Nin negro nin branco, laranxa
Xa temos á nosa disposición a segunda tempada de “Orange is the new black”. O sábado pasado Netflix “liberou” todos os capítulos da nova entrega desta serie, que se está a convertir na produción insignia desta cadea (co permiso de “House of Cards” e o tremendísimo Kevin Spacey, por suposto).
Se aínda non lle destes unha oportunidade a este “drama” carcelario, non sei a que estades agardando. E non, non deixedes que as palabras “drama” e “carcelario” enchan de nubes a vosa mente. Porque “Orange is the new black” afástase dos clichés deste tipo de historias.
Ademais, ten todo o que nos gusta. A serie vainos contar o paso polo cárcere de Piper Chapman, unha muller nova, branca, rubia, guapa e de familia ben. Con todas estas características, estaredes preguntándovos que fai na cadea. Pois pagar por un delicto de tráfico de drogas que cometeu sendo máis nova, debido á influcencia da súa exnoiva (relación lésbica ao canto). Engadímoslle máis drama se sabemos que fóra do cárcere a esta rubia perfecta agárdaa o seu prometido. Como vedes, temos todos os ingredientes dese morbo que tanto nos gusta.
Partindo destas premisas, atopámonos cunha historia na que drama e comedia se reparten o peso do guión, aínda que a segunda vai cedendo paso á primeira a medida que vai avanzando a tempada. Este movemento vémolo claramente na evolución de dúas personaxes: ao principio, o fanatismo relixioso de “Pennsatucky” e a homofobia do conselleiro da prisión Sam Healy, fannos moita gracia e dan moi bos momentos; porén, cara o final da tempada convírtense en auténticos problemas para Piper. A narración colle moito peso, dando cabida a un enorme elenco de personaxes que acompañarán a Piper na súa vida no cárcere, convertíndose nunha serie case coral.
Precisamente, nestas personaxes é onde radica parte da “ensinanza” da serie. A vida que levaran antes de estar na cadea case non importa, e entre rexas todas padecen os mesmos males. Da igual que antes foran rapazas ben de familias ricas, adolescentes de familias empobrecidas, traficantes de drogas ou institutrices. Agora todas visten o mono laranxa e teñen que buscarse a vida para sobrevivir e gañarse un oco en prisión. O que temos é un grupo de mulleres que tomaron malas decisións e que agora están a pagar por elo.
Estes trazos da vida pasada dos personaxes ímolos coñecer a través de flashbacks, quizais o punto máis feble da historia. Ben é certo que nos axudan a achegarnos ao que eran estas mulleres antes de ser condeadas, pero da a sensación de que non están todo o aproveitados que deberían nin acadan a profundidade que se pode agardar. Algúns carecen de moito interese. Outros, dan pinceladas pero quedámonos con ganas de máis.
En “Orange is the new black” atopámonos cunha comedia negra ben perfilada, que fala sen problemas de temas case tabús como o sexo, a represión da homosexualidade e os seus conflitos ou do cancro empregado como un arma para sobrevivir. O caso é que, aínda que somos conscientes do peso destas cuestións, rimos con elas.
Todo isto aparece disfrazado de serie lixeira, algo que a fai moito máis dixerible para o gran público. Case nunca se deixa caer no drama puro e duro; sempre aparece algunha das personaxes que, cun golpe de humor, fai máis levadeira a traxedia.
Así que xa sabedes, se aínda tiñades dúbidas, dádelle unha oportunidade a “Orange is the new black”, aproveitando que estrea tempada. E, xa que estamos, dádella tamén a Netflix en xeral, unha cadea que apunta maneiras para convertirse nun referente entre as grandes coas súas apostas. Non esquezades, tampouco, “House of cards”.