publicidade hoxe
Cans: Agroglamour a esgalla - Cabecera

Cans: Agroglamour a esgalla

Cans

O cine réndese ao “agroglamour”. O “glamour”, a secas, deixámolo para a Costa Azul e o seu Cannes. Onte por fin arrancou unha nova edición do Festival de Cans, esa xenial iniciativa que converte a unha pequenísima parroquia do sur de Galicia, do concello de O Porriño, no centro de todas as miradas.

Poucas veces é tan acertado coma neste caso relacionar o festival co lugar. Porque en Cans ambas cousas fusiónanse dun xeito perfecto. Calquera que se pase ata o domingo, darase de conta de por que digo isto. Todo o pobo, todos os veciños, de todas as idades, entréganse a esta festa do cine. O seu traballo, as súas casas e os seus “chimpíns”.

Plano de CansEste é un dos seus principais encantos, o que diferenza a Cans de calquera outra cita. Neste festival, os veciños abren os seus fogares para acoller as proxeccións das obras e aos seus espectadores, convertendo adegas e baixos en enxebres auditorios. Por iso non te estrañes se no programa deste ano podes coñecer a Karra Elejalde (“Oito apelidos vascos”) no Baixo de Moncho, participar nun coloquio con Gracia Querejeta na leira de Alicia ou gozar dunha actuación de Pepe Solla en directo no Jaliñeiro Unplugged. Tampouco podemos esquecernos doutras salas como o Cuberto de Chelo, o Baixo de Bugarín ou a Casa de Mari. Entre todos, repártense as proxeccións de dezasete curtas e dezaoito videoclips que este ano se proxectan en Cans. Para o ‘Jalpón’ Fri resérvanse outras propostas, como unha mostra de webseries, o “London Caning” (espazo dedicado aos creadores galegos asentados na capital británica) ou unha proxección de documentais para celebrar os 20 anos do rock bravú.

Esta parroquia de O Porriño tamén ten o seu propio paseo da fama, cos nomes dos moitos profesionais que pasaron por Cans. Este ano, no Torreiro das Estrelas sumaranse tres máis: María Bouzas, Gracia Querejeta e Karra Elejalde. Toda unha honra.

Pero o “agroglamour” non remata aquí. Ata os invitados non queren perder a oportunidade de desfilar polas rúas de Cans subidos nos chimpínbuses dos veciños, engalanados para a ocasión. Aínda non fun quen de esquecer a imaxe do Gran Wyoming subido a un destes tractorciños, cervexa en man, durante o desfile do ano pasado. Tremendo. Se vos digo que os chimpínbuses seguirán facendo rutas pola vila levando de “sala de proxección” en “sala de proxección” aos que queiran asistir ás diferentes actividades de xeito totalmente gratuíto, xa vos teño totalmente convencidos de que o Festival de Cans é un evento que non podedes perder.

En definitiva, que Cans é unha experiencia xenial, na que poderás escoller entre moitísimas actividades. Pero sobre todo é un sopro de naturalidade no mundo audiovisual, unha mostra de saber facer e de un exemplo de como implicar a todo un pobo nun proxecto ilusionante que este 2014 sopra once velas. Polo ben de todos, que cumprades moitos máis. Noraboa, Asociación Cultural Arela! Noraboa, Cans!

O Torreiro das Estrelas de Cans

 

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 22 de Maio do 2014 | 10:52 a.m.