Pepe: “A vida nunha aldea italiana é moi, moi parecida á da aldea galega”
A de Pepe é unha historia de emigración laboral pura e dura. Non había traballo para el en Galicia e despois de intentalo durante unha temporada decidiu que había que dar un paso adiante e buscar máis alá. Agora ben, se a decisión de marchar foi tomada coa cabeza, o lugar escolleuno o corazón,“teño un gran sentimento por Italia e pola súa lingua”. |
Nome: José Mansilla Barreiro Idade: 25 Profesión: Voluntario EVS Lugar de procedencia: A Baña (A Coruña) Lugar de residencia actual: Poggiardo (Lecce) Tempo de estancia: Nove meses |
Partindo desta premisa, non houbo moitas voltas que darlle, xa pasara unha tempada neste país cunha bolsa Leonardo Da Vici que lle concederon ó rematar a carreira, coñecía o país e cando viu a oportunidade non tivo dúbidas, “unhas amigas miñas faláranme do voluntariado europeo e quedaran encantadas co resultado, animeime a facelo”.
Asegura que estaba emocionado coa idea de volver a Italia, pero tamén que foi a falta de alternativas que hai en Galicia o que o trouxo aquí, unha decisión que igual non tería tomado se non fora así. Rematados os seus estudios, Pepe sempre foi atopando algo do que tirar, “licencieime en Comunicación Audiovisual sen especialización, ó que deixa marxe a poder abrirte a moitos campos”. Isto ten a súa parte positiva, asegura, que é a versatilidade dun profesional que toca varios paus, pero ó mesmo tempo ten tamén a negativa; a falta de especialización fai máis complicado dirixirse a un ámbito concreto. “Fixen un máster en Comunicación tamén na Universidade de Santiago, e fun picando dun lado e doutro; atrezzista nunha sitcom galega, prácticas de cámara en Localia Coruña, axudante de dirección nunha tele local en Rímini (Italia), debuxante de viñetas…”
Amante do cine e do cómic, Pepe disfruta deixando voar a imaxinación e dándolle forma ás ideas, agora faino como deseñador gráfico nunha asociación cultural,“algo vou facendo, pero chega un momento en que estaría ben atopar certa estabilidade”.
Unha estabilidade que, se falamos do sector audiovisual, parece difícil de atopar en Galicia, e que tampouco semella sinxela en Italia. Condicións laborais precarias, proxectos con moi baixos orzamentos e contratos que poucas veces superan a fase de bolseiro (rematado este período hai alguén nas mesmas circunstancias para levalo a cabo). “Hai unha chea de produtoras que non teñen cartos e nas que toca traballar co que hai, en Galicia lévase en ocasións o de facer as cousas chafalleiramente, aquí en Italia teñen a súa expresión para isto,din a cazzo di cane (carallo de can)”.
Pepe chegou a Italia hai nove meses sabendo xa onde se metía, posto que anteriormente pasara aquí unha boa tempada. Polo menos iso era o que el pensaba, aínda que cousa cambiara bastante nesta ocasión. E é que de Rimini, no norte do país, a Poggiardo, que se sitúa xusto no tacón da bota para que me entendan, a cousa cambia. Bastante. Moito de feito.
“Din que choras dúas veces no Salento(rexión na que se atopa a localidade de Poggiardo): cando chegas e cando marchas. Eu chorei unhas cantas máis”.
O primeiro problema veu para chegar ata aquí, “recordo coller moitos medios de transporte para chegar á miña aldea italiana, e recordo tamén á voluntaria turca que tiña que axudarnos para chegar de Lecce a Poggiardo…”. Non me gustaría a min que se acordaran da miña persoa deste xeito xa llo digo… (Risas) “En vez de agardarnos na estación de bus para axudarnos a chegar á de tren, que era o complicado, esperounos nesta última, polo que a súa axuda foi para comprar os billetes. Non hai que ser desagradecido, que a rapaza foi ata alá, pero para facer só iso…”
Aínda así, Pepe superou a proba e chegou a Poggiardo, á súa aldea italiana como el a chama,. Para o traballiño que lle custou a fazaña, a primeira impresión foi un tanto agridoce. “Foi un pouco desolador. Eu xa sabía que era unha aldea, paso moito tempo na miña (A Baña), e sei que sen coche estás moi comprometido, pero a impresión foi que estaba abandoada, semellaba unha aldea que tivera moita xente no seu momento e que a fora perdendo pouco a pouco”.
Gañando a vida
O horario de Pepe na Asociación na que desenvolve o seu voluntariado vai de nove da mañá a unha da tarde, e de catro a seis. Aínda que isto é bastante relativo, “a xente do Salento é moi relaxada e ás veces resulta moi variable o asunto, hai quen chega con bastante tempo de retraso”. Con tranquilidade e sen presa para nada, no Salento respírase un bo clima e semella que non hai preocupacións, pero xa saben o que din, non é ouro todo o que reloce… “O gran problema é a falta de organización, a falta de estrutura territorial, e isto reflíctese perfectamente no transporte, tanto para vivir aquí como para facer turismo, se non tes un coche vas perder pero que moito tempo en ir dun lado para outro”. No seu caso non ten problema con isto xa que ten o transporte cuberto pola empresa… “Si, eu para chegar ó traballo teño transporte de empresa, unha bici bastante escarallada, pero que me pon na asociación en tres minutos”.
Para os que non teñen tanta sorte e precisan facer viaxes máis longas, toda a zona de debaixo de Lecce está conectada por un tren rexional, o Ferrovie del Sud Est.“Eu ata que cheguei aquí só coñecía a compañía Trenitalia, que ven a ser oRenfe italiano, pero aquí as pequenas aldeas están conectadas por este tren que parece sacado das pelis do Oeste. Moi bonito e entrañable se ves facer turismo, pero cando levas aquí unha tempada pode chegar a ser desacougante”.
Se falamos de cartos, Pepe di que as diferenzas non son moitas con respecto a Galicia, e que os prezos son similares en practicamente todo. Na compra apenas se notan variacións excepto no peixe, algo que non deixa de sorprender… “non sei porque estraña razón o pescado é algo máis caro que en Galicia, cando esta aldea está a só cinco quilómetros do mar”.
E tamén falando do nivel de vida, outra curiosidade, “hai algúns bares e restaurantes un pouco máis de postureo, nos que na conta aparece despois un extra que é o ‘coperto’, que rolda un euro-dous por cabeza. Como unha propina imposta, vaia”.
No seu caso ó desenvolver unha labor de voluntariado, non está a recibir un salario “normal”, polo que a súa situación é diferente. “O tema dos cartos é un pouco delicado de falar sempre, creo que a xente ten moito reparo á hora de falar da súa vida sexual, o seu voto nas eleccións e no seu salario”. No seu caso non ten problemas por falar do tema, e máis aínda tendo en conta que a súa renda procede de Europa, “os cartos que recibo son da Unión Europea, son 225 euros cada mes en concepto de ‘pocket money’ e para a comida. Non estou facendo un traballo, en teoría, senón un voluntariado, polo que non hai queixa nese aspecto, creo que para sobrevivir chega dabondo”.
Agora ben, se falamos da outra parte dos cartos que recibe e da maneira de facer as cousas neste senso, avísanos, poderíamos facer outra reportaxe. A estancia tena cuberta e comparte piso con outros sete voluntarios, “ademais de min, outra rapaza de Coruña e seis turcos. É dicir, somos oito turcos en total” (Risas).
Pero como dicíamos, cando toca falar da xestión as cousas non son tan sinxelas… “En canto ó que recibo para o aluguer e á falta de transparencia das asociacións, é un tema que daría para unha entrevista… Eu non vin aquí para gañar cartos, pero certas persoas fan unha organización destas bolsas públicas que non é a correcta”.
A pesares de que sempre se di que os latinos nos parecemos moito, diferenzas no carácter tamén se atopan. Case entre risas, segundo Pepe en termos xerais somos máis traballadores e máis rápidos (“que manda nabo dicir isto!”).
No que non atopou grandes diferenzas é no que respecta ó día a día na súa Baña italiana, asegura que, por incrible que parece, a vida na aldea é moi parecida. “ A xente é moi amable, pero tamén ás veces está moi aburrida polo que lles resulta divertido ter estranxeiros por aquí. Todo o mundo se coñece e incluso deixar a fiestra aberta durante uns días é motivo de conversación entre os veciños. Imaxina estar na túa aldea de Galicia e saber que nunha casa viven dous italianos e seis turcos!”. Un espectáculo, dende logo…
E chegamos ó apartado da comida. Que sería de nós sen ela! E iso que a comida italiana é todo un clásico nas preferencias de moitos… “Aquí o que está moi rico e moi barato son as pizzas. Hai cada unha que é incrible… E tamén os postres típicos de aquí; os pasticciotos (un pasteliño cheo de crema, e se queres ricotta ou chocolate) ou os cornettos (recheos de crema e nutella), que son unha auténtica pasada. Como xente con escasos recursos que somos, tiramos moito, moito de pasta, pero o curioso do asunto é que os hábitos alimenticios que teño non son italianos, senón turcos, que todo se pega!”. Como dicíamos vive con seus compañeiros turcos polo que non é de estrañar, “métense uns almorzos ben fortes e tolean polas cousas picantes. Ademais desapareceu bastante o porco da miña dieta, porque aínda que non sexan todos relixiosos, polo xeral non se leva nada en Turquía o de comer porco, e bébese té a todas horas”.
E claro, con este panorama non é raro que estrañe… “meterme unha enchenta no fogar do Santiso, un bo churrasco, beber a nosa cervexa, e despois andar de troula cos colegas”.
Isto dínolo a parte máis dura de Pepe, a máis tenra fala da familia, as avoas… “Ohhh… (Risas) Sempre tes Internet para non perder o contacto, pero por exemplo coas avoas non tes a oportunidade de falar moito. Cando viaxei a Barcelona unha semana, chameinas ás dúas e decateime que desde Nadal non as vía… E bótalas moito en falta”.
Isto sen esquecer a videoconsola, que parece que non pero… “Non son un frikazo de pasarse horas todos os días xogando, pero de vez en cando unha partidiña ben que a botaba”. O que si mantivo foi a costume de ver ó Dépor, que hai cousas que non poden faltar!
Pola contra, tamén se tivo que adaptar a novas costumes. Non sabemos se máis turcas que italianas se cabe, pero novas costumes ó fin e ó cabo. “Empecei a beber té. Eu odiaba o té! Pero a forza de vivir cunha xente que sempre ten unha teteira ó lume, rematei por aficionarme. Ademais tiven unha época de abstemio pero coa chegada do sol non foi complicado cambiar do té á cervexa fresquiña. Pero bueno, que a miña familia quede tranquila que a conversión turca non foi completa, que non me cambiei de relixión polo menos!”. Ás avoas haberalles gustar sabelo!
Autostopista
Unha das experiencias que máis destaca Pepe da súa estancia en Poggiardo ten que ver precisamente con viaxar facendo autostop, “unha vez púxenme a facer autostop cunha turca e cun kurdo, sen rumbo, e chegamos a facer máis de cen quilómetros para durmir logo na casa duns colegas noutra cidade, e outros tantos ó día seguinte para volver á casa. E aquí estamos para contalo! Creo que moita xente ten moitísimo medo ó autostop, tanto a recoller autostopistas como a poñerte a facelo, pero a verdade que é unha cuestión de cambiar a mentalidade. É certo que este é un mundo perigoso, pero creo que hai unha gran, gran cantidade de xente xenerosa e marabillosa polo mundo adiante”.
Xente xenerosa e marabillosa pero no caso desta rexión tamén algo contradictoria… “Como o somos nós tamén! De non saber se subir ou baixar! De primeiras son xente pechada, pero despois resultan ser moi abertos e agradables. Ás veces un pouco preguiceiros, e con moito medo ós cambios. Creo que moitos aman a súa rutina, e en ocasións son bastante conformistas”.
Para o que estea pensando en coñecer Italia, e en concreto esta zona, Pepe recomenda facelo no momento no que se celebre algunha festa importante, “viven a relixión e as festas con máis sentimento ca nós. Unha cousa preciosa que teñen as súas festas son as ‘luminarie’, unhas estructuras de luz como as da feria de abril en Andalucía. Tiven a fortuna de velas en Maglie, se buscas en Google ‘luminarie Maglie’ podes facerte un pouco á idea. Un auténtico espectáculo, porque tamén teñen momento no que fan como unha perfomance luminosa”.
A pesares de que se relaciona se cabe máis con turcos, asegura que hai moitos galegos neste país, e mesmo ten vivido anécdotas desas que deixan a un coa boca aberta, “Se che conto! Un día ía no tren ensinándolle algo de español a unha das voluntarias turcas, e de súpeto faloume en castelán unha señora, de Ponteceso! Unha emigrada nos tempos en que todos os galegos ían a Suíza a traballar, que se namorou dun italiano de Poggiardo, para despois vivir aquí desde fai corenta anos… E xusto ese día volvía de visitar Galicia. A verdade é que este mundo ten cousas incribles…”.
Mirando cara o futuro
Cun pé xa en Galicia para pasar o verán, a Pepe tócalle agora ordenar recordos e tomar conciencia, despois chegará o momento de decidir que facer, “Quero moito Galicia, pero o mesmo me pasa con Italia. Aquel lugar no que estea a gusto, que me acepte e no que me sexa máis doado atopar unha ocupación coa que poder manterme sen axuda de ninguén… alí estarei con moito piacere”. Nós agardamos que poida ser por aquí, entre esas enchentas e gaiteiradas que tanto bota en falta estando lonxe. Se fai falla traemos as pizzas e os pasticciotos, que tal e como se lles da a empanada ás avoas da terriña, malo será que se lle resistan estes, non?