publicidade hoxe
Ultraviolencia dos 80 - Cabecera

Ultraviolencia dos 80

ultraviolencia-1

Arrincamos a sección cunha nova: “3 e acción” despídese hoxe de todos vós. Non foi unha traxectoria moi longa, a verdade, pero por diferentes avatares (mirade que odio esa película) do destino, este xoves dicimos adeus.

E ímonos despedir coa recomendación dun filme que para min foi unha grata sorpresa hai xa tres anos. Falo de “Drive”, unha película que trala súa estrea pasou directamente á listaxe de obras de culto, ese cine peculiar, de serie B, que tanto gusta ou desgusta ao público. A mín, encántame.

Hai que admitir que cando ves a obra de Nicolas Winding Refn, atopas un filme cando menos curioso. Temos a historia de Driver, un Ryan Gosling que polo día traballa nun taller e é especialista de cine; pola noite, emprega os seus coñecementos como condutor para axudar a delincuentes en plena fuga.

Un dos principais fortes da película é a personaxe de Gosling. O actor constrúe un protagonista que fala moi pouco, pero que imos coñecendo a través dos seus actos ao longo da metraxe. Parece un tipo duro, marxinal, frío, pero cando coñece á súa veciña, dámonos de conta de que en realidade ó que ansía é unha vida normal.

ultraviolencia-2Aínda que Gosling está enorme, non debemos esquecer aos secundarios. Vemos moitas caras coñecidas para o público aínda que alleas ao cine (Christina Hendrix, Brian Carston…), que compoñen un elenco carismático. Ademais, todos e cada un deles son imprescindibles para conseguir entender a historia.

Con estas interpretacións, ¿que máis podemos pedir? Pois “Drive” completa a súa “oferta” sendo unha película potente e fermosa a nivel visual. Encadres perfectos, planos aéreos da cidade pola noite e unha cámara consciente do peso da estética, compoñen a posta en escea sombría pero contundente do filme de Winding Refn que, por se fora pouco, envolve a historia cun aire retro, levándonos a unha especie de reinterpretación dos anos oitenta.

Estes ingredientes deixan escenas fantásticas, que capturan e sorprenden ao espectador. A cara de parvo (perdoade a expresión, pero é tal cal) que se che queda cando, dun xeito bestial, Gosling rompe a tranquilidade da narración co seu primeiro estalido de ultraviolencia non ten prezo. Tampouco o treito final do filme, que deixa un sabor amargo, un nó na gorxa e un “ruxe, ruxe” por todo o corpo que non sabemos moi ben de onde ven.

ultraviolencia-3E, para rematar, mención especial merece a banda sonora. O tema central, “A real hero”, é a guinda que fai de “Drive” unha película redonda. Música de sintetizadores, todo moi “oitentas”, que acompañan de marabilla a posta en escena e a imaxe que temos ante nós. Ademais, a canción engancha (non puiden evitar poñela en bucle mentres escribo. E non cansa).

Así que xa sabedes, se vos gusta o cine prácticamente de serie B (clasificadas dentro deste termo ás veces despectivo hai auténticas marabillas, de verdade), os anos oitenta, a ultraviolencia e outros directores como Quentin Tarantino ou David Lynch (as referencias ás súas obras son continuas na película, tanto na estética como na historia e no xeito de tratar as personaxes), “Drive” é, sen dúbida, a vosa película.

E veña, facédeme caso que para iso esta é a miña última recomendación. Un pracer!

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 31 de Xullo do 2014 | 1:28 p.m.