publicidade hoxe
Feliz Aniversario Lucas! - Cabecera

Feliz Aniversario Lucas!

George Lucas

Onte celebramos un aniversario. Setenta aniños ven de cumprir George Lucas, a cabeza pensante da que saíron, nin máis nin menos, as sagas de Star Wars e Indiana Jones. Case nada.

Aproveito a ocasión para confesarme: son unha friki de Star Wars. Con todas as letras. Cada ano, escollo unha fin de semana para revisionar as seis películas da saga. Un tempo investido que a partires do ano que ven terá que aumentar coa chegada do Episodio VII: pendente, aínda, de nomear.

E é que parece que os anos pesan a todo o mundo, e Lucas, sentindo a proximidade dos 70, non quixo deixar de “reproducirse” con outro “fillo”. Aínda que, neste caso, será só como asesor.

Dende que saíu a noticia, teño sentimentos encontrados. Recoñezo que tras coñecer algúns dos nomes do reparto, son máis positiva sobre o resultado final. Dos seis episodios que xa existen, o IV, o V e o VI son os meus favoritos con diferenza. Sobre todo, o segundo, “O Imperio contraataca”. Tamén é certo que a segunda quenda de películas vai mellorando, a pesares de comezar con mal pé con “A Ameaza Pantasma”… de todos os xeitos, pecha ao grande con “A venganza dos Sith”.

"El Imperio Contraataca"Como dicía, volver a ver a Han Solo, Luke, Leia, Chewbacca e o dúo C3PO-R2D2, paréceme un dos atractivos da nova película. Son unha nostálxica. Ademais, pódeme a curiosidade por saber que van facer con eles… Se aproveitarán o Episodio VII para facerlles unha especie de homenaxe, pechar as súas historias e aproveitalos para introducir as novas caras que, tamén, xa están anunciadas por Disney. Ou se, pola contra, o elenco da primeira triloxía repetirá nas outras entregas que continuarán a saga. Pero de pouco serve dar voltas á cabeza… Iso si, en principio sabemos que a nosa espera rematará o 18 de decembro de 2015. Veña, que xa queda menos.

Iso é cando penso en positivo. Pero que é o que me pon negativa deste novo episodio? Non son as caras novas. Destas incorporacións, os actores que coñezo, gústanme (Adam Driver, de “Girls”; Oscar Isaac, de “A propósito de Llewyn Davis”, John Boyega, de “Attack the block”). Como é lóxico, dos que non coñezo, pouco podo dicir. O que máis medo me da é o director. Por que? Preguntaredes. Porque J.J. Abrams e máis eu non nos levamos ben. Ou é que aínda non fun quen de perdoarlle o que fixo (ou deixou facer) con “Perdidos”, co final e co último par de tempadas. Sei que é un tema controvertido, pero eu son das desilusionadas. Tampouco me parece alentador que o guión non sexa finalmente de Michael Arndt, como encargara nun principio Disney. A cousa prometía, vendo que Arndt asinou, entre outros, os libretos de “Toy Story 3” e “Pequena Miss Sunshine”.

Eu só agardo que consiga manter o encanto desas primeiras pezas da saga; a ilusión a pesares do cutre que nos parecen agora eses efectos especiais; a tensión desa aventura espacial; a inocencia dese achegamento a un mundo bastante novo para o cine. Ou que siga deixando imaxes como a do Falcón Milenario voando entre asteroides ou o combate no planeta Hoth coa que arranca “O Imperio Contraataca”.

En fin, que non sei que pensar. O caso é que a sorte xa está botada, e hai pouco que comezou a rodaxe deste Episodio VII. Como non podía ser doutro xeito: que a forza os acompañe.

"El Imperio Contraataca"

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 15 de Maio do 2014 | 1:34 p.m.