publicidade hoxe
Ángela: “Berlín é moi barata, e iso que é a capital dun dos estados máis poderosos de Europa” - Cabecera

Ángela: “Berlín é moi barata, e iso que é a capital dun dos estados máis poderosos de Europa”

angela-3

A vida do emigrante do século XXI, en busca dunha oportunidade laboral, pouco dista da que anos atrás viviron nosos avós. Iso mesmo nos transmite Ángel Pontes, unha xornalista compostelá que se atopa en Berlín cumprindo o seu soño. Non obstante, a nosa protagonista de Galegos por aí adiante ábrenos os ollos para descubrir que, aínda que dende a distancia se transmite que Alemaña é a nova terra das oportunidades,  para conseguir o éxito hai que ir moi preparados, con moitas ganas e ter moita, moita paciencia.

angela-2Nome: Ángela Pontes Rodríguez

Idade: 25

Profesión: Xornalista e fotógrafa

Lugar de procedencia: Santiago de Compostela

Lugar de residencia actual: Berlín, Alemaña

Tempo de estancia: 2 anos e un mes

Como acabaches neste país? Por que motivo estás aquí?

Cheguei a Berlín xa hai dous anos con motivo dunhas prácticas Leonardo da Vinci. A beca duraba só seis meses pero ao final atopei traballo e aquí quedei.
 
Dirías que viñeches ilusionada, con ganas, ou porque non quedaba outra?

Vin ilusionadísima, chea de enerxía, positivismo e forza. Quería vir a Berlín dende o ano 2008. Daquela fixera unha viaxe dende Lodz (Polonia) onde estaba de Erasmus ata a capital de Alemaña e quedei abraiada, namoreime da cidade e do seu estilo de vida. Tanto que cando rematei o Erasmus en 2009 e regresei a Compostela, apunteime a estudar alemán na EOI. Despois o destino, moi sabio, tróuxome a Berlín coa Leonardo da Vinci. Todo azar.
 
Estaste dedicando á túa profesión?

Xusto cando vin para Berlín non estaba traballando. A finais de abril rematei os meus estudos en Fotografía Artística e o 12 de maio vin para Berlín. Anteriormente, traballara no El Corte Inglés en diferentes campañas promocionais dende o ano 2007. No meu campo de traballo, xornalismo, só tiven a oportunidade de facer unhas prácticas de 6 meses en AGN (Axencia Galega de Noticias) e unhas de 3 meses na Radio Galega. Ahí estiven en ‘Galicia por Diante’ no último mes e deume moitísima pena marchar, porque estaba moi contenta e aprendendo moito. O equipo é fantástico. En Berlín traballei no meu campo durante o período da Leonardo e medio ano xusto despois de xornalista freelance. Cando decidín deixalo era marzo de 2013 e non volvín a traballar no meu campo ata un ano despois en COTRI (Heide) de PR&Communication, pero de prácticas… moi triste, pero é o que hai. Estiven traballando tamén na recepción dun hotel un mes e medio. O hotel rexido por uns españois… iso é outra historia… e xusto despois atopei un traballo nunha perfumería online de outubro de 2013 a febreiro de 2014. Moi, moi contenta. Só con alemáns e algún estranxeiro máis. Xente boísima e encantadora. Agora busco traballo de novo… pero a miña experiencia xa me di que é moi difícil polo que me centro en mellorar de novo o meu inglés. Sacar o certificado do C1 e buscar fóra de Alemaña.
 
Como se atopa o teu sector en España e como se atopa aquí? Que diferenzas hai?

En España… horrible, espantosa. Dame noxo ler os xornais ou ver a tv, de feito xa fai moitísimo tempo que nin a vexo por internet. En Alemaña é para os alemáns tamén difícil entrar pero unha vez dentro, xa está todo feito. Pero os estranxeiros temos sempre o handicap do idioma. Teño un b2 (nivel intermedio alto) da lingua pero obviamente non é suficiente para un xornalista.
 
Como foron os comezos?

Todo preparado. Xa dende Santiago atopara un Couchsurfer para pasar uns días mentres buscaba piso -tarefa dificilísima en Berlín, tanto ou máis que atopar traballo-. O couchsurfer veume buscar na praza na que quedaramos e así fun de Couch(Surfer) en Couch(surfer) ata o 1 de xuño que entrei no meu piso.

Explícanos, como funciona o do “couchsurfer”?

Couchsurfing é unha comunidade de viaxeiros. Cando alguén quere ir a algunha cidade en calquera país ou dentro do teu, podes rexistrarte nesta web como couchsurfer e encontrar un sitio onde durmir con alguén que viva nesa cidade ou simplemente contactar con esa persoa para que che ensine de primeira man o lugar no que te vas a quedar e evitar os sitios turísticos… está moi ben. Eu fíxeno como couchsurfer (buscadora de couch, sofá) onde pasar a noite e tamén saír por aí cos meus courchhoster (os que me acollen) e así ensínanme mellor os sitios de calquera cidade na que estea.
 
Angela-nun-mercado-alemanRecordas as sensacións? Que che fixo sentir a cidade nun primeiro momento?

Emocionada e vivindo o meu soño de estar en Berlín, como unha berliner máis e non como unha turista.

E o que máis che chamou a atención?

A liberdade ou o “pasotismo” da xente. Da igual como vaias peiteada, vestida ou as tolerías que fagas na rúa. Ninguén te vai ollar mal, nin dicirche nada. É a túa vida e ti fas o que queiras. Realmente, tiña que ser así en todas partes. A sociedade de hoxe en día vive moi preocupada polo que pensan os demais e a imaxe. En Berlín iso non pasa. É liberdade absoluta.
 
Como é o teu día a día aquí?

Agora ao ter que buscar de novo traballo, érgome ás 8 am, almorzo e busco traballo. Logo vou ó ximnasio, estudo algo de inglés e alemán para non esquecelos e listo. Agardando novas oportunidades.
 
Hai moitas diferenzas neste sentido con respecto a Galicia, no que solemos chamar, calidade de vida?

Moitísimas. A xente, o trato humano, iso xa é o primeiro e o máis importante. Logo a comida naturalmente.

Onde vives? Nun piso, nunha casa? Só ou compartido?

Sempre vivo e vivín en piso compartido, é o normal en Berlín e en case toda Alemaña.

Economicamente como dirías que é esta cidade?  Vai acorde ós salarios e ó nivel de vida?

A cidade é moi barata, non lle atopo diferenza con Santiago e iso que é a capital dun dos estados máis poderosos de Europa pero os salarios aquí son moi baixos. Berlín é a rexión máis pobre de todo o país e onde a tasa de paro é a máis alta. Vese moita pobreza pola rúa: vagabundos, xente borracha. Unha pena… pero aquí é onde se pode palpar a historia: o muro. Todo ten a súa explicación.

Na parte este de  Berlín, a ex comunista hai moita pobreza. Vese xente de 40-50 anos completamente perdida, destruída polo alcohol e as drogas, o que leva a que non teña á súa idade un traballo digno e vivan todos das axudas do estado. Ademais debido á situación política na que lles tocou vivir unha gran maioría non tivo acceso a estudos primarios ou secundarios, o que os imposibilita aínda máis a busca dun traballo. Os que teñen máis sorte logran un posto en almacéns, axudantes de algo ou nalgún super… A xente do oeste de Berlín é o oposto. Tiveron estudos, saben inglés e iso abriulle moitas portas, por iso digo que a historia da caída do muro aínda se palpa na sociedade de hoxe en día.
 
angela-ante-o-restaurant-galegoE en termos xerais, cales son para ti as maiores diferenzas con respecto a Galicia?

O trato humano, a gastronomía.
 
E hai algunha similitude?

Ningunha
 
Que é o que máis botas de menos?

Aínda que pareza un tópico típico máis luz en outono-inverno. Marca moitísimo o carácter da xente.
 
E a quen máis botas de menos?

A todos en xeral: familia, amigos e a miña cadela!!!!

En canto á comida, como o levas? Como é aquí a comida? Que traerías se puideras?

Vou levándoo, xa despois de dous anos acostumeime. So levaría a Galicia as galletas de chocolate máis ricas que probei na miña vida: HANUTA!!
 
Algo que che gustaba facer cando vivías en Galicia e que non puideches continuar facendo aquí?

Saír coa miña cadela a dar longos paseos e cando chega o verán ir a praia cos meus amigos. Tiñámola preto, aquí teño que pasarme polo menos 3 ou 4 horas en coche. Boto moito de menos o mar.
 
Gardas algunha anécdota que che pasara neste tempo?

Buf moitísimo que contar… o meu profesor de alemán e os meus amigos dinme sempre que comece a escribir un libro… sen bromas. Vida do emigrante século XXI. Non moi distante á dos nosos avós.
 
Como é a xente nesta cidade, moi diferentes dos galegos?

Totalmente. As comparación son odiosas.
 
E o idioma? Como o levas? Tiñas idea del?

Si, cando fun a Berlín, estudara na EOI de Santiago ata o nivel A2, pasando o exame, o que quere dicir que tiña o coñecemento básico da lingua. Logo aquí acadei ata o intermedio alto (B2), compaxinando ir ás clases, estudar e traballar. Non foi doado, por iso, custoume tanto… O alemán é difícil e máis aínda cando non dispós de tempo para sentarte a estudar.
 
Recoméndanos un sitio, un monumento ou algo que temos que facer si ou si, se vimos coñecer este lugar.

Facer o free tour e logo vivir Berlín como ten que ser, de noite, open airs. Vida na rúa, festivais. Todo moi underground.
 
angela-berlinAlgún costume ou tradición curiosa deste país?

Naturalmente o Oktoberfest pero Berlín ten dúas festas moi especiais: O 1 de maio e o Carnaval das Culturas. Incribles!
 
Abre as portas dicir que es español ou máis ben as pecha?

En 2012 non pasaba nada… hai un ano e medio para aquí, si. Somos moitísimos e non gusta moito.
 
E hai moitos galegos aquí?

Galegos só coñezo a unha rapaza da Coruña, logo o resto dos meus amigos son todos españois, teño unha amiga china tamén. Os alemáns son xente moi moi difícil.
 
Que é o primeiro que fas cando chegas a Galicia?

O primerisisisisimo de todo e ir comer polbo á feira e beber un LK (licor café) e crema de augardente de sobremesa, facer a dixestión paseando coa miña cadela e quedar cos amigos.
 
Que lle dirías ó que estea pensando en virse para aquí?

Que o pense dúas veces non, 20. Non é fácil. O que venderon de Alemaña é unha falacia. Se queres vir ou ben xa con traballo dende España ou polo menos cun nivel bo de alemán. Senón con bastantes euros no peto para pagar unhas clases do idioma e para buscar piso un tempo. O traballo ven moito, moito despois.
 
Como se che presenta o futuro? Tes intención de volver ou de quedar alá?

Pois moi incerto coma sempre… non teño intención de volver. Quizás volveríamos máis da metade dos emigrados se Mariano e os seus amigos teñen a decencia de irse, pero como non teñen nin vergonza nin escrúpulos (imaxinade á imaxe que damos no estranxeiro e falo de Alemaña polo miña experiencia) quedarei en Alemaña ou noutro país de Europa que me queira acoller, cun bo traballo. Xa despois de 4 anos de estar licenciada e con experiencia ás miñas costas estou máis que farta de facer internships. As empresas aprovéitanse.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 11 de Agosto do 2014 | 12:43 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante