Nuria: “Cando un estranxeiro chega ao sur de Italia chora dúas veces, cando chega e cando marcha”
Se unha porta pecha é seguro que outra se abre. Iso sábeo ben Nuria Gómez que un día se armou de valor, abandonou o seu Vigo natal e decidiu apostar por Italia para vivir unha nova experiencia aprendendo un novo idioma e coñecendo unha nova cultura. Unha aventura que, aínda que comezaba con data de caducidade, foi mudando co tempo, as xentes e as oportunidades para acabar convertendo Reggio Calabria no seu segundo fogar. |
Idade: 29 anos Profesión: Publicista Procedencia: Vigo Lugar de residencia actual: Reggio Calabria Tempo de estancia: Desde o 2010 (4 anos) |
Cando as oportunidades no teu sector comezan a escasear é o momento de arriscarse, e iso mesmo pensou Nuria, a nosa protagonista de Galegos por aí adiante. Tras licenciarse en Publicidade e Relacións Públicas e finalizar un período de prácticas enfrontouse á realidade de moitos xóvenes universitarios, comezar a enviar curriculums sen obter resposta.
No caso de Nuria a situación foi solventándose coa súa gran afección, a música que, ao contar co grao medio de percusión, permitiulle solapar esa busca de emprego con impartir clases a cativos. Pero chega un punto no que é preciso pararse a pensar porque “ou te moves ou caducas. Precisaba un cambio e prensenteime a unha bolsa Leonardo Da Vinci. Cando cheguei á entrevista o único lugar onde podíamos ir era Reggio Calabria. Non sabía nin sequera en que parte de Italia estaba, e coa mesma busquei en Google, vin que había mar e sen pensalo dixen que si”.
Está claro que as estancias curtas non poden cambiar moito a situación e Nuria era coñecedora diso “Sabía que en 3 meses non podía aprender perfectamente un idioma e era unha pena marchar cando un está comezando a soltarse; por iso cos cartos que aforrara coas clases de música estaba esperando a unha oportunidade para investilos e vino claro cando me deron a beca. Así que ese diñeiro destineino a intentar demostrar que fóra de España tamén tiña o meu lugar”.
Amor a primeira vista
A chegada a Reggio foi unha auténtica mixtura de ilusión e medo aínda que a súa primeira visión da cidade dende o avión, o Estreito de Messina iluminado polo reflexo das luces no mar, xa era sinal de que o cambio que comezaba na súa vida sería inesquecible… “Nunca pensei que esa sería a miña vista preferida.” Aínda que o traxecto ata o seu novo fogar era máis un “onde te metiches Nuria!” coas rúas marcadas pola escuridade, unhas casas que semellaban vellas e decoracións moi antigas. Non obstante, foi abrir a fiestra e ver o mar, con Sicilia enfronte, e Nuria só precisou un día para namorarse da cidade, “ese momento recordoume moito cando desde a miña casa miro Cangas”.
Neste primeiro contacto a xente, as súas costumes e as súas tradicións marcan inevitablemente a adaptación a un novo lugar. “A xente era moi amable, recordábame moito a Galicia, case sen coñecerte abríanche as portas da súa casa. Os tres primeiros meses aproveiteinos como se fosen os últimos” e agora, co tempo transcorrido, a nosa protagonista mesmo acaba cos mitos italianos sobre o sur do país, “o principio todo o mundo cando escoita o nome Calabria pensa directamente na mafia. Anos despois, afirmo que non me sentín nunca tan segura como aquí… como din na película Benvenuti al Sud: Cando un estranxeiro chega o sur chora dúas veces, unha cando chega e outra cando marcha”.
A primeira oportunidade, fóra de Galicia
O namoramento de Nuria con Reggio non podía acabar aos tres meses que duraba a beca polo que cando decidiu quedarse tivo a gran sorte de conseguir traballo nunha gráfica publicitaria da que garda os mellores recordos, na que se sentía valorada e na que a súa opinión contaba. Pero a crise non entende de fronteiras e transcorrido un ano a empresa tivo que pechar, polo que Nuria comezou a buscarse a vida e, paralelamente, esta situación levouna a mellorar no idioma chegando a traballar “nun call center vendendo adsl e internet para continuar nunha gardería con cativos de 6 meses a 8 anos. Curioso, porque marchei de Vigo para non estancarme no perfil de mestra e… se non querías caldo, sete tazas!” Dende hai máis dun ano a súa oportunidade laboral está ligada ao traballo na Asociación Cultural ENEA que xestiona proxectos de movilidade internacional similares á súa beca.
Anhelando a choiva?
As diferenzas entre os países do sur de Europa non soen estar moi marcadas, non obstante, hai certos aspectos da cidade e o estilo de vida dos calabreses que chaman a atención a esta viguesa, pois non leva moi ben que ás 5 da tarde sexa noite pecha durante o inverno ou que teñan moi pouco aprecio polo seu; a limpeza e conservación da cidade, as praias e os monumentos… pois desmerece a beleza natural de Reggio.
Outro deses detalles que sorprenden no día a día é que os billetes para os transportes urbanos só se poden mercar en estancos e, aínda que moitos deciden subir sen pagar… ou te enfrontas a unha posible sanción ou acabas indo a pé a todas partes. Pero se hai algo que defina Galicia e que nunca Nuria pensou que estrañaría é a choiva “se mo chegan a dicir fai uns anos… tanta calor tenme frita!” e por suposto a calidade das praias “estou ata as narices de pisar pedras!”.
Nesas pequenas pero significativas diferenzas entran, por suposto, os termos económicos pois, aínda que non se trata dunha cidade cara a electricidade resulta case un artículo de luxo “a primeira vez que chegou a factura do piso e vin 300 euros… creo que a miña cara foi todo un poema”. Seguindo co aspecto monetario, cóntanos Nuria como nos comezos pecou de inxenua cando, cunha dermatite importante, foi ao hospital nun taxi que, por dous quilómetros lle cobrou 40 euros para que ao chegar por non ser un código prioritario ter que pagar. A pesar de contar coa tarxeta sanitaria europea “aínda hoxe sego sen saber para que serve!”.
Socializar á italiana
Se hai algo que define a Italia é a calidade dos seus cafés e, como tal, ese momento convértese en todo un ritual no que se iniciou a nosa protagonista “na miña vida soportei o café, e desde que estou aquí confeso que non podo vivir sen el” aínda que sempre debe distinguir en se queda para un café á española ou á italiana, xa que o habitual é tomalo de pé en menos de 3 minutos, marchar e repetir este proceso unhas tres ou catro veces ao día.
No que a ‘marcha’ se refire, o xeito no que se divirten os xóvenes resulta un pouco estraño, pois na cidade só hai un par de discotecas “pero os venres e sábados pola noite a xente acostuma a pasear polo paseo do centro en inverno e pola Vía Marina no verán; podes saír só porque sabes que aí vas a atopar a todos”.
Pero esta inquieta viguesa non é de estar soa, e falar e conxeniar coa xente é o que a move. Por iso, aínda que ao principio se vía limitada polo descoñecemento do idioma, e tras situacións anecdóticas polas que unha soa letra pode cambiar o sentido da frase, agora declárase case unha italiana de pro. “Algúns non notan que son española, pensan que son do norte e se me descoido incluso falo un pouco de calabrés!” Estas ansias por coñecer máis da súa nova cidade e mellorar a súa fluidez no idioma levárona a compartir piso con dúas rapazas italianas coas que garda unha boa amizade aínda que na actualidade volve a compartir piso con españois. Trátase dunha cidade con gran afluencia de estudantes Erasmus e, xunto coa súa labor en ENEA fan inevitable que os españois, de cando en vez, invadan a cidade.
Familia, amigos, comida e… verbenas!
Lonxe da terra o que máis morriña esperta sempre entre os galegos por aí adiante sempre é a familia e os amigos. No caso de Nuria seus pais, súa irmá e súa avoa son os seus grandes anhelos fóra da casa e, como non, os seus canciños Leo e Blas que cada vez que lle fala por teléfono se volven tolos por ela!.
Sen embargo, máis aló da familia e os amigos, hai que ser sinceros, sempre está a comida e esta viguesa soña con volver probar un bo polbo á feira ou un prato de mexillóns e, sen dúbida, un vasiño de albariño ou un chupito de licor café. Por iso, o primeiro que fai cando chega a Galicia é saudar aos seus e “baixar correndo tomar unha Estrella Galicia ben fresquiña e unhas tapas… como boto de menos ir de furanchos e de verbenas!”
Recomendacións
Está claro que para quen estea pensando en visitar Reggio o primeiro que deberá facer e probar os xeados e os cafés famosos por toda Italia, pero non poderá deixar a cidade sen probar algún dos seus pratos máis típicos como a pasta con peixe –especialmente con peixe espada- ou comer o tradicional bocadillo de criollo nas festas da cidade.
Obrigatorio é tamén visitar o Museo da Magna Grecia onde se atopan os Bronces de Riace, dúas estatuas gregas topadas no fondo do mar e que datan do século V a.c. Así meso, a nosa guía particular convídanos a descubrir a beleza do Lungomare (paseo do mar) que está considerado o ‘Kilómetro più bello dell´Italia’ con vistas a Messina e ao Etna. Outra das paraxes que deben visitarse é o Castello Aragonese e o Duomo (catedral) no que durante o mes de setembro baixan a preciosa imaxe da Madonna della Consolazione.
Está claro que, para Nuria, Reggio xa é o seu segundo fogar. Por iso, a todos os que estean pensando en descubrilo convídaos a dar ese paso e deixar os medos na casa pois, como di a nosa viguesa “que é o peor que pode pasar? Que teñas que volver á casa? Tampouco é nada malo. Eu intenteino e supereino con boa nota”. Aínda que a súa vida agora mesmo está en Italia tentará regresar á súa casa, pois os seus tiran moito pero de seguro que cando regrese a Galicia, sexa máis cedo ou máis tarde, na súa memoria sempre gardara o grato recordo da súa estancia en Reggio Calabria.