publicidade hoxe
A tenrura de Jonze - Cabecera

A tenrura de Jonze

Hoxe non falaremos nin de que Gravity arrasou, nin de que 12 anos de escravitude levou os Oscar máis prezados, nin de que Di Caprio quedou (por cuarta vez) sen recoñecemento. Nin sequera do selfie de DeGeneres e compaña. Xa se escribiron liñas e liñas, e moitas asinadas por xente cunha autoridade nestas lides infinitamente superior á miña.

Pero aproveito a gala dos Oscar como escusa para falarvos dunha peli á que xa tiña gañas: Her. O filme de Spike Jonze estivo nomeado á mellor película pero moi lonxe das favoritas. Iso si, non marchou da gala de baleiro, e conseguiu o premio ó mellor guión orixinal.

HerDe entrada, Her preséntanos a Theodore (Joaquin Phoenix) un home que vive un futuro cada vez menos raro para nós. El gaña a vida plasmando os sentimentos dos demais por encargo, en cartas escritas a man, pero ironicamente é a súa dificultade para conectar coas emocións o que o separa do amor. Cando o coñecemos, está en pleno proceso de divorcio e sumido nunha soidade que o leva a buscar consolo de xeito case compulsivo a través de chats e videoxogos; elementos que, ao mesmo tempo, continúan a agrandar a súa soidade. Pero todo muda cando coñece a Samantha, interpretada por Scarlett Johanson.

Ata aquí estamos ante unha película romántica de libro. Pero que pasa se vos digo que Samantha é só unha voz? Sorpresa: Johanson interpreta a un sistema operativo.

Her é unha película romántica, pero non ó uso. Ten toques de comedia, pero que se reparten de xeito estratéxico, ás veces dándolle un punto de candidez e tenrura. Tamén ten, e moito, de ciencia ficción, que atopamos na evolución sorprendente da personaxe de Scarlett Johanson: de ser un ente programado pasa a ter vontade propia, ansiosa por descubrir mundo e vivir a súa vida.
Her A partires de aí, Jonze invita de xeito sutil a unha reflexión, pero sen xulgar e sen someter ás súas personaxes a un xuízo por parte do público. A historia home-namórase-de-máquina xorde do xeito máis natural. Mérito indubidable deste conto futurista que consegue un apoio de valor incalculable nas interpretacións de Phoenix e Johanson. El fúndese con Theodore, sen que lle pesen (nin se fagan pesadas) as escenas nas que está só na pantalla. Entenrece, empatizas con el e cos seus sentimentos a través desa mirada triste. Ela constrúe unha imaxe coa súa voz, preciosa e suxerente.

Her recordoume moitísimo a un capítulo da serie Black Mirror, ao primeiro da segunda tempada. Podemos vincular a temática, pero o ton que nos atopamos é totalmente diferente: Jonze prescinde da crítica e do baleiro desgarrador que nos deixa a produción británica, apostando por amosarnos como vai medrando un amor que, no fondo, é do máis común.

En definitiva: recoméndoa sen dubidar a todo aquel que me queira escoitar.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 6 de Marzo do 2014 | 10:33 a.m.