Carmen: “Agardaba atopar unha cidade moi europea e moderna, e o é, pero por dentro”
Carmen non dubidou en aceptar a proposta da Televisión de Galicia e converterse na correspondente da cadea en Arxentina e Uruguai. “Pareceume unha oferta moi atractiva, arriscada, interesante e, sobre todo, moi enriquecedora profesional e persoalmente falando, todo un agasallo de finais de verán” |
Nome: María del Carmen García de Burgos Velón Idade: 39 anos Profesión: Xornalista Lugar de procedencia: Pontevedra Lugar de residencia: Bos Aires, A Arxentina Tempo de estancia: 7 meses |
A historia de Carmen é unha desas que a todos os que escribimos este tipo de reportaxes nos gustaría ter vivido ou acabar vivindo nalgún momento da nosa carreira, para que enganarnos. Xornalista; curiosa, inqueda e arriscada (non é que a coñeza en profundidade, pero se hai alguén na profesión que non se identifique coa descrición mellor que vaia buscando outra cousa que facer).
A pesares de que a profesión non se atopa no seu mellor momento, (e cal si? Todo sexa dito) Carmen puido dedicarse ó xornalismo dende que rematou a súa formación. “Considérome unha persoa moi, moi afortunada no terreo laboral. Sempre puiden dedicarme ao xornalismo e, ao mesmo tempo, variar e aprender campos e aspectos novos da profesión. Empecei en segundo de carreira facendo prácticas nos informativos Hora 14 da Ser Radio Arousa, e dende entón nunca me separei moito das novas. Prácticas en Hora 14 durante tres veráns seguidos, ata que decidín probar coa prensa escrita, Faro de Vigo, Diario 16… Traballei en La Voz de Galicia, Diario de Arousa, Diario de Pontevedra, Televisión de Galicia (primeiro indefinidamente e logo en listas de contratación)…”
A pesares da súa situación, é consciente do momento na que se atopa o sector en España, e se o compara co que atopou en Arxentina, non queda claro cal sae peor parado… “En España a situación é terrorífica, pero o certo é que dende hai décadas na Arxentina todos os xornalistas teñen, a lo menos, dous traballos en medios distintos para vivir folgadamente”. Isto non deixa de sorprender dende a nosa perspectiva, posto que en España resulta máis ben estraño pensar nun xornalista que traballe en dous medios de xeito habitual (máis alá das colaboracións). “Aquí en Arxentina un xornalista que traballe nun medio importante cobra arredor dos 8.000 pesos de salario base que, segundo co cambio oficial, serían uns 750 euros, malia que dá a impresión de que hai máis traballo”.
Aínda que cruzar o charco parece que esperta esas bolboretas no estómago, a súa chegada á Arxentina non puido ser mellor. Arroupada por amigos e coñecendo famosos a cousa fíxose máis levadeira… “Daba a casualidade de que un amigo meu de Vigo, Anxo, estaba aquí uns días (xusto eses!) acompañando ao músico co que traballa, Xoel López. Foi el, Anxo, quen veu recollerme ao aeroporto internacional, e é moi difícil explicar a tranquilidade e sensación de acollemento que dá saber que ao outro lado do Atlántico agárdache alguén que se preocupa por ti, o meu único vínculo daquela co país. Ademais, máis tarde Xoel e Lola (García Garrido, a súa dona e compañeira inseparable) acolléronme coma se fose unha amiga máis, e tamén foron un soporte moi importante”. (Si, seino, a envexa boa empeza a abandonarme a min tamén…).
En canto á impresión que lle transmitiu a cidade nun primeiro momento, foi bastante decepcionante. Carmen atopou unha cidade máis descoidada do que agardaba, aínda que ó mesmo tempo tamén lle impresionou esa primeira ollada e as primeiras sensacións. “Agardaba atopar unha cidade moi europea e moderna, e o é, pero por dentro. Por fóra é unha cidade colonial un pouco… deixada. Incrible, malia todo. Por dentro e por fóra”.
O abandono do que fala a nosa xornalista, materialízase por exemplo no mobiliario e nas rúas, “as beirarrúas estaban rotas e todo o estragado tarda séculos en arranxarse”. Pero ó mesmo tempo, esa deixadez, choca de pleno coa sensación de agarimo e preocupación dos arxentinos, “son extremadamente educados e, ás veces, máis solidarios ca outras culturas, por exemplo, á hora de prestarse un metrobús cando algún descoñecido non ten para pagar”. Unha calidez na que nos gañan e é que, segundo esta pontevedresa, “son máis abertos e educados que os galegos, pero tamén son menos transparentes”.
Ó mesmo tempo, e pese ó fácil que lle puxeron os arxentinos a súa adaptación, se lle preguntamos pola inseguridade tampouco quere enganar a ninguén. Si, percíbese. Quizais sexa esa a principal diferenza entre os dous lugares…
Como rematará o día?
Traballando nun medio de comunicación, é moi difícil preguntarlle a alguén pola súa rutina diaria. Diso podo dar fe. Máis aínda tendo en conta que Carmen traballa para unha televisión, polo que hai que ter en conta a diferenza horaria… “Hai días que, se hai que facer un falso directo para o informativo do mediodía, hai que erguerse ás 6 para saír correndo a non sabes moi ben onde, e outras que tes que percorrer 72 quilómetros para gravar unha noticia ou reportaxe, e logo outra na outra punta da provincia. Tamén hai outros que produces e planificas a semana enteira, ou que tes que estar pendente dos acontecementos… Cada día é unha aventura que nunca sabes como vai rematar, a diferenza é que na Arxentina normalmente tampouco sabes como vai comezar”.
Desigualdade social
A desigualdade social que hai na Arxentina é quizais un dos aspectos máis salientables á hora de falar de calidade de vida.“Non sabería por onde empezar… É unha gran cidade nun país moi especial. Hai moitísima pobreza e, exceptuando á clase rica e a unha clase media alta cuxa calidade de vida pode ser semellante á nosa, a poboación media non pode permitirse luxos que para nós non o son, como un café nunha cafetería ou unha viaxe anual a un destino turístico que inclúa hotel ou apartamento alugado. Hai moita xente que nunca viu a Patagonia ou Iguazú, por exemplo, as súas dúas maiores xoias”.
Carmen vive nun dúplex no barrio de moda, Palermo Hollywood. A súa casa é moi, moi bonita pero o motivo para collela non foi só ese, “tiven que collelo nesa zona porque é onde está a produtora coa que traballo e preciso que estea a distancia de bici para que sexa unha zona segura para vivir unha muller soa”.
Así é que a bici é aquí a súa grande aliada. E menos mal! É algo que acostumaba a facer en Galicia e que puido seguir facendo. Non pode dicir o mesmo do mar, ó que bota de menos un mundo… “Non poder ir ao mar é durísimo”.
Pola contra, xa se sabe, hai que adaptarse ós costumes, e no caso de Carmen para isto non hai problema ningún ademais. Que hai que ir bailar tango? Pois vaise! Pero iso si, chamémoslle ás cousas polo seu nome, aquí: “ir a milongas”.
A pesares de que non ten queixa da comida, botar bótase de menos, iso sempre! “O peixe, as verduras, o queixo e o marisco! A comida típica de aquí é puramente italiana: o asado, a pasta, os xeados… É abundantísima, riquísima e artesanal. Non hai queixa do que hai, pero non hai moita variedade de nada”.
Ou sexa, pódese atopar case de todo, pero dun tipo moi concreto, “por exemplo, en canto a queixos normalmente só hai cremoso, pero non existe apenas o fresco ou os franceses, ou españois ou calquera outros. Iogures só hai de fresa e vainilla e, segundo en que supermercados, podes atopalos naturais e de ameixa, pero non é tan frecuente, normalmente fresa e vainilla. O zume, de laranxa e melocotón. E leite, só enteira e desnatada. Así con todo. Por norma tes unha ou dúas opcións de cada cousa, non máis”. As restricións nas importacións limitan moito a vida á hora de escoller, e todo o que se afaste un pouco do común hai que buscalo en sitios moi especializados, e mesmo así, custa moito atopalo.
Pola outra banda, o produto estrela dos arxentinos, ese que Carmen traería a toneladas se puidera; os alfajores!
Cunha oferta cultural e de ocio inesgotable, os plans nesta cidade son moitísimos e moi variados. Ademais, para o que ven de fora, todo parece aínda máis grande e interesante.
Se tivera que recomendar un sitio para visitar, resúltalle difícil a escolla, pero fuxindo dos clásicos Carmen recomenda non deixar de ver a libraría Gran Splendid Ateneo, os bosques de Palermo, o club Eros… (Se non a freamos continúa, pero entón teríamos que ocupar o seu dúplex durante un mes polo menos!).
Aínda que no seu caso a pregunta do idioma parece un absurdo, en realidade non o é tanto… Pois vaia que se hai diferenzas! “Malia que pareza o mesmo, non sempre o é…” (Risas).
Iso si, presentarse como español neste caso é unha axuda importante no que ó recibimento se refire. “Ábreche a porta de par en par, entre que lles engaiola o acento español e que aínda nos consideran un país avanzado e civilizadísimo…, admiran moito ós españois”.
Risas e choros
Durante os seus meses de estancia en Bos Aires, Carmen pode contar as anécdotas a milleiros. Hainas para todos os gustos.
Nunha ocasión mesmo exerceu de invitada de honra nunha festa dunha sociedade galega en Arxentina, con aplausos incluídos! Toda unha experiencia, recorda.
Pero tamén as hai menos agradables, “por exemplo, ter que pagarlle a un grupo de xente ás portas do Congreso ou da Casa Rosada para poder gravar sen que che rompan a cámara ou che fagan algo. Aínda así, en xeral, o 99,9% son anécdotas e experiencias boísimas e moi divertidas”.
Outra que lle fixo sorrir en máis dunha ocasión foi a maneira de saudar dos arxentinos, “sempre cun -ola, como estás?, xa sexa o gasolineiro ou o vendedor do kiosco da esquina, é igual”.
Á hora de botar de menos, máis alá da comida, por suposto están a familia e os amigos, a pesares de contar aquí con moitos galegos que lle están a facer sentirse case, case como na casa, “hai unha gran cantidade de galegos aquí, galegos e descendentes deles, é a quinta provincia de Galicia”.
Aínda así estráñase, claro que si… “á miña xente, a toda, ao meu editor, e ao meu único punto de apoio fixo ao longo dos anos: miña irmá, Luz”.
Pois pouquiño lle queda a Carmen para abrazar xa a Luz, ó resto da familia, ós amigos, comer polbo e bañarse na praia. Despois deses imprescindibles, se lle preguntamos polo futuro, polo que virá despois, só ten unha cousa clara, “para empezar brindar con vós, iso seguro”. A vosa saúde!