Iván: “Vese que é un país pobre a simple vista, non fai falta indagar moito”
Xa nos tardaba nesta sección un “quedei por amor”. Menos mal que inda quedan románticos! Tantas historias que vimos coñecendo e aínda non déramos con ninguén que fora pasar unha tempada e acabara namorándose de algo máis que da cidade. |
Nome: Iván Piña López Idade: 26 Profesión: atención ó cliente en Becton Dickinson (empresa que vende material médico e de laboratorio) Lugar de procedencia: Ourense Lugar de residencia: Wroclaw (Polonia) Tempo de estancia: 4 anos e medio |
Pois para inaugurar a corrente romántica do noso “Galegos por aí adiante” chegou Iván. Este ourensán chegou a Polonia vai xa para cinco anos, fíxoo por mor dunha beca Erasmus que o levou á cidade de Lodz e o que ía ser unha tempada de estudo duro e mellora do idioma (nada de festa e diversión por suposto, todo moi serio), acabou converténdose no inicio dunha nova vida.
Rematado o Erasmus, e vendo as poucas posibilidades que lle ofrecía Galicia, decidiu buscar traballo e establecerse en Polonia, onde coñecera á que hoxe é a súa moza, e culpable en boa medida da decisión.
Aínda que daquela levaba xa un tempo no país, a vida de estudante pouco ten que ver coa que ven despois, e non agocha os medos iniciais. “Por un lado non me quedaba outra que marchar, porque as oportunidades alá eran mínimas, e para aquí vin moi ilusionado e disposto a aproveitar a aventura e coñecer unha cultura diferente. Traballar e vivir aquí non ten nada que ver co Erasmus, onde case vives nunha burbulla”.
Tras estudar Comunicación Audiovisual, Iván fixo un máster de marketing en Polonia, pero tampouco aquí puido exercer a súa profesión. “Os traballos que tiven aquí en Polonia sempre estiveron relacionados coa atención ó cliente en multinacionais. Se non tes un nivel moi bo de polaco non podes optar a outro traballo que non sexa algo no que empregues o teu idioma nativo e para multinacionais”.
En canto ó sector audiovisual, aquí en Polonia aínda non está desenvolvido, polo que a situación é bastante diferente á que temos en España, malia que no noso país agora tampouco se atope no seu mellor momento. “A miña é unha profesión creativa, e en tempos de crise é do que primeiro se recorta. O malo é que en Polonia para poder optar a traballar nel, primeiro tes que saber o idioma e despois, ter enchufe”.
Segundo Iván, a primeira impresión que transmite Polonia non é nin moito menos agradable. “É un país que estaba metido no comunismo ata hai pouco máis de 20 anos, entrou na Unión Europea hai uns 10 anos e tendo en conta todo isto, está aínda pouco avanzado economicamente”.
Isto reflíctese en todo; nas rúas, nas estradas, no tipo de construcións e mesmo no estado no que se atopan. Quizais isto é o que máis sorprende deste país cando o pisas por primeira vez, “vense os edificios caendo a cachos e as estradas moi envellecidas, en xeral, en comparación con España e con Galicia, a sensación é dun país pobre”.
Aínda así, tamén é certo que se comezan a ver avances, e pouco a pouco Polonia estase achegando ao nivel de vida da Europa occidental “pero aínda falta un treito, vese que é un país pobre a simple vista, non fai falta indagar moito”.
En canto á cidade de Lodz en concreto, que foi na que Iván viviu o seu Erasmus, é unha cidade moi industrial e, segundo nos di, moi fea, con pouco que amosar. “Coa verdade por diante é así, e mesmo impresiona un pouco ó principio porque non da sensación de seguridade. Ten moi pouca iluminación e a pobreza que predomina fai que a xente sexa bastante pechada ós estranxeiros”.
“Ola”, Dzien dobry
E se xa de por si é complicado relacionarse, o idioma tampouco facilita as cousas, claro. “Cando cheguei tiven axuda duns compañeiros polacos que coñecín en Santiago, axudáronme e guiáronme moito, pero si que é certo que o idioma é moi difícil e moi diferente dos idiomas latinos, polo que os primeiros meses case non podes ir só a ningún sitio, nin sequera a comprar comida ou calquera outra cousa básica”.
Quizais un pouco por este motivo, e pode que outro pouco por unha cuestión cultural, a maior parte dos amigos cos que se relaciona Iván son españois, portugueses e italianos, “os polacos non son moi sociables, sobre todo os homes, que nos ven máis como unha ameaza que lles quita o traballo e ás rapazas que como amigos”.
Se tivese que definir ós polacos nunha palabra, a que primeiro lle ven á cabeza non os deixa en moi bo lugar… “Se tivera que empregar unha soa palabra sería insolidarios, os galegos saímos gañando, sempre dispostos a axudar e botar unha man no que faga falta”.
Con respecto ó idioma, a mellora é considerable con respecto a cando chegou, pero aínda así… “Agora podo apañarme máis ou menos para o que preciso; como ir á tenda, botar gasolina, preguntar por direccións. Pero estou moi lonxe de dominalo. Iso si, cando cheguei aquí practicamente só dicía Dzien dobry! (Ola!)”. Dúas palabras para dicir ola? Si, sinxelo non é.
Así é que con esa mestura de nacionalidades,latinas na súa meirande parte, pasa Iván o seu tempo libre, o que lle queda a partir das catro da tarde que sae de traballar.
A súa xornada comeza ás oito da mañá e para chegar ó traballo non precisa moito tempo, tanto é así que se ergue ó redor das sete, “cando aquí xa é día aberto de todo, sobre todo no verán que o sol sae ás catro da mañá”.
A pregunta de, que é o que máis botas de menos? Ten neste caso unha resposta sinxela, “a comida, sobre todo a comida, boto moitísimo de menos a comida galega”. Non o dubida nin por un momento posto que, aínda que as comparacións son odiosas (neste caso non tanto porque adoitamos gañar, pero bueno son odiosas), asegura que a comida polaca para un galego é moi pobre, “con moi pouca variedade e de pouca calidade, ademais fan mesturas moi estrañas”.
Mesturas que nada teñen que ver coas nosas combinacións, esas que tanto se botan de menos… “Hai cousas que en Galicia non me parecían nada especial e que agora mataría por telas; uns bos grelos, ou o lacón, marisco e peixe, que aquí case non hai. E tamén o queixo!”.
E que é o típico da gastronomía polaca? “As comidas más destacadas de aquí son case sempre con patacas, e despois hai unha especie de empanadiñas, chamadas pierogi´, tamén moi típicas. Pero nada que ver coa nosa empanada! Por suposto destacan as salchichas, que as hai de mil tipos, pero ningunha que se asemelle ás nosas chourizas”.
O que si é certo é que unha boa costume si que colleu Iván do estilo de vida polaco, “tiven que deixar de cear copiosamente, aquí á hora da cea sempre se come moi, moi lixeiro, e de feito está mal visto comer moito antes de ir durmir”. Será porque lles falta a empanada e os chourizos…
Un país barato para vivir
Con esta radiografía que levamos feita ata o de agora, non nos sorprende que se trate dun país barato para vivir. O cambio está ó redor de 1 Euro – 4 Zlotys e o nivel de vida está moi por debaixo da media da Unión Europea.
Os salarios dan para saír adiante cos prezos que teñen aquí os produtos de primeira necesidade, pero iso si, non para aforrar. “O máis barato é a comida e todo o que son produtos domésticos, pero cousas como a roupa, a electrónica e a gasolina teñen o mesmo prezo que podemos atopar en España e sen embargo, os salarios que son a metade dos españois, esa é a razón pola que aínda é un país empobrecido”.
Un traballo nunha oficina pode roldar os 600 – 700 euros. Se falamos dun soldo de 1000 euros, estamos xa ante os afortunados. “Nun restaurante pagas entre cinco e sete euros por un prato bo de comida, e algo xa máis caro está polos 40 ou 50 Zlotys, que son entre dez e doce euros”.
Se buscamos algunha similitude, algo que teñamos en común, a busca semella complicada e a Iván non lle resulta sinxelo atopar o parecido, “é unha idiosincrasia totalmente diferente, a xente é moito máis pechada e ás veces mesmo algo racista. A única similitude que podería chegar a haber é a que ten que ver co clima, que non destaca por ser especialmente bo. E aínda así, en Galicia somos bastante afortunados”.
Invernos moi duros
E tanto que somos afortunados! Sobre todo cando nos comparamos con invernos nos que as temperaturas poden baixar ata os 20 graos baixo cero. A neve cubre toda a cidade e todo os servizos quedan bloqueados. “Eses son os días máis difíciles, porque só podes ir do traballo á casa e da casa ó traballo”.
E case mellor que non fagas moito máis, sobre todo se recordamos a situación que lle tocou vivir a Iván hai algún tempo, “fomos a unha cidade da costa que está a sete horas en tren, era inverno e o noso vagón tiña a calefacción avariada. Fora había uns -15 graos e, sobra dicir que o pasamos realmente mal. Tiven que sacar toda a roupa que tiña na maleta e poñela por enriba para poder soportar a viaxe”.
E non pensen que é tan complicado isto de que o tren teña algo avariado, ou que non estea claro o seu destino, “o de coller o tren equivocado porque estaba mal indicado, pasoume varias veces, para despois ter que baixarte e esperar nun pobo no medio da nada ao tren correcto”.
Polonia é un país no que a relixión ten un peso moi importante, e son costumes e tradicións moi presentes na vida cotiá dos polacos.
Este foi outro dos aspectos cos que se atopou Iván ó relacionarse con eles, “o feito de seren tan relixiosos provoca situacións curiosas, como ter que tomar o almorzo en traxe e ben vestido nalgúns días concretos da Semana Santa ou do Nadal”.
Pero sen embargo, fora das formalidades, no día a día, non hai que esquecer sacar os zapatos cando entras na casa de alguén. Costumes ás que un se vai acostumando a forza de vivilas.
En canto á recomendación que sempre nos gusta escoitar de quen coñece o país, neste caso non falamos dun monumento concreto ou un lugar especialmente destacado, “recomendaría visitar cidades en xeral, na que eu vivo, Wroclaw, é unha das máis bonitas, sobre todo a praza central. Despois tamén Cracovia e, por suposto a costa, Gdansk”.
E é que malia ser ourensán, o mar é algo que Iván leva con el e telo lonxe custa, “cando vou a Galicia o primeiro que fago é comer empanada! (Risas) Bueno non! Primeiro ver ás persoas que quero, e antes de volver, teño que ver o mar polo menos unha vez, obrigatoriamente. Aquí vivo a uns 700 quilómetros da costa e é algo que boto moito de menos”.
Estrñando ós galegos
E ademais do mar… A familia. Estraña ós seus pais, á súa avoa e ós seus amigos “de sempre”. Tamén paisaxe galega e a forma de ser que temos aquí, “a forma de ser das persoas, boto en falta á xente galega en xeral”.
Malia todo, polo de agora non ten pesando volver a Galicia, aínda que si planea xa a súa marcha de Polonia. “A miña moza e máis eu imos comezar unha nova vida en Irlanda, un país un pouco máis amable, desenvolvido e con mellores salarios. Polo momento non penso en volver, e non porque non queira, senón polo aspecto laboral e porque a miña rapaza non fala o castelán (comunicámonos en inglés)”.
Se en Polonia non encontras traballo sen o polaco, aquí máis do mesmo sen o español, polo que Irlanda non parece mal destino para esta parella que precisa o inglés máis que ninguén se me apuran. Haberá que deixalos que asenten por alá e que lles parece Irlanda? Non soa mal veradade? Pois igual temos que ir preparando unha paradiña por alá…