publicidade hoxe
Triloxía do amor - Cabecera

Triloxía do amor

Antes do AmencerHai uns meses, unha noite de sábado do máis normal, dúas amigas descubríronme “Antes do amencer”. “É de amor, pero non típica”, dixéronme. “É curtiña”, prometeron. E eu deixeime levar… E menos mal que o fixen.

A película, independente e de pequeno orzamento, comeza con dous estranos que se coñecen nun tren. Son Jesse e Céline. El, norteamericano, ten que coller un avión en Viena de volta a casa. Ela, francesa, viaxa ata París. Cando ambos facían o traxecto dende Budapest, non sabían que na capital austríaca vivirían xuntos a noite máis máxica e romántica da súa vida. Todo se precipita cando, ó chegar á estación, el lánzase á piscina e pídelle pasar esa noite xuntos paseando sen rumbo. Cando ela baixa do tren, non sabe nin o seu nome.

A partires de aí, o guión constrúe unha historia de amor paixonal. As conversas flúen de xeito natural, co fiar ás veces ilóxico que constrúe as charlas do día a día. Ó mesmo tempo, somos testemuñas de como se van coñecendo e de como van construíndo ese amor fugaz, que ten unha data de caducidade que chegará co amencer do novo día. Cando nos damos de conta, estamos completamente atrapados por unha acción que simplemente nos amosa a dous mozos descoñecidos que pasean e falan polas rúas de Viena.

Triloxía do amorRematou o filme e quedoume esa sensación de abandono, de inquedanza, que só che deixan aquelas obras que realmente conseguen que conectes co que están a contar. O mellor chegou cando as miñas amigas, apiadándose do meu sentir, dixéronme: “non te preocupes, que é unha triloxía”. E así foi como coñecín a “Triloxía Before”.

O que Richard Linklater, director e creador, fai na primeira entrega, repíteo nas outras. “Antes do atardecer” e “Antes do anoitecer” rescatan a Jesse, a Céline e á súa relación, cunha separación de nove anos na historia que se corresponden cos nove anos reais que separan cada película. En contraposición co namoramento do primeiro filme, no que o peso lévao a incipiente parella que vemos na acción, no segundo atopámonos cunha historia en tempo real, na que cobran máis peso as vidas que os protagonistas levan case unha década vivindo por separado. En “Antes do anoitecer”, vivimos unha relación madura, na procura dun equilibrio que permita a supervivencia da parella no tempo.

Na triloxía o que vemos é o amor. Tres estadíos diferentes dunha relación que evoluciona coas personaxes, e que nos fai evolucionar a nós como espectadores, levándonos a sentir esa chispa do nacemento dun sentimento, o namoramento posterior e o medo a perdelo.

Toda unha experiencia que, aínda que poda parécelo, non está pensada unicamente para os románticos empedernidos. Son tres pequenas xoias que compensan os 289 minutos que se invirten no seu visionado.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 13 de Marzo do 2014 | 10:43 a.m.