publicidade hoxe
Christian: “Sentín que estaba nun sitio cheo de vida e de oportunidades” - Cabecera

Christian: “Sentín que estaba nun sitio cheo de vida e de oportunidades”

 Christian coas vistas da cidade de Gent ó fondo, dende o Castelo de Gravensteen

Christian é un deses poucos “afortunados” que cando marchou tiña a alguén da familia no lugar de destino. O primeiro en marchar foi seu irmán, alá polos anos 90, ou sexa fai dous días (porque dende os 90 non pasaron tantos anos, non? Bueno, ese non era o tema!). O caso é que o irmán de Christian estaba xa asentado en Bélxica, tan asentado que mesmo casou en aquí! E agora ben o mellor, casou coa filla dunha emigrante de Cambados que anos atrás fixera o mesmo camiño que eles e se establecera en Gent casando cun belga, que vos parece? (Ay cantas historias de Galegos por aí Adiante sacabamos desta familia!).

Christian Hernández

Nome: Christian Hernández Barbeito

Idade: 30 anos                

Profesión: cociñeiro

Lugar de procedencia: Sanxenxo       

Lugar de residencia: Gent ( Bélgica)

Tempo de estancia: 2 anos e medio

Despois de todas as visitas que lle fixera ó seu irmán, Christian decidiu probar sorte e virse para aquí, non sabemos se na procura dunha emigrante tamén!

Gent era para el unha vella coñecida, así que o seu primeiro contacto coa cidade non foi especialmente impactante. O que si recorda é as boas sensacións que lle transmitiron as súas rúas nada máis chegar, “sentín que estaba nun sitio cheo de vida e de oportunidades, é unha cidade turística ós 365 días do ano, cun gran ambiente e un extenso campus universitario onde estudan alumnos de todas as partes do mundo”.

Christian é militar e en España estivo seis anos traballando en Pamplona e en León, malia todo, a súa verdadeira paixón estaba entre os fogóns e, aínda que nunca se dedicara a cociña, chegou a Gent e decidiu meterse nunha.

Parece que a cousa non lle foi mal, e a día de hoxe continúa traballando na hostalería, ten un contrato indefinido e unhas condicións que, segundo el, pouco teñen que ver coas de España, “aquí trabállase en quendas de oito horas e os soldos están ó redor dos 1400 euros. En España non se cobra nin a metade e trabállanse case dobre de horas. Ou sen o case. A diferenza é enorme!”.

Así é que economicamente en calidade de vida están moi por enriba de nós. Se tivera que destacar os servizos máis caros, para el serían a auga, a luz e o uso do coche “o demais está máis ou menos ó mesmo prezo e iso tendo en conta que os soldos son bastante máis altos”.

O tema do coche é precisamente unha das maiores diferenzas coas que se topou este sanxenxino. Asegura que aquí o medio de transporte máis estendido é a bicicleta, “a min sorprendeume a cantidade delas que hai, está estendidísimo o seu uso como medio de transporte diario. Eu vou a traballar en bicicleta todos os días, chova, neve ou caian raios, ó final todo é acostumarse!”. Moi mentalizado con todo o relativo á contaminación, o Concello de Gent mesmo favorece economicamente a aqueles que queiran mercar unha bicicleta eléctrica, “danche moitas facilidades, pero bueno, a miña é a pedal, das de toda a vida”.

Christian con Juan e Luis Alberto, amigos que estaban de Erasmus, nunha das zonas máis coñecidas de Gent, Graslei, no canal centroE que conste que cando un sae da casa ás sete da mañá en inverno… Ten o seu mérito coller a bicicleta! Porque o que tamén recoñece é que aínda que non é un país propiamente nórdico, os invernos son difíciles. “É certo que aquí o inverno é duro. En verán tes moitas horas de luz pero esas mesmas horas telas durante o inverno de escuridade e as condicións non acompañan”.

E cantos problemas lle da a luz a Christian! Alguén se imaxinou algunha vez vivindo sen persianas? “Aquí case ningunha casa ten persianas e eu que son de durmir a escuras de todo… Resúltame imposible conseguilo! Claro, hai que pensar que aquí durante o verán ás 4:30 da mañá comeza a saír o sol, e non falamos de ventás normais, falamos de ventanais”.

A cousa aínda se pon mellor se temos en conta que vive nun ático, nin máis nin menos… Comparte piso cun compañeiro de traballo que é de Córdoba, Pepe. Pero ademais del, relaciónase moito con holandeses e ingleses, sobre todo. Por suposto, detalle importante o do idioma, que pouco a pouco vai saíndo, “coñecíao xa polo meu irmán, e sobre todo pola miña cuñada e as miñas sobriñas que claro, son de aquí, pero non imaxinei que acabaría estudándoo e falándoo, ou tentándoo polo menos (risas). Todo é collerlle o puntiño e despois que a min o feito de saber inglés tamén me resultou moi útil porque hai moitas normas que son compartidas”.

Maneiras de ser

Como xa nos adiantaba, as costumes e tradicións belgas son máis similares ás dos países nórdicos, aínda sen chegar a ser un deles propiamente. “Teñen outra rutina e outro estilo de vida, aínda que o clima non chega a ser tan extremo coma nos países nórdicos, a cultura si que se parece un pouco”. De feito, a calidez do sur, nótase tamén nese estilo de vida, para que nos imos enganar, “niso ganámoslles, eles mesmos o din!”.

Agora ben, no que respecta á personalidade e a ese concepto de fríos e distantes, Christian rompe unha lanza en favor dos belgas “eu ó principio pensaba iso, que serían súper fríos á hora de relacionarse e facer amizade, supoño que tamén polo tema do clima que parece que ban ser máis pechados… Pero que va, nada máis lonxe da realidade, moi ben dende o principio”.

Christian Hernández coa súa amiga Paloma, que estivo de visita. Están nunha das coñecidas canles da cidade de BrujasA televisión

O que nunca imaxinara Christian que acabaría botando en falta é algo tan sinxelo como a televisión “non é que en España vira moito a tele, pero sempre che facía compañia. Aquí nin a toco!”. Agora ben, o que bota de menos de verdade é… A comida de mamá! “como calquera persoa que estea fora, a comida é o que máis se bota en falta por suposto, no meu caso a comida de miña nai”.

E despois esas cousas nas que non pensas cando as tes todos os días ó alcance da man, “pasear pola praia ou ir a correr ó monte é algo que tamén boto en falta moitísimo, aquí é cidade, pura e dura. Ata o cheiro é distinto e iso tamén se nota”.

Ademais disto? “ir a pasear pola praia co meu can, saír cos amigos, comer un bo pulpiño… Se sigo non paro, calquera cousa que teña que ver coa miña terra bótoa de menos, moitos etcéteras aquí!” .

Malia todo asegura que non ten queixa no que se refire á alimentación en Bélxica, e dínolo un cociñeiro, así que haberá que facerlle caso… “no que se refire a verduras, froitas, peixe e carne teñen moita variedade e moi boa, así que a verdade é que non teño queixa ningunha”.

Casualidades da vida

Unha cousa é aquilo de… Hai un galego na lúa, e cousa distinta é que o galego sexa coñecido, non? Pois a anécdota que mellor recorda Christian do seu tempo en Gent é precisamente esta… “Eu ía camiñando pola rúa e vexo a unha persoa que ven ó lonxe mirando fixamente para min. Eu non era quen de diferenciar a súa cara pero vía que me miraba moito. De repente achégase e dime: – Oes, ti non es Christian? E eu contesto: – E ti es Jano! Pois aí estabamos os dous, despois de pasar os veráns xuntos en Sanxenxo durante anos! Atopar a unha persoa coñecida, así, a 3000 quilómetros da casa é alucinante”.

Que visitar?

Se nos ten que recomendar algo, asegura que a zona de Graslei é se cabe, a mellor para ver. “Coa canle e unha chea de restaurantes na orilla, a 200 metros do Castelo de Gravensten que foi a residencia de Carlos V, digamos que é a zona máis emblemática de Gent”.

Moi recomendable como turista e tamén para vir pasar unha tempada, iso si, como consello… “O que recomendaría é estudar a lo menos un par de niveis do idioma antes de vir para aquí, porque sen o idioma non te queren en ningún lado. E asegurarse ben de ter un bo sitio para durmir, iso tamén. Despois, para buscar traballo todo é constancia e esforzo.”

O bo é que ós españois téñenos como moi traballadores, aínda que tamén saben dos nosos puntos débiles “temos dama de ter un nivel de idiomas baixo, pero bueno, tamén de ser currantes en xeral”.

Pois polo de pronto, a intención de Christian é quedar por aquí. Agarda voltar, porque “a terra é a terra”, pero polo de agora “teño un contrato indefinido e iso agora non mo ofrece Galicia”.

Mentres, un par de visitas ó ano non llas quita ninguén, para comer na casa, ir de tapas e poñerse ó día cos amigos ó lado dunhas cervexas. As boas costumes non hai que perdelas.

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 23 de Maio do 2014 | 8:16 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante