publicidade hoxe
Acougo no desacougo - Cabecera

Acougo no desacougo

El Verdugo

Despois do mal sabor de boca que nos deixou o mundial, moitos buscamos as nosas alegrías no cine. E tendo en conta o descalabro dun dos principais elementos que nos gusta vender da “marca España”, por que non buscar outras alternativas?

Pois eu propoño, por exemplo, unha película das boas. Non das recentes nin moito menos, senón desas que descoñecemos ou que desprezamos en ocasións por ser “cine español”. Podería falar de moitas, de auténticas xoias da nos filmografía que quedan esquecidas por ese costume que temos de denostar as nosas producións.

Hoxe imos falar de “O Verdugo”, e buscar o acougo no desacougo que nos deixa esta cinta.

Pero falar de “O Verdugo” non é falar de calquera cousa. É falar de Berlanga, Azcona e Isbert en estado de gracia… Que non é pouco; un trío que leva un paso máis aló a comedia negra. Tampouco desmerece o papel do italiano Nino Manfredi, que non se deixa comer polo grande co que comparte pantalla e recrea unha personaxe cargada de dúbidas, inseguridades e brancos e negros.

El VerdugoNeste filme, miramos cara 1963. E miramos a José Luis, o traballador dunha funeraria que quere marchar a Alemaña para facerse mecánico. Pero cando casa e precisa dos cartos, o seu sogro intenta que o substitúa no seu posto: o de verdugo. José Luis acepta, aínda que agarda non ter que executar nunca o seu oficio.

Con esta premisa, atopámonos cunha película desas que desfrutas de principio a fin, pero que non deixa nada por remover do teu interior. Trátase dun auténtico ataque contra a sociedade española, xa non contra o réxime. E é que o que nos amosa é esa España de curas, militares e funcionarios (cuxa única aspiración era esa, ser funcionarios) pero que, contra todo pronóstico, conseguiu evitar a dura censura que sufrían os filmes daquela época.

Porque a cuestión é que, aínda que José Luis agarda non ter que executar xamais o seu oficio de verdugo, ese momento chega. E toda a película constrúe un alegato contra a pena de morte, cun protagonista cheo de medos e un Pepe Isbert que nos achega e nos fai empatizar cunha personaxe tan dura como a súa. Fai o que fai porque ten que facelo. Nin máis, nin menos. Berlanga e Azcona ofrecen a visión do executor, non do executado, e reducen o papel do primeiro a un simple oficio derivado das necesidades do estado.

Pódese falar moito de Berlanga, que o faremos. Pero Azcona non merece que o pasemos de longo. Un dos mellores guionistas que tivo o cinema español, responsable doutras películas xeniais como son “O pisiño” e “O cochiño”, dúas producións que, estou segura, algún día terán o seu oco neste espazo. No seu guión, ofrécenos unha visión diferente, presentándonos un verdugo que o pasa peor que o executado. Xenial e significativo é o momento final, no que o executor desmáiase e é o condenado quen camiña polo seu propio pé cara a sala onde vai morrer.

“O Verdugo” é sen dúbida unha obra mestra do cine, non só do español. Unha cinta grazas á que podemos botar un vistazo a esa España que algúns temos tan lonxe, cun país gris, oscuro e marcado pola Guerra Civil e a ditadura. Nin a censura foi quen de parala, e Berlanga deixounos unha crítica elegante e intelixente, cargada de ironía e realidade.

El Verdugo

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 19 de Xuño do 2014 | 11:28 a.m.