Os erros dun drama
Despois de moito tempo, este sábado fun ao cine. Cheguei sen saber que película ía ver e confeso que sen moitas esperanzas na carteleira. Levamos xa varias semanas sen estreas demasiado interesadas, unha seca deliberada en moitos casos e provocada, en gran parte, pola falta de ganas de competir co mundial de fútbol que todo o copa.
Pero en fin, ao que imos. Cheguei e xa estaba mercada a miña entrada, cunha decisión que, nun principio, pareceume máis que atractiva. A película escollida foi “O soño de Ellis”, protagonizada polo dúo Marion Cotillard-Joaquin Phoenix. Perfecto; unha proposta máis que boa para pasar unha tarde dun sábado cun tempo cando menos incerto.
Erro. “O soño de Ellis” pareceume, por ser delicada, insípida. O filme prometía, pero na súa metraxe atopas unha serie de feitos presuntamente dramáticos (superhipermegadramáticos, diría eu), cos que non consegues conectar ningún momento.
A premisa en si xa é puro drama. Dúas irmás polacas marchan de Polonia cara Nova Iork, fuxindo da Gran Guerra. Estamos en 1921. Drama histórico. A cousa faise peor cando, ao chegar á illa de Ellis, unha delas está enferma de tuberculose e ten que quedar en corentena. Peor en principio é a sorte que vai correr a outra, Marion Cotillard, que tras pasar os controis entérase de que vai ser deportada cara Europa. Nesta situación, a muller cae en mans de Bruno, un home que a guiará cara a prostitución para conseguir cartos que lle permitan salvar á súa irmá. O dramón está servido.
Traicións, baixada aos infernos da personaxe e amores e desamores encherán cada minuto de metraxe. Máis aínda cando entra en escea Orlando (Jeremy Renner), que pasará a ser o terceiro vértice dun triángulo amoroso que quere ser paixoal, sen chegar a conseguilo en ningún momento.
En “O soño de Ellis”, podemos dicir que temos un guión completamente pretencioso, un dramón de época que intenta amosar a capacidade do ser humano de pasalo mal para intentar sobrevivir. Este xénero pode gustarche máis ou menos, pero o caso é que tras ver a cinta quedas totalmente frío. Dáche exactamente igual o que lle pase aos protagonistas e os secundarios, e rematas sen conseguir contectar en ningún momento coa personaxe máis dramática de todas, a de Marion Cotillard.
A ambientación e a fotografía son boas, pero non suficientes para sacar a flote un guión aburrido e torpe, cheo de mesturas, e que se fai demasiado lento á hora de retratar os barrios baixos da inmigración en Nova Iork. Tamén peca de efectista, buscando en todo momento “meter o dedo” no ollo do espectador, amosando o tremendamente desgraciada que é a protagonista. Uns intentos que, ademáis de inútiles, provocan a falta de ritmo da narración en moitas ocasións.
E aínda que me doa, teño que dicir que Marion Cotillard non ten o seu mellor papel nin de lonxe. A actriz non consegue salvar as trabas dun guión mal estruturado, e aparece forzada en case todas as súas escenas. Aínda que hai que recoñecer que sempre é un pracer vela na pantalla. Jeremy Renner, que interpreta a Orlando, é quizais quen está máis fóra de lugar. A el correspóndelle aportar unha tenrura que non consegue, unha paixón que non transmite, e un amor como símbolo da salvación da personaxe de Cotillard que non nos rematamos de crer. Penso que quen mellor está e Phoenix, aínda que tampouco é unha interpretación para botar foguetes (sigo pensando en “Her”… como boto de menos a ese Joaquin).
En definitiva, “O soño de Ellis” é unha película coxa, que ten entre as mans un tema fácil de conectar co público a priori, pero que erra continuamente nos seus intentos de facer drama.