publicidade hoxe
Luís: “Aquí, como en Galicia hai moita tradición de pasar o tempo libre sentado ó redor dunha cervexa” - Cabecera

Luís: “Aquí, como en Galicia hai moita tradición de pasar o tempo libre sentado ó redor dunha cervexa”

Luis Cancio

A historia de Luís podería ser a de tantos outros galegos que, entre enfadados cun sistema que apenas lles ofrece saídas, e ilusionados coa posibilidade de atopalas fora das nosas fronteiras, decidiron buscar a maneira menos arriscada de probar sorte. Todo o pouco arriscado que pode ser coller as maletas, deixar a cómoda casiña familiar e marchar, no seu caso, cara Irlanda do Norte.

Luis CancioNome: Luís Cancio Prados

Idade: 26

Profesión: Voluntario nunha Organización que combina “Youth Work” e “Media”

Lugar de nacemento: Becerreá

Lugar de procedencia: Barcelona

Lugar de residencia actual: Belfast

Tempo de estancia: 9 Meses

Foi o Servizo de Voluntariado Europeo, o que lle abriu as portas de Belfast. Este programa permitiulle embarcarse nun proxecto interesante e dar resposta as súas ganas de evolucionar profesional e persoalmente. Iso si, se lle preguntamos polos primeiras impresións, non nos engana “Vin. Sen máis. Vin. Dende logo que había ilusión, moita, pero pode que se a situación que deixaba atrás non fose a que era nunca me atrevera a dar o paso. Agora que levo máis de oito meses por aquí teño que dicir que foi unha das mellores decisións que tomei ata o momento”.

A súa última experiencia profesional en España foi como camareiro

Licenciado en Comunicación Audiovisual e cun máster en Guión de Cinema e Televisión, recoñece que no seu sector as cousas tamén están complicadas en Belfast, seráche cousa do mundo audiovisual… Malia todo, a súa última experiencia profesional en España foi como camareiro en Barcelona durante un ano, (“como vedes moi relacionado cos meus estudos”), polo que ó preguntarlle se o que está a facer agora vai na liña da súa formación… “Combino audiovisuais con traballo coa xuventude. Estou a traballar nunha Organización que trata de motivar á xente nova e que se convertan en cidadáns activos eque traballen para cambiar aquilo que non lles gusta da sociedade, dende cousas pequenas (mellorar o sistema de iluminación das súas rúas) ata cousas máis ao grande (sacar adiante unha campaña para concienciar aos mozos sobre o suicidio, que en Irlanda do Norte é un dos máis altos en Europa). Os vídeos, as redes sociais, etc convértense nos seus mellores aliados, así que podo dicir que en certa maneira estou a traballar do meu”. Mentres tanto continúa desenvolvendo as súas habilidades no que respecta ó traballo cos mozos, e mira ti por onde, cada vez gústalle máis.

Luis CancioComparte con outros tres rapaces unha casiña recuberta de ladrillo visto nunha das típicas interminables rúas da cidade. Cústalle falar de gastos porque a súa situación non é a dun asalariado normal, “para ser honestos isto non é un traballo, é un voluntariado no que os meus gastos de vivenda están completamente cubertos e recibo 65 libras á semana para manterme”. Malia todo, asegura que Belfast non é unha cidade cara, e aínda que no supermercado os prezos son algo máis elevados, tamén o son os salarios, “o que está moito máis caro é o prezo do alcol, xa que os tributos neste  senso son moi elevados. Saír a cear fóra tamén é bastante caro, pero eu que viña de pasar tres anos en Barcelona tampouco o notei moito. Realmente tampouco teño moito diñeiro para gastar en lecer”.

“Dende que cheguei deume a sensación de que os días duraban máis e de que teño máis tempo para gozar do tempo libre”

E o tema do alcol non é cuestión baladí pois é algo que está moi presente na vida social dos irlandeses, “ambas sociedades somos celtas, compartimos en certa maneira o xeito de ver as cousas, a música, a importancia do alcol…”. Así é que, aínda que os horarios son completamente diferentes, “aquí, como na Galicia hai moita tradición de pasar o tempo libre sentado ao redor dunha cervexa (sen tapa, iso si)”.

Luis CancioNo seu caso falar de rutina é complicado, posto que en función do traballo os seus horarios varían bastante. Normalmente adoita non ter que madrugar e ten a sorte de atoparse a media hora da oficina a pé, “non sei por qué pero dende que cheguei deume a sensación de que os días duraban máis e de que os horarios están organizados de tal xeito que teño máis tempo para gozar do tempo libre, sen que o meu lecer teña que comezar pasadas as dez da noite”.

Quizais o que peor leva Luís é o tema do idioma. Viña cunha boa base de inglés pero, para un comunicador nato como el, aínda así non é sinxelo. “Levo toda a vida dándolle ao inglés, pero dende logo non es consciente de que non tes nin idea ata que te enfrontas a unha vida diaria noutra lingua, entón descobres que non es capaz de entender máis dun corenta por cento do que che din e que o seu acento é moi característico”. De feito é precisamente esta capacidade unha das cousas que máis bota en falta, “poder expresarme nunha lingua con completa fluidez e ser capaz de expresarme tal e como son en cada momento. Aínda que non tiven moitos problemas coa lingua, sempre se converte nunha barreira ao momento de poder transmitir a túa personalidade e presentar ao verdadeiro Luís”.

“Eu podería vivir só a base de pan, así que se puidera traería comigo o forno para poder cocer aquí”

Pero ademais da cuestión comunicativa, con ese puntiño romántico e bohemio que leva implícito, hai tamén unha morriña máis terreal digamos… A comida! “O que máis boto de menos é o pan. Eu podería vivir só a base de pan, así que se puidera traería comigo o forno para poder cocer aquí… Outra cousa que boto de menos é a androlla, o queixo… e as pipas!!! Por fortuna teño a despensa chea de chourizos, lombos e fuets que a miña nai se encargou de mandarme”.

Luis CancioBotando a vista atrás cara os primeiros momentos nesta cidade, resulta curioso escoitalo falar de “decadente e gris” de maneira positiva. Hai veces nas que probablemente a única maneira de cambiar un lugar é mudar a óptica dende a que o miramos. “A cidade pareceume gris e decadente, pero no bo sentido dos termos. Porque o gris e decadente non pode ser agradable? O clima é moi similar ao de Galicia, polo que non sería o que me botara para atrás, e a arquitectura é tan diferente, que todo era novo e emocionante para min”.

“A cidade pareceume gris e decadente, pero no bo sentido dos termos”

Non hai que esquecer que o programa de Voluntariado no que se atopa Luís, facilitoulle eses primeiros momentos na cidade, “ao chegar arroupado por un programa europeo houbo moitas cousas cosas coas que non tiven que pelexar. A miña organización encargouse de buscar unha casa e o meu xefe esperoume na estación de autobuses para levarme á casa. Ademais na cidade vive un dos meus mellores amigos, así que os primeiros días non foron moi difíciles en canto a soidade e demais. O que si me trouxo tolo a primeira semana foi a temida burocracia. Foron varias as miñas visitas a moitos organismos, sen contar banco, médico…”.

Se ten que destacar algo, unha cousa, un único recordo que lle chamara especialmente a atención nese primeiro contacto coa que sería a súa nova vida, venlle á mente un autobús. “O bus que me levou dende o aeroporto de Dublín a Belfast tiña conexión Wifi de balde, pode parecer unha “paletada” pero para min era sinal de que estaba viaxando ao primeiro mundo…”.

Luis CancioUn primeiro mundo que, segundo Luís, se diferenza do noso máis na forma que no fondo, posto que segudo di, mesmo na maneira na que se conforma a sociedade se atopan semellanzas. “Está completamente dividida entre Nacionalistas e Unionistas e aínda que o acordo de paz foi asinado xa hai bastantes anos, a división segue latente e hai bastante hipocrisía nese senso, onde a educación segue a ser sesgada. A xente en termos xerais é moi amable, pero aínda me sigo a debater entre se é así ou é simplemente aparencia”.

“En España son moi escasas as escolas que esixan uniforme, pero aquí atópalo en todas, son unha forma de identificarte”

Nesta liña, unha anécdota que recorda da súa primeira semana en Belfast, cando tiña que solicitar o National Insurance Number, “pasei un par de días paseando dun lugar a outro sen que en ningures me aclararan o procedemento, estiven como dúas ou tres veces nos mesmos sitios (maldita burocracia!) e cando finalmente souben a onde me tiña que dirixir non era capaz de atopar o edificio, xa que non entendía o enderezo nin as indicacións da xente na rúa. Ao final un home que viu a desesperación na miña cara camiñou comigo ata o lugar e deixoume na porta. Foi algo que me impresionou”.

Igual que lle impresionaron tamén os uniformes escolares, “en España son moi escasas as escolas que esixan uniforme, pero aquí atópalo en todas. Son unha forma de identificarte inmediatamente dentro da comunidade, ben sexa polas cores do uniforme (verdes, marróns e laranxas, ou azuis e grises) ou polo nome e escudo da túa escola”.

Luis CancioPor suposto, a quen máis bota en falta é á súa familia e ós seus amigos, pero para quen está acostumado a pasar varios períodos en distintos lugares, ese é un sentimento que xa non deixará atrás “sempre deixei xente á que botar de menos polo camiño, algo que seguramente suceda cando marche de aquí”.

Igual que botará de menos outras das posibilidades que lle ofrece esta cidade e que aínda ve demasiado lonxe en Galicia, por exemplo, o cine en versión orixinal e a prezos adecuados. “Ir ao cine suponme 3 ou 4 libras, prezos que en Galicia están arredor dos 8 ou 9 euros, ademais de que non hai ningunha sala en versión orixinal por alá. Era algo que en Barcelona si que tiña a man e que adoitaba consumir, aquí podo seguir facéndoo”.

Unha costume, a do cine, que puido levar consigo a Irlanda, pero tamén hai outras que foi este país ó que llas inculcou, aínda que pode que un chico menos recomendables… “Comer patacas fritas de bolsa e chocolate case a diario! Sempre me gustaron ben pero en Galicia non era algo que adoitaba a facer! Unha vez metido nesta cultura, esa foi unha das primeiras costumes que collín… Trato de controlarme, pero ás veces non podo!”

Luis CancioSobre a opinión que teñen dos españois nesta cidade, Luís asegura que “aquí teñen un amor fóra de serie por España. En canto dis que ves de alá a primeira reacción é, “e que fas aquí?”. Pero para eles España non deixa de ser esa parte do mundo onde a xente só se dedica a beber e tomar o sol, onde ademais somos moi abertos de mente. Imaxe que se afasta bastante da que teño eu! De todas formas sempre me preocupo de explicar a miña identidade e de que entendan o que significa para min ser galego”. Non sucede o mesmo, recoñece, se miramos cara a poboación árabe, “traballo cun grupo de mozas musulmás que son de Somalia e teñen moitas dificultades na escola e na súa vida diaria, simplemente polo enorme descoñecemento que hai sobre esas relixións e culturas”.

Con respecto ó que temos que visitar en Belfast, máis alá do propiamente turístico, o máis importante segundo Luís é “afondar na cidade e tratar de ver a división que aínda hoxe existe, os muros que aínda separan as dúas comunidades, as rúas cheas de bandeiras irlandesas ou inglesas… E tamén dende logo a vida nocturna e cultural da cidade, que ten moito que ofrecer; os pubs con música en vivo e que en certo modo trasladan a un ás foliadas. E se podedes alugar un coche e perderte polas súas paisaxes verdes e rurais xa sería ideal”.

Para poder votar teño que ir en persoa a inscribirme no censo da Embaixada ou do Consulado, en Londres e Edimburgo.

Para unha persoa comprometida política e socialmente como comprobamos que é este lucense, outra cousa que se lle está a poñer custa arriba é exercer o seu dereito ó voto nas eleccións europeas do 25 de Maio. “Algo que debería de ser tan sinxelo, unha vez que te atopas no estranxeiro convértese nun gran muro burocrático (si, burocracia de novo!). Para poder votar teño que ir en persoa a inscribirme no censo da Embaixada ou Consulado españois que me corresponda no Reino Unido, que neste caso están en Londres e Edimburgo, respectivamente. Vamos, cun mar de por medio. Paréceme un prezo moi alto! De todas formas dixen que ía votar nas eleccións e ata que o consiga non penso parar”.

Quen sabe, ao final case vai ser máis sinxelo vir facelo a Becerreá… Aínda que a volta non entra dentro dos plans de Luís, “por agora non se me perdeu nada nun país no que non me ofrecen un futuro digno. Sei que quero pasar o mes de Agosto na casa, e correr cara a despensa nada máis chegue a ver se hai un anaco de pan co que reencontrarme, despois xa veremos a onde me leva a vida”.

Luis Cancio

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 30 de Abril do 2014 | 11:30 a.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante