publicidade hoxe
Érase unha vez en América - Cabecera

Érase unha vez en América

Era así unha vezHoxe imos aparcar a actualidade e pegaremos un salto a través do Atlántico. Ben, non de todo. Manteremos un pé en Europa e outro o levaremos ata Manhattan, pero a de comezos do século XX.

Como facer todas estas acrobacias? Moi sinxelo. Simplemente temos que ver “Érase unha vez en América”, unha marabilla asinada polo italiano Sergio Leone (de aí o de deixar un pé en Europa… non tiña moito máis truco).

Para o que se anime a vela, antes de comezar ten que ser consciente de que non é unha obra sinxela. Son case catro horas de cine, cunha narración plagada de elipses e flashbacks. Non me malinterpretedes, que tampouco é unha cousa moi sesuda… pero ten o seu aquel.

O caso é que o conxunto é unha obra mestra. Como dicíamos, Leone cóntanos como o que comeza sendo unha amizade entre un grupo de rapaces, remata convertíndose nunha importante banda mafiosa nos tempos da Lei Seca. Case nada.

Era así unha vezPero tan só coa primeira media hora xa nos damos de conta de que non é unha típica película de gangsters. No seu lugar, o director pinta un cadro no que, sen panos quentes, representa a historia dos Estados Unidos; unha peza fundamental no guión no que encadramos ás personaxes. De feito, ademáis dos acontecementos en si, ten especial peso o efecto que estes teñen nos personaxes centrais do relato, cun dueto protagonista interpretado por Robert De Niro e James Woods. Enormes ambos.

A película xira ao redor de Noodles, quen de adulto terá o rostro de De Niro. Aínda que a historia arranca con el xa maior, continuos flashbacks levaránnos a tres momentos diferentes da súa vida. O primeiro a comezos dos anos vinte, no que se enmarcan os primeiros delitos de Noodles e o seu grupo de amigos, que nos vai deixar escenas cargadas de violencia.

Unha elipse levaranos aos anos 30, cando nos volvemos a atopar con algúns dos rapaces do grupo xa adultos e metidos na mafia, construíndo un reino baseado na lei seca. Un novo salto temporal de 35 anos amósanos ao Noodles no momento que servirá de referencia para os flashbacks que constrúen a narración.

Non é só unha película de gangsters. Amizade, infancia, amor, soños, ilusións, recordos, nostalxia… todos son temas que están moi presentes en “Érase unha vez en América”, unha película marcada pola especial importancia da morte, como xa sucede noutros filmes de Sergio Leone.

Ademais do guión e da montaxe da película, chama especialmente a atención a súa fotografía. Todo o filme ten un aire moi pictórico, cunha iluminación a cargo de Tonino Delli Colli que varía claramente en función da época na que se sitúa a narración. E que dicir da banda sonora. Leone e Ennio Morricone volven darse a man para esta película, conseguindo unha peza redonda que penso que é a mellor deste tándem.

 

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 30 de Abril do 2014 | 3:29 p.m.