Unha de vascos e andaluces para rebentar a billeteira - Cabecera

Unha de vascos e andaluces para rebentar a billeteira

Ocho Apellidos Vascos

“Oito apelidos vascos” arrasa. E non o digo eu. Nin a crítica. Que tamén.

Despois desta fin de semana, a película de Emilio Martínez Lázaro recadara 25,1 millóns de euros. Case nada. Un empurrón que a levou a ser a terceira película española máis taquilleira da historia dentro de España, mirando polo retrovisor a “O Orfanato”, de Juan Antonio Bayona. O domingo xa se convertiu na comedia española máis recadatoria e, de seguir a este ritmo, que se anden con ollo as producións que ocupan os dous primeiros postos do ranking: “Os Outros” de Amenábar e “O imposible”, a película coa que Bayona sacudiu a industria do cine español a finais do 2012.

Pero de onde sae o seu éxito? Como consegue atraer a todo tipo de público? Diría que da súa aposta por tirar de tópicos dun xeito moi acertado e por facer humor dun tema de actualidade como é o das identidades nacionais, sobre o que, ata o de agora, moi poucos se atrevían a facer chistes. Todo isto fai de “Oito apelidos vascos” unha película atrevida e cargada de autocrítica. Hai que ter en conta que os guionistas non son novos nestes eidos: tanto Borja Cobeaga como Diego San José veñen de “Vaia Semanita”, da ETB. Un programa no que, gag tras gag, xa daban duro aos tópicos máis relacionados co País Vasco e os seus habitantes.

Ocho Apellidos VascosA historia é costumbrista, cun plantexamento sinxelo: un sevillano de toda a vida que só se interesa pola gomina, o Betis e as mulleres, coñece a Amaia (Clara Lago), unha rapaza vasca que non cae nas súas redes. Para conquistala, Rafa (interpretado por Dani Rovira) non dubida en marchar para o País Vasco, onde finxirá ser autóctono para chamar a súa atención. A partires de aí, atoparémonos cunha comedia romántica sen pretensións máis aló de entreter ao público pero con moitísimo ritmo. Unha técnica que se ve que da bos resultados e que os espectadores agradecen.

Non podemos esquecer que gran parte do éxito da película recae nas interpretacións dos catro protagonistas. Karra Elejalde, Carmen Machi, Clara Lago e Dani Rovira compenétranse de marabilla. De tal xeito que son quen de manter as situacións máis que delirantes que nos plantexa a película.

Co éxito que leva acumulado, “Oito apelidos vascos” é a película que precisaba o cine español, inxustamente infravalorado polo público en tantísimas ocasións. Da gusto escoitar que a xente vai ao cine, e que vai para ver un filme español. Que desfruta coa película na sala e que, ademáis, a recomenda aos seus coñecidos.

Todo un logro.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 10 de Abril do 2014 | 10:43 a.m.