publicidade hoxe
José e Mila: “Os americanos son reservados pero nós incluso convidamos a cear na casa a un senador!” - Cabecera

José e Mila: “Os americanos son reservados pero nós incluso convidamos a cear na casa a un senador!”

jose-e-mila-cerezos

Percorrendo o mundo chegamos a unha parella galega que demostra que, pese ao éxito e a calidade de vida acadada no país da liberdade e dos soños… continúaos invadindo esa morriña pola súa terra despois de máis de 30 anos residindo na capital mundial da política, Washington DC. Aínda que cada ano regresan a súa Vila de Cruces natal hai algo, ademais de familia e amigos, que José e Mila, como bos cociñeiros, botan moi en falta… o polbo, o marisco e o xamón!

jose-e-mila-

 

Nome: José Jesús Pampín e Milagros Pereira

Idade: José 60 e Mila 57

Profesión: José chef de cociña e Mila empresaria de Catering

Lugar de nacemento: Vila de Cruces

Lugar de residencia actual: Washington DC, Estados Unidos

Tempo de estancia: José 35 anos e Mila 39

A historia de José e Mila seméllase á de outros moitos galegos que viaxaron en busca dunha oportunidade fóra da terra aínda que neste caso agocha un motivo moito máis valioso, ese que dita percorrer o mundo para estar ao lado da túa parella. Si, José e Mila xa eran noivos na súa Vila de Cruces natal e, cousas do destino, Mila tivo que trasladarse ata Estados Unidos e José, como bo galego, non podía permitir que un charco como é o Océano Atlántico o separase da muller da súa vida (non o digo eu, dio o tempo, pois xa van alá uns 40 anos como parella); así o afirma José con toda a naturalidade, “Mila máis eu eramos mozos e… eu viñen detrás dela”.

Creando Mila´s Catering

Dito é que o proceso de adaptación non resultou tan complicado coma noutros casos xa que, Mila contaba con familia en Washington e mesmo un tío dela lle deu a primeira oportunidade laboral a José nun hotel de praia. Aínda así, os comezos son duros nun lugar descoñecido pois José asegura que nun primeiro momento “non me sentía moi a gusto na cidade, estaba como perdido e a verdade e que case regreso para Galicia”. Aínda así permaneceron e, avatares da vida, chegou un punto no que esta parella galega se separou, momento no que José se trasladou a Nova York, onde se iniciou traballando como cociñeiro en diferentes clubs de golf, algo bastante distinto ao que estaba acostumado, pois en Vila de Cruces traballara na empresa familiar, unha fábrica de roupa de home.

jose-e-mila-con-bill-clintonPasou o tempo e, como o destino é o que manda, Mila e José volveron a reencontrarse e acabaron creando a empresa Mila´s Catering que ofrece os seus servizos en diversos eventos aínda que, cabe reseñar, algúns deses actos son para senadores e políticos de renome… pois non calquera chef pode presumir de comensais como Bill Clinton na súa etapa como presidente, pero os nosos galegos si, e ata inmortalizaron o momento!

Socializando con retranca

A vida en Washington afirman que dista da galega, especialmente no carácter da xente, “aquí a xente é máis reservada, en Galicia somos máis abertos” pero máis de trinta anos fóra da casa non cambian a un galego de pro que invita á xente a súa casa con toda naturalidade “aínda que algún americano se estraña… incluso cheguei a convidar a cear á casa a un senador!”. Esa mesma espontaneidade permítelle saír airoso coa súa retranca cando o de ser español non se sabe se axuda pois “unha vez un reporteiro do New York Times preguntoume de onde era, eu díxenlle que de España e quedoume mirando, polo que lle dixen que dalgún sitio había que ser… e botouse a rir”.

Vida americana con estilo galego

jose-e-mila-na-sua-hortaNo que confire aos salarios, asegúrannos que son superiores a España aínda que as diferenzas redúcense no que a vivenda se refire, sempre que se teña en conta que se trata dunha gran cidade, “un piso pódese adquirir por 250.000 dólares e os alquileres están sobre uns 1.500 dólares, pero como no caso das parellas, soen contar con traballo tanto o home como a muller, dáse vivido sen moito problema. A comida tanto no supermercado coma nos restaurantes é máis barata e un coche normal rolda os 30.000 dólares”. No caso de José e Mila, dispoñen dunha “casa bastante ampla que conta con xardín e horta… ata temos pementos de Padrón!“.

Neste punto, o da comida, xa chegamos á gran disxuntiva, pois aínda que hai moi bos cociñeiros en Washington, a presenza da comida rápida e pouco saudable desmerece a calidade culinaria. Algo do que entenden, e moito, os nosos protagonistas, para quen non supón ningún problema de portas para dentro, pois os seus xantares son similares aos de Galicia, mesmo te poden convidar a tomar unha Estrella Galicia compartindo xantar con outros galegos residentes mentres na televisión están a emitir o programa máis internacional, Luar. Non obstante, unha asignatura pendente só se pode solventar nas súas visitas cada verán a Vila de Cruces para darlle unha gran aperta á familia e amigos e ‘zamparse’ un bo “polbo á feira, unha mariscada e xamón… se pode ser de pata negra, mellor!” -afirma José-.

jose-limpando-de-neve-o-acceso-a-casaPero 30 anos lonxe da casa inevitablemente cambian á xente e no caso de José o seu cambio estivo marcado pola cociña, comezando a súa labor como chef en Estados Unidos e iniciándose na práctica de deportes polos que antes non procesaba demasiado entusiasmo, como é o golf. Aínda que afeccións como o fútbol continúaa mantendo xunto con outros latinos residentes; iso si, no camiño quedou a tradicional partida de cartas cos compañeiros despois do xantar.

Unha cidade distinta coas cerdeiras en flor

Na súa despedida dende as terras americanas José e Mila animan aos galegos que estean pensando no destino Washington D.C. a que descubran as numerosas posibilidades que agocha, pese á dificultade de conseguir os papeis de traballo, pois “cando chegas sempre queres coñecer sitios novos… aquí hai moito que ver e sería difícil quedarse só con unha ou dúas cousas que chamen a atención, o Monumento a Washington, o Capitolio, a Casa Blanca… trátase dunha cidade que alberga numerosos monumentos e museos e todos se poden visitar gratis. Aínda que a mellor época é a primavera, para pasear polo parque West Potomac que alberga 3.000 cerdeiras e poder gozar da súa floración; mesmo se celebra o Festival Nacional das Cerdeiras en Flor. Fóra do estado, por todo o país se atopan lugares fermosos, moita disparidade… é un país enorme por descubrir”. Aínda así, esa morriña coa que nos recibían José e Mila regresa sutilmente na súa despedida xa que “Galicia sempre será a nosa casa, o noso país, aínda que en Washington se está moi ben… o de quedar na terra gustaríanos pero só o tempo o dirá”.

 

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 6 de Agosto do 2014 | 12:13 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante