Noelia: “Saír da casa o primeiro mes era unha odisea, non sabía nin unha palabra en alemán”
Dende sempre pensou que lle gustaría pasar un tempada no estranxeiro, unha tempada algo máis longa ca dos cursos de idiomas e a beca Erasmus que fixera no seu momento. Polo tanto podemos dicir que a decisión de marchar non foi para Noelia unha obriga, senón máis ben unha necesidade. |
Nome: Noelia Muíños Vidal Idade: 28 Profesión: Deseñadora Gráfica Lugar de nacemento: Pontevedra Lugar de procedencia: Ponte Caldelas Lugar de residencia actual: Innsbruck, Austria Tempo de estancia: 10 Meses |
Aínda que agora se atopa en Austria, esta pontevedresa fixo as maletas con outro destino. Nun primeiro momento dirixíase a Escocia, despois marchou para Alemaña e finalmente case sen decatarse, como adoitan pasar as mellores cousas da vida, acabou en Innsbruck, a capital dos Alpes austríacos. “Digamos que ó chegar a Austria non notei moito cambio porque é todo moi similar a Alemaña, de Baviera a Tirol, as costumes, a música, a comida… Son practicamente os mesmos”. Ademais ela xa viña cun amplo bagaxe sobre todas estas cuestións, posto que en Alemaña tivo os mellores mestres para aprender de costumes e forma de vida. “estiven alí un ano aprendendo alemán mentres traballaba como aupair, e durante o verán din clases de español”. Os rapaces xa se sabe… Clases aceleradas!
Así é que o seu primeiro contacto con esta cultura tívoo no país das salchichas e a cervexa, e ese si que o recorda. Vaia que se o recorda… “Saír da casa o primeiro mes era unha odisea. Eu non sabía nin unha palabra en alemán e o simple feito de saír a pasear cansábame. Lía informacións por todas partes e non entendía nada… Dinme de conta do importantes que son as preposicións nun idioma, creo que están infravaloradas! Poño un exemplo: como sabes que tren tes que coller? Ven de Berlín ou vai a Berlín? Pasa por Munich ou para en Munich? Os tres primeiros meses aprendín máis que no resto do tempo que levo aquí, supoño que é o instinto de supervivencia”.
Cuestión de olfacto
Despois deste primeiro contacto co idioma, en Austria todo foi máis sinxelo. Aínda que a súa situación non era a máis cómoda. “En Innsbruck foi distinto porque coñecía a cidade, pero tamén é certo que cheguei sen casa e sen traballo e tampouco contaba co factor dialecto, ó que tiven que adaptar o oído de novo!”.
Aínda así non é a cuestión lingüística o primeiro que recorda do seu contacto con esta cultura, nin sequera o carácter alemán nin o verde do paisaxe, o primeiro que lle ven á mente daqueles instantes iniciais é un cheiro. Din que o olfacto é un dos sentidos con máis capacidade para evocar recordos e, en Noelia polo menos, parece que a norma cúmprese. “Recordo o cheiro da casa da familia coa que ía vivir durante os seguintes meses. Así cheira Alemaña! Era un olor moi particular que teñen todas as casas aquí. Tamén os restaurantes. Supoño que polas especias que usan para cociñar e a combinación cos mobles de madeira. Iso por un lado. E logo o coloristas que son para decorar todo. Tecidos sobre todo de la e fío e infinidade de accesorios de madeira feitos a man.”
Oportunidades laborais
Se alguén dos que nos lea coñece este país e non foi quen de reparar nestas cuestións, non se estrañen, aínda non presentamos á nosa protagonista en condicións. Noelia é deseñadora gráfica (-ah! agora entendo que se fixara tanto nos detalles e nas cores- estaredes pensando). “No campo da publicidade o de converter as palabras en imaxe é básico e complícase bastante a cousa co tema do idioma, pero estou moi contenta. Traballo nunha axencia de marketing e o clima laboral é moi bo. Ademais teño a posibilidade de aprender cada día dun equipo realmente moi profesional. Son a única estranxeira no medio de todos os tiroleses falando o seu dialecto pero síntome unha máis do grupo”.
Malia todo, Noelia tamén asegura que non é ouro todo o o reloce. A pesares de que os números reflicten unha situación ideal, as cousas non sempre son así, “que aquí as taxas de paro sexan inferiores ó 6% non significa que todos os españois e demais estranxeiros –e mesmo os propios austríacos- teñan traballo. Hai xente que ten que administrarse moi ben para poder chegar a fin de mes, acumulando contratos en 30 días para alcanzar un soldo digno. Non nos esquezamos dos famosos minijobs…”.
O día a día
A flexibilidade dos horarios é unha das cuestións que máis adoitan chamar a atención. Como ocorre noutros moitos países europeos, en Austria cada un axusta o seu horario como mellor lle convén “aquí en traballos de oficina é bastante normal que se flexibilicen. Onde eu traballo podemos entrar de 8 a 9, e saír de 5 a 6. O horario é continuo e cada un fai unha pausa para comer cando considera. Eu levántome sobre as 7 e ás 8.30 empezo a traballar. Necesito coller un bus, no que tardo 10 minutos en chegar ó centro, e logo outros 10 minutos andando. Innsbruck non é unha cidade moi grande, pódese recorrer o centro andando e se fai bo día, en bici”.
Iso si, a ser posible mellor non ter que depender moito do tren, polo menos cando un leva o tempo xusto… “Imaxino o complicado que ten que ser xestionar toda unha rede de transportes conectada con toda Europa, pero coller un tren en hora é case cuestión de sorte. Como curiosidade direivos que, se explican o motivo da tardanza, moitas veces é porque o tren ven con retraso do país do que procede”.
A organización levada ó extremo
E é que no tema dos horarios, difícil é pillar ós alemáns… Non se adoita dicir que son moi cuadriculados? Pois parece que algo de razón leva o dito. “Quizais sexa este o elemento que nos diferenza máis a españois e austríacos/alemáns, e ademais é algo que eles mesmos din que envexan de nós. Eles necesitan apuntar na axenda ata con quén van quedar para tomar un café dez días despois (non é broma!). Facer plans para o día seguinte con alguén de aquí non é tarefa sinxela”. A parte positiva disto é unha gran eficacia na administración do tempo, e a puntualidade tanto no laboral como no persoal. Iso si, a costa dunha falta total da capacidade de improvisación.
Coa organización como bandeira, non é de estrañar que os calendarios sexan aquí un obxecto fundamental… “É bastante común nas casas onde viven varias persoas que haxa un calendario cos días do mes, cos habitantes e coas citas que ten cada un. Aquí a partires de novembro as tendas comezan a facer un despregue de modelos de calendarios adaptados ás necesidades de cada persoa, con prezos que van dende os 2€ ata os 30€. En España non coñezo a ninguén que compre calendarios, e co tema da crise xa nin por Nadal se regalan”.
Aínda que os invernos son moi fríos en Austria, o máis difícil de sobrelevar para Noelia, son as horas de luz. Días moi, moi curtos e noites eternas que comezan ás cinco da tarde, “os establecementos cerran todos antes das 18.30, menos os centros comerciais que abren ata ás 20:00, pero normalmente só os xoves e venres”.
Se falamos de nivel de vida, esa idea de cidade pequena e acolledora desvirtúase un pouco, e é que os prezos para alugar unha vivenda chegan a superar ós da mesma Viena. “Un apartamento de 30m2 costa como mínimo 500€ ó mes. En canto saes do centro os prezos comezan a baixar e por iso eu vivo nunha casa con xardín ás aforas da cidade. Unha casa duns 70m2 e destas condicións no centro roldaría os 900€ó mes”. Noelia vive co seu mozo, tamén galego, que sen dudalo se embarcou con ela nesta aventura.
Non só no que se refire á vivenda, segundo Noelia, Innsbruck é unha cidade cara, a pesares de que os salarios non son máis altos que no resto do país, así é que facer vida social é se cabe máis complicado. “Por poñervos algún exemplo, un café custa normalmente 2.80€, o prezo da carne de porco é maior co da de vaca en España, os queixos non baixan dos 19€ o quilo, e un boliño de pan –os famoso “Semmel”- custa uns 35 céntimos.” Si, cara é.
Costumes e tradicións
Antes de chegar a Austria, Noelia non adoitaba facer sendeirismo, pero aquí é practicamente o deporte nacional e, xa se sabe, o que quere vivir un país de verdade, ten que mimetizarse co ambiente. Agora as rutas de montaña son unha das súas afeccións e disfruta moito con elas. Ademais, como nos adiantaba, o das comidas para recuperar forzas tamén o teñen bastante interiorizado así que… Iso si, coidado co que un di sobre os pratos! “Aquí a palabra “interesante” se se usa para a comida non ten para nada un significado positivo. Menos mal que aquí a xente é comprensiva cando non dominas o idioma, sobre todo cando cualificas de interesante o prato que a avoa fai con todo o cariño do mundo!”.
Outro costume á que tamén tiveron que adaptarse Noelia e o seu mozo, foi á de agardar para beber cando te reúnes coa familia ou cos amigos, “non podes beber ata que brindas mirándote ós ollos con cada persoa coa que fas chinchín”. Unha vez feito, vía libre.
A pesares do diferentes que puideramos parecer, segundo Noelia, non o somos tanto, “exceptuando o tema da planificación e a falta de improvisación, creo que un galego e un tirolés parécense máis que un galego e un andaluz. Isto non significa ser mellores nin peores, simplemente é que, en certo modo, compártense máis cousas: mentalidade, paisaxe verde, tradicións, as comidas farturentas,…”.
A paisaxe e a natureza é precisamente o que nos recomenda Noelia se vimos ata aquí. “Se vés ó Tirol e non tes contacto coa natureza é como non viñeras. No verán hai infinidade de rutas de diferentes niveis de dificultade con vistas incribles. Como recompensa ó esforzo, sempre hai algunha “Hütte” polo camiño -especie de bar ou restaurante de montaña- no que parar a descansar e disfrutar do auténtico espírito do Tirol: comida tradicional ambientada con música típica, onde todo está decorado con detalle ó máis puro estilo tirolés. É unha sensación bastante especial. No inverno é igual de recomendable a visita, sobre todo para os amantes dos deportes de inverno. Se non é así, os mercados de Nadal que hai en cada cidade e tamén en vilas pequenas, son unha parada obrigada e a maioría empezan xa en novembro”.
Caixa de Mistos
Aínda que a experiencia está a ser moi positiva, hai moitas cousas que se botan en falta. Ademais da familia e os amigos por suposto, tamén están os pequenos detalles que fan a vida máis sinxela. No seu caso? “pois algunhas cousas que fan a vida máis agradable, como poden ser as persianas ou unha caña cunha tapa”.
A pesares de que é consciente de que ten un traballo que dificilmente atoparía agora en España, agarda poder volver e establecerse aquí nun futuro. Non se marca un tempo concreto, pero quizais precisamente buscando a maneira de atopar unha saída, ela e máis o seu mozo están poñendo en marcha un proxecto propio que pouco a pouco se está a abrir camiño. Un proxecto que malia estarse xestionando dende Austria neste momento ten toda a esencia galega no seu interior. “É unha firma de ilustración e complementos de selo galego nacida no Tirol; Caixa de Mistos. Ata o momento os nosos artigos véndense a través da nosa tenda online e estamos tamén moi presentes nas redes sociais; Facebook, Twitter ou Pinterest. Son pezas únicas e feitas a man e están a ter moi boa acollida. Polo de agora participamos nun par de mercados e fixemos algunha exposición, e a verdade é que estamos moi contentos, traballando en algo que nos gusta e facéndoo como todas as cousas ben feitas, con moita dedicación”.
Agardamos poder atopar pronto por aquí esa Caixa de Mistos, a que probablemente lle fará falta ós avós de Noelia para prender a cociña de leña cara a que bota a correr nada máis poñer un pé na casa, “é o primeiro que fago, ir á casa de meus avós a darlles a aperta máis grande do mundo e, se é inverno, arrimarme á cociña de ferro e mirar qué hai na pota que está ó lume”.