publicidade hoxe
David: “Dubai é a cidade máis moderna de Oriente Medio, a que máis impresiona” - Cabecera

David: “Dubai é a cidade máis moderna de Oriente Medio, a que máis impresiona”

David Goldar nas oficinas de Televés en Dubai

Collan papel e lapis para non perderse na explicación, porque ten o seu aquel a cousa. Vexamos. David leva seis anos vivindo en Dubai, antes de chegar aquí botou sete no Reino Unido, concretamente en Cardiff. A súa muller é británica aínda que natural de Kenia, e os seus dous fillos naceron xa nesta cidade dos Emiratos Árabes. Complicado? Un pouco si, seino. Agora ben, a pesares de todo isto, David continúa botando de menos o marisco, os pementos de Padrón e o cheiro a terra húmida, así que si, non hai dúbida, é galego.

David Goldar

Nome: David Goldar Blanco

Idade: 38

Profesión: Xerente

Lugar de procedencia: A Estrada

Lugar de residencia actual: Dubai – Emiratos Árabes Unidos

Tempo de estancia: 6 anos

Naceu na Estrada hai 38 anos, e aínda que estudou na Universidade de Santiago, axiña fixo as maletas. No seu caso non foi unha obriga, non marchou por falta de oportunidades en Galicia, nin é parte desa xeración perdida da que tanto se fala. A de David é unha historia de emigración consciente e desexada. Unha experiencia que quería vivir e que ademais non lle puido saír mellor.

Unha vez rematada a súa Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas, comezou a súa carreira profesional en Televés. Levaba apenas uns meses na sede da empresa en Santiago cando o enviaron a Cardiff, ó sur de Gales, onde se converteu no xerente ó cargo da actividade da empresa no Reino Unido e Irlanda.

De Cardiff a Dubai

Ese foi o primeiro paso de emigrante que dou David, pero non ía a ser o único. O grande, o de verdade, viría no 2008. “Ofrecéronme a oportunidade de facerme cargo da filial da empresa en Dubai, que se encarga de Oriente Medio, África do Leste e o Suroeste Asiático e, por suposto, aceptei encantado”. Así foi como volveu a facer as maletas e puxo rumbo ós Emiratos Árabes, “tanto a nivel profesional como persoal era algo que consideraba moi positivo, así que aceptei o traslado. Tiven a sorte de poder escoller e vin para Dubai porque me apetecía, porque quixen”.

A pesares dos anos que leva fora de España, é consciente de que a situación no noso país non é sinxela, e asegura que no caso da súa empresa a clave da supervivencia estivo precisamente nos mercados internacionais. “Televés tivo a visión de comezar un proceso de internacionalización importantefai moitos anos, polo que a crise en España chegou á nosa empresa nun momento no que unha gran porcentaxe das ventas procedían dos mercados internacionais”. Unha visión esta, que unha empresa é quen de ter cando ten nas súas filas a xente válida, preparada, profesional, non miro para ninguén…

Sen risco non hai gloria

Chegar ós Emiratos Árabes non é sinxelo, nin como persoa nin como empresa. Dende o punto de vista dos negocios, as oportunidades destes mercados son moitas, de aí que cada vez sexan máis as empresas españolas que dan o paso e “desembarcan” neste país.

Pero non é menos certo que, se as oportunidades son moitas, os riscos tamén. “Obviamente as cousas difiren moito entre os distintos países de Oriente Medio, pero si que é certo que se está a levar a cabo un importante esforzo inversor en sectores como a construción, a hostalería, as infraestruturas… Agora ben, o risco está aí, e pode ocorrer que proxectos e mercados importantes e con boas expectativas desaparezan dun día para outro por cuestións políticas ou sociais. Sen ir máis lonxe aí está o exemplo de Siria ou Iraq”.

Así é que Dubai é unha cidade de contrastes. Contraste entre as oportunidades e os riscos, entre o moderno e o tradicional, entre a occidentalización e as raíces orientais… Un deses lugares que, para ben ou para mal, non deixan indiferente a ninguén.

David Goldar coa súa familiaCalor extrema

David chegou a Dubai no mes de xuño, no peor ou no mellor momento para coñecela, segundo se mire. O peor porque é pleno verán, e a calor é insoportable. O mellor porque unha vez vivido este momento, todo o que ven despois sempre é para mellor. “Calquera que chegue a Dubai nestas datas acabará recordando a calor insufrible tanto de día como de noite, unha calor que fai que non poidas estar en espazos abertos en ningún momento do día”.

Con estas temperaturas, e máis sendo galego, de xuño a setembro non resulta sinxelo vivir en Dubai, os días fanse eternos. Claro que a contrapartida é o resto do ano, nove meses nos que o clima é inmellorable, “nos outros nove meses o tempo é perfecto, permíteche disfrutar de todo tipo de actividades ao aire libre e isto sen dúbida é un dos factores máis atractivos de Dubai… Claro que tes que superar os outros tres!”

Chegada

Con todo, a chegada a esta cidade non é so un golpe de calor, o golpe tamén é cultural. Hai que ter en conta que a maior parte da poboación de Dubai non é emiratí, polo que a mestura é total. “A maior parte da poboación de Dubai son expatriados e dependendo do sector de actividade e da súa posición veñen duns países ou outros. Nun primeiro momento o que máis chama a atención é iso, que estás nunha cidade na que a meirande parte do tempo estás interactuando con xente de moitos países distintos”.

E a isto hai que sumarlle a impresión que transmite a cidade cando a percorres por primeira vez, “sempre recordarei os traxectos do aeroporto ó hotel as primeiras veces que viaxei a Dubai. Ía no taxi mirando dun lado a outro coa boca aberta pola cantidade de rañaceos”.

Rañaceos e grandes construcións, e é que o que chega aquí agardando atopar unha cidade ó estilo de Oriente Medio, equivócase. Dubai é distinta, é outra cousa “é a cidade máis moderna de Oriente Medio, a que máis impresiona, a que máis chama a atención”.

Se falamos de impresionar, unha das cousas que máis lle impresionou a David nos seus primeiros pasos aquí foi o tráfico. Durante os primeiros meses nesta cidade, recorda un tráfico insufrible no que calquera desprazamento implicaba obrigatoriamente rematar nun atasco. Claro que as cousas dende aquela cambiaron bastante, a situación mudou co tema da crise e nótase a diferenza. “Eu cheguei en xuño do 2008 e a crise digamos que comezou en setembro en Estados Unidos. De Estados Unidos a Dubai, pois claro, afectou moitísimo, só con pensar na moeda… Pois, naqueles meses si que recordo iso, os grandes problemas do tráfico”.

David cos seus fillos nun día de descanso

Cousas de negocios

Os horarios de oficina en Dubai, parécense máis ós británicos que a calquera outros, pero malia todo a xornada de David é practicamente é total xa que o teléfono non deixa de funcionar. “Esa é outra das cousas que chama a atención. Á marxe dos horarios de oficina, ó final aquí acabas traballando practicamente todos os días, ao teu ritmo e cos teus horarios, pero todos os días”.

Impensable resultaría para moitos de nós recibir chamadas de traballo pola noite ou a golpe de domingo. Aquí é o máis normal do mundo. “No Reino Unido creo que nunha me chamou un cliente despois das seis da tarde, aquí pódente chamar ás dez da noite coa intención de que mires un email e que lle resolvas calquera tema no momento, e coas fins de semana ocorre o mesmo”. Ademais as fins de semana en Oriente Medio son algo caóticas así que peor aínda. “Na miña empresa fin de semana é venres e sábado, pero non é así para todo o mundo nin para todos os países. A maior parte das empresas da construción de Dubai teñen de fin de semana o xoves pola tarde e o venres, e entón chámante un sábado por exemplo, que se supón que para ti é fin de semana. En Arabia Saudita por exemplo só teñen de fin de semana o venres, e en España o venres trabállase normal, polo que é fácil que teñas que facer algo… Unha loucura!”. Dende logo que si! E que pasa co domingo? Que sería de nós sen eles?

O que si que agradece David é o horario de oficina ó estilo británico, “non temos o parón para comer que hai en España e que a min persoalmente me parece unha perda de tempo, aquí paras a comer algo rápido, moitas veces mesmo na oficina, e así podes acabar a xornada antes”.

Adeus Estado de Benestar

David vive nunha casa, nunha urbanización “como as típicas de adosados que podes atopar ás aforas de calquera cidade en España”. Vive coa súa muller e os seus dous fillos. No seu caso non ten queixa coas comodidades nin co transporte, e tarda unha media hora como máximo en chegar á oficina, pero recoñece que, en termos xerais, Dubai é unha cidade cara. “Está claro que igual que ocorre en calquera outra cidade, cando saes a cear por exemplo tes opcións de todos os tipos, e podes gastar moito ou pouco segundo esteas disposto, pero o que si que é certo é que hai certos gastos obrigatorios, como a vivenda ou as escolas, que son caros”.

Ademais hai que ter en conta que en Dubai non hai o que aquí chamamos Estado de Benestar. “Nos Emiratos Árabes non existen as retencións por IRPF ou Seguridade Social, aquí o teu salario bruto é o neto, é dicir, o que cobras cóbralo íntegro sen impostos. Pero claro, tampouco tes dereito a ningunha prestación de ningún tipo, non hai subsidio por desemprego, nin sanidade pública, nin escolas… Ti ou a túa empresa, dependendo dos casos, tedes que facervos cargo destes conceptos”.

E no que respecta á cesta da compra? Como están as cousas no súper? Pois aquí tamén se nota a suba dos prezos, vaia que se se nota! Un incremento que, segundo nos di, se deixou ver aínda máis nos últimos dous anos. “Aquí todo o que se vende ten que ser importado, e isto engade un sobre custe ós produtos. Pola mesma compra que poderías facer en España, aquí pagas un 30 – 40 por cento máis aproximadamente”.

A moeda de Dubai é o Dirham, que ten paridade fixa co dólar americano (1 Dólar = 3,667 Dirham), polo que no seu caso o que lles afecta en realidade é a evolución do dólar.

A muller de David cos seus fillos nunha paisaxe de desertoÁrabes vs Galegos  

Non é sinxelo atopar similitudes entre dous países tan diferentes a todos os niveis, “se Galicia xa é moi distinta ó resto de España, se a comparamos cunha cidade cosmopolita e multicultural do Golfo Pérsico, pois imaxínate… Pero se tivera que dicir unha cousa, diría que os árabes son tamén moi familiares, e posiblemente este é o aspecto no que máis podemos parecernos, os galegos tamén o somos”.

Tanto é así, que é a familia o que máis se bota en falta, porque que por moitos anos que un leve fora, a isto non se acostuma ninguén. “Considérome unha persoa moi afortunada neste senso, cunha gran familia e moi bos amigos dos que me acordo moitas veces”. Poñelo no compromiso de dar un só nome é difícil, non lle caberían aquí todas as persoas que tería para citar, pero facendo un esforzo… “É difícil, e agardo que a miña querida nai non se enfade, teño claro que nai non hai máis que unha! Pero se tivera que nomear a unha persoa soa ten que ser a miña avoa Sabina…”. E é que ó fin e ó cabo, que son as avoas se non as segundas nais, non si?    

Marisco, pementos de Padrón e cocido

Este é o outro gran amor de calquera galego, a comida! Por moito tempo que pase, a comida é outro dos clásicos no que a estrañar se refire. Será que o noso padal ten máis memoria que nós mesmos? (Reflexionaremos sobre isto algún día…)

No caso de David, o que máis bota en falta o seu padal é o marisco, o peixe e, como bo estradense, as cousiñas da terra, “a leituga e pementos de Padrón principalmente, e despois certos pratos concretos como o cocido e a tortilla de mamá”. Máis vale que non se nos enfadase mamá co tema da avoa, a ver se imos quedar sen tortilla para a próxima visita!

Con respecto á comida en Dubai, non ten moito que dicir sobre o que é o típico neste país, asegura que o mellor desta cidade é precisamente a variedade de cociñas doutros países que se poden atopar. “Gústame comer ben e gústame poder disfrutar de distintos tipos de cociña, nese sentido Dubai permíteche todo isto, tanto a nivel restaurantes como no que respecta a ingredientes nos supermercados”.  

A maiores do gastronómico, no apartado de cousiñas que non se poden atopar nas tendas, esas que reflicten a morriña en estado puro, as sensacións, os cheiros, as paisaxes… “Bótanse en falta as cores do outono, os temporais ó lado do mar, ou as mañás de inverno frías, frías de verdade pero sen unha nube no ceo”. Esas cousas que ata que non deixas de vivilas non te decatas da falta que che facían…  

Os zocos tradicionais

No que respecta ó idioma, David desenvolve o seu traballo e a súa vida en inglés, “por sorte ou por desgraza en Dubai non fai falta falar árabe, o inglés emprégase tanto a nivel negocios como no día a día e eu xa o falaba como lingua principal. O malo é que non tiven que facer o esforzo de aprender árabe”.

Nunha cidade que continúa medrando e que cada vez se internacionaliza máis, non é de estrañar que o inglés funcione como vehículo, tamén facilita as cousas no que se refire ó turismo, que é outro valor en alza nestes momentos.

Para o que decida vir a Dubai, unha morea de edificios emblemáticos para visitar,“o Burj Khalifa, que é o edificio máis alto do mundo, ou o Burj Al Arab, que está considerado o hotel máis luxosos do mundo, todo isto é o típico que din que tes que ver, pero a min persoalmente, o que máis me gusta, é a zona do Creek, que se podería dicir que é como a zona vella de Dubai, na que están os zocos tradicionais con todos os produtos téxtiles, as especias, o ouro…” .

David Goldar nun dos edificios máis emblemáticos de DubaiRamadán

A pesares do cosmopolita e multicultural de Dubai, non podemos esquecer que se trata dunha cidade dos Emiratos Árabes e como tal, dun país musulmán.

Nestes momentos, atopámonos no Ramadán, época de xaxún na que non se pode comer nin beber nada ata que se poña o sol. Neste período, que dura un mes e que rematará o vindeiro día 29, os restaurantes e os bares atópanse pechados durante o día, e non se pode nin comer nin beber en público. Unha mostra máis desa contradición da que falabamos, desa unión entre a modernidade e a tradición.

Unha tradición que máis vale coñecer para non acabar pasando vergonza nalgunhas situacións, “eu son moi afeccionado ós libros de viaxes e historia e vaia se me teñen axudado a non meter a pata! Xa coñecía bastante a cultura musulmá antes de vir a Dubai, algo moi recomendable”.

Españois en Dubai

O número de españois en Dubai viuse incrementado nos últimos anos, sobre todo pola implantación de empresas españolas na cidade, e tamén porque cada vez máis xente sae ó exterior a buscar as oportunidades que aquí non se atopan. Malia todo, a maioría dos amigos de David son doutras nacionalidades, “o meu círculo máis ben está formado por outros expatriados. Ó final todos chegamos a Dubai na mesma situación e iso tamén fai que sexa máis fácil coñecer xente que se atopa nas mesmas ca ti”.

En xeral, os árabes, segundo nos conta, senten aprecio polos españois, polo que un adoita ser ben recibido cando chega a esta cidade, “ao fin e ao cabo temos un pasado común, e os árabes están moi orgullosos del”.

Regreso a Galicia

Resulta difícil falar do futuro e facer moitos plans cunha persoa de mundo coma David, non descarta volver a Galicia nun futuro pero tampouco descarta non facelo, en realidade non descarta ningunha posibilidade. “Levo 13 anos fora de España, a miña muller é británica e natural de Kenia e os meus fillos naceron en Dubai. Pode que volva a Galicia, pode que marche a calquera outro país do mundo ou que quede aquí moitos anos máis, a día de hoxe non perdo o tempo en pensalo”. Xa ven, os valentes sonche así.  

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 16 de Xullo do 2014 | 11:00 a.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante