publicidade hoxe
A TVG, de estrea - Cabecera

A TVG, de estrea

Luci

A TVG despedirá esta semana cunha estrea. A partires deste domingo, a canle autonómica levaranos ata a vida de Luci, unha muller totalmente normal. Si, si, esa é a mellor definición que podemos facer dela. Segundo nos contan na web, veremos a esta traballadora das brigadas de mantemento dos xardíns da Coruña, hipotecada e divorciada, pasar por problemas do máis cotiás. Todo en clave de humor.

Aínda que a estrea é este domingo, xa coñecemos un pouquiño a Luci. No mes de febreiro, a TVG emitiu o piloto desta serie da produtora galega Portocabo, dirixida por Jorge Coira, que conseguiu excelentes resultados de audiencia. Mellores aínda se pensamos no orzamento axustado da serie. “Luci” aposta polo realismo, unha opción que, ademáis da frescura da imaxe e das situacións, permítelle reducir os custos en decorados e noutros ornamentos. Mellor, imposible.

Pero esta posta en escea sinxela (na propia web o que nos din é que a cidade vai ter un especial peso, apostando polos escenarios naturais) non deixa de ser un desafío: fixaremos máis a atención no guión que prometen que virá marcado pola naturalidade e fluidez do resto dos elementos da serie. Confiemos.

LuciComo dicía, grazas aos 28 minutos de piloto xa coñecemos un pouco a esta muller. O primeiro contacto que temos xa nos da unha idea do ton que, parece, vai marcar a serie: o que a protagonista pensa que vai ser un momento romántico co seu marido, convertirase na última cea do seu matrimonio. Todo sen caer no drama, por suposto, cunha muller que decide tirar cara adiante.

Ademais da escena coa que se despide o capítulo (non o vou contar todo, botádelle un ollo que é curtiño), creo que merece especial mención o momento no que Luci coincide no hospital coa “querida” do seu, aínda, marido. Créase unha situación surrealista pero que ao mesmo tempo non é inverosímil porque é tremendamente sinxela e sinceira. Vamos, que paga a pena.

E se alguén aínda dubida de se “Luci” merece unha oportunidade, comentar que ata gusta aos norteamericanos. Si, si, tamén exportamos series. A produción de Portocabo pechou un acordo coa compañía New Media Visión para ser adaptada nos Estados Unidos. Así, únese a outras que xa marcharon a facer as américas: “Pulseiras Vermellas”, de TV3, e “Os Misterios de Laura”, de La1.

Que, merece ou non unha oportunidade? A min xa me teñen convencida.

P.D.: Non esquezades que hoxe arranca o Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries de España. Se non podedes asomar hoxe, tendes toda a fin de semana para facelo.

 

 

 

 

 

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 24 de Abril do 2014 | 10:16 a.m.