais. No seu último tramo, sucédense os diálogos áxiles e cargados de significados, ata que finalmente deixan paso a un xenial monólogo de Peter Lorre, que se enfronta aos demais criminais que, finalmente, conseguiron cazalo.

Neste momento, o asasino consegue algo cando menos complicado: unha certa empatía co público, rematando a película xerando a dúbida no espectador de que igual os malos non son tan malos. E o equilibrio moral entre o bo e o malo volve a desestabilizarse.

M de Lang

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 10 de Xullo do 2014 | 11:32 a.m.