O Gran Hotel de Anderson
Onte, por primeira vez, decidín aproveitar esta oportunidade que chaman “Festa do cine”. Unha cita que deixa unha imaxe poucas veces vista hoxe en día: colas tremendas para entrar nas salas, películas que enchen o aforo en todas as sesións, persoas que encadean varias proxeccións nunha mesma tarde. Unha pasada, vamos.
Como dicía, nunca aproveitara esta ocasión. Por unha manía persoal, prefiro ver as películas en salas que non estean tan ateigadas (algo non moi bo para a industria, certo, pero cómodo para o espectador). Pero imos ao lío, que me perdo. Onte fun ver nunha sala na que non quedaban butacas libres a última de Wes Anderson: “O gran hotel Budapest”.
Confeso que non sabía que me atoparía. Cando empezou a proxección, comecei a facerme unha idea: o que ía ver era un paso máis no mundo que caracteriza as películas deste director. Explícome. En cada filme, Anderson crea un universo imaxinativo, exuberante e excéntrico, que xoga coa realidade e a ficción, tanto a nivel formal como nos diálogos e na historia.
No plano técnico, cunha simple ollada xa nos damos de conta de que o mundo de “O gran hotel Budapest” está cargado de cores intensos, xeralmente moi luminosos, que lle dan un toque de irrealidade e parecen trasladarnos a decorados. Unha iluminación fantástica. Tamén recorre continuamente aos movementos de cámara, que pasa a ser partícipe da historia. Zooms bruscos, planos que se alonxan sen disimulo e montaxes rápidos.
Todos estes elementos dan forza á narración, que nos traslada a unha historia rápida, frenética case sempre, que emprega o Gran Hotel Budapest como excusa para comezar o relato. Ou quizais para darnos unha referencia espacial que nos sexa familiar fronte esa Europa dos anos 30 inventada.
Cun reparto cheo de caras coñecidas tanto no mundo do cine en xeral como no de Wes Anderson en particular; con actuacións que por moi breves que sexan seguen o ritmo da narración, o director conta unha historia de aventuras, de amor, de melancolía. Esta melancolía vése reforzada ao estar a película narrada en flashback; algo que da ao narrador un maior control do que quere contar e do xeito en que o conta, cunha mirada de nostalxia ao pasado (aínda que comeza no presente, vai creando varios planos da narración que nos levan a diferentes décadas).
Os diálogos empregan unha linguaxe doutra época, poética en ocasións, que se usa como elemento cómico e aparece salpicada por palabras coloquiais ou insultos que destacan entre as outras e fan rir. Incluso as situacións, por desagradables ou duras que sexan, rematan por ser cómicas e convértense en chistes.
Polo que demostraba na sala, o filme conseguiu captar con creces a atención do auditorio. De feito, houbo gargalladas durante toda a metraxe, respondendo con entrega ao humor que deixaba o guión asinado polo propio Wes Anderson. Porén, para min non funcionou. Penseino, pero aínda non sei por que non conseguín conectar coa película, como si fixo a gran maioría desa sala ateigada de xente. Fun quen de ver a calidade técnica, as marabillas e o gancho do guión… Pero nada máis.
Mentres a vía, non lle atopei o encanto que si me conquistou doutras películas de Anderson, como “Viaxe a Darjeeling” ou a animada “Fantástico Sr. Fox”, ambas moi representativas do seu universo pero creo que menos saturadas do que me pareceu este “O gran hotel Budapest”.
Pero non o nego: será cousa miña.