publicidade hoxe
Intrigas de Washington - Cabecera

Intrigas de Washington

House of cards

Nisto das series teño debilidade por HBO e pola maioría dos seus produtos. E quen non! Hai uns anos era frecuente que, cada vez que outra cadea sacaba algunha serie boa, o meu mundo quedase dado a volta pensando: “pero como, que non é da HBO?”. Foi a pregunta que me fixen (e outros moitos comigo, agora non vos fagades os listos), por exemplo, cando abordei “Mad Men” ou “Breaking Bad”. Ambas son da AMC, pero non teñen nada que envexar a outros produtos asinados polo Home Box Office.

Algo parecido pasa con “House of cards”. Unha das producións estrela de Netflix, métenos de cheo no Congreso dos Estados Unidos primeiro, e na Casa Branca despois, para contarnos como o congresista Francis Underwood (Kevin Spacey) manipula todo e a todo o que se lle pasa por diante en calquera rúa de Washington.

House of cards

“House of cards” é unha adaptación da novela de Michael Dobbs que leva o mesmo nome, e que tivera nunha miniserie británica de 1990 o seu primeiro paso cara a pequena pantalla. Dende os 90 xa pasaron os seus anos, pero podemos dicir que a serie de Netflix continúa de actualidade e non envellece. Quen non pensa en todos os fíos que moven aos políticos tras cada decisión que anuncian? Tras cada movemento no poder que fan? “House of cards” axúdanos a facernos unha idea… aínda que esta non sexa moi alentadora, a verdade.

Pero centrémonos na serie. Netflix non escatimou en gastos para este produto, nin na produción nin, como é evidente, no plantel de actores. Underwood está interpretado nin máis nin menos que por Kevin Spacey, que coa primeira temporada tivo o seu primeiro contacto coa televisión. Spacey está enormemente acompañado (e complementado) por Robin Wright, formando unha parella que nos deixa continuamente un regusto cínico e amargo, cunha tensión que sempre está de telón de fondo pero que ás veces faise case insoportable… quizais por iso engancha.

House of cardsTamén porque a Francis non lle importan os cartos. Non señor. El o único que ansía é o poder. Underwood é un político ávido de trepar polos despachos do Congreso e da Casa Branca, xogando cos diferentes peóns que saen ao seu camiño; sen que dubide nin un segundo cando se trata de “sacrificar” a algún para conseguir as súas metas. Corrupción e ambición danse a man e compañeiros de partido, rivais, xornalistas ou o propio matrimonio, son únicamente ferramentas do congresista para chegar ao máis alto.

A pesares deste retrato, Francis Underwood convertirase nun dos nosos antiheroes favoritos. Moitas veces quedaremos con cara de parvos ao ver como vai tecendo a súa rede, sen que os que están ao seu redor poidan, nin sequera, comezar a advertilo. Por iso todo o peso da narración recae sobre Spacey. O que fora protagonista de “American Beauty” sábeo, e sabe que o seu maior cómplice é o espectador, por iso vai romper continuamente a coñecida como “cuarta parede” para dirixirse a el tras paralizar a narración. Dun xeito cínico, fai que o público saiba dos seus plans antes que ninguén, sexa o único en coñecer as súas verdadeiras intencións. Incluso ás veces non fan falta as palabras: unha única mirada ou xesto ao público son suficientes para informalo da súa ironía, satisfacción, rabia ou aburrimento.

Todo isto reforzase coa posta en escena. No fondo e na forma, “House of cards” é unha serie escura, moitas veces impersoal a pesares de que esteamos no interior das casas dos seus protagonistas, no interior das súas vidas. Unha produción fría que aposta pola pausa na súa narración, que se desenvolve ao ritmo que marca Underwood mentres vai tecendo os seus plans.

 

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 26 de Xuño do 2014 | 10:31 a.m.